Tras sete anos de silencio, nos que non faltou que pensara que se disolveran, a icónica banda galega de rock alternativo retorna máis punki e, ao tempo, máis sensible que nunca
03 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Moitos ollos teñen aberto e moitos oídos teñen rebentado estas catro rapazas —ás que no 2019 se uniu o que ata entón era o seu produtor— dende que hai quince anos asomaron, para perplexidade de non poucos, asidas con enérxica e desafiante actitude aos seus instrumentos e perpetrando sen concesións un son rotundo e contundente a cabalo entre o stoner e o rock alternativo. A escena galega era daquela moi diferente a actual e Agoraphobia non tardaron en entender que a súa proxección debía abrirse a outras fronteiras, onde foron recibidas con xúbilo. Ata que, no seu mellor momento, chegou a pandemia e mandou parar. Colleunas cun discazo acabado de publicar e estreando profesionalidade. Un pau que asumiron poñendo o foco noutras actividades pero sen nunca chegar a abandonar a banda ao cen por cen. «De todo nunca paramos, pero si que tivemos ritmos moi lentos», explica Sabela, unha das guitarristas. Tan lentos que houbo que agardar sete anos para ter novo disco delas. Pagou a pena, iso si. Kamikaze, que así se titula, revélanos a unhas Agoraphoiba moito máis complexas e maduras. Igual de aguerridas pero máis sofisticadas e, ao tempo, sensibles. Por entre os muros de guitarras cóase agora o frescor de texturas sintéticas e electrónicas. E sobre a poderosa base rítmica elévase a voz de Susana, máis ferinte e profunda que nunca. «O obxectivo non foi nunca facer un disco que soase distinto. Tiñamos a idea previa de explorar atmosferas máis electrónicas pero acabou sendo algo distinto porque fixemos moitas cousas de xeito distinto», comenta a vocalista.
—Adeus entón ás Agoraphobia «stoner»?
Sabela. Agora somos un pouco máis punkis, pero o stoner aínda que igual non se vexa tanto, segue aí.
Susana. Eu creo que tamén é porque os tempos cambiaron, tanto a nivel persoal como da situación político-económica que está vivindo a xente da nosa idade. Entón, iso tamén che pide outro tipo de composicións e falar de outro tipo de cousas.
Paula. Pero a esencia de Agoraphobia eu creo que segue presente.
Susana. Fómonos desprendendo de medos e expectativas, ata o punto de que pensabamos que xa non había xente desexosa de escoitarnos. Así que agora facemos o que queremos sen ningún tipo de vergonza.
Sabela. E sen pedir permiso.
Paula. Ata perdemos a vergonza de facer cancións de amor.
—Din que se desprenderon de expectativas, cales lles quedan?
Susana. Seguir tocando. Pero non con ese rollo de querer ir, eu que sei, a Glastonbury. Que nos molaría? Claro que si, pero non o entendemos como unha meta.
Sabela. Moitas desas cousas xa nos pasaron por diante. Xa actuamos en Estados Unidos, en Filipinas e nos festivais máis top de aquí, tipo Mad Cool, Primavera Sound, Resurrection ou O Son do Camiño. Entón, non é que non queiramos volver, pero realmente agora a meta para nós é tocar moito e en moitos sitios.
Paula. E que nos coñeza xente que poida empatar co que nós facemos.
—Agoraphobia cambiou moito pero a escena musical cambiou tanto ou máis, como se senten nela no momento actual?
Sabela. Non sei se cambiou tanto. Os grupos internacionais que eu escoitaba cando empezaba a tocar a guitarra seguen todos aí. O rock do que nós bebemos segue estando presente.
Paula. Xa, pero o feito de que sigan aí os grupos de hai 20 anos tamén significa que non houbo un relevo claro no rock metal.
Sabela. Tamén hai grupos novos. Volve ser un bo momento para as bandas.
Susana. Eu conecto máis coa xente nova que está facendo música agora que coa que xirabamos cando empezamos, que era como máis indie e coa que, non sei por que, nunca empaticei. Naquela escena faltábame rebeldía. Nós conviviamos con ela pero nunca nos sentimos parte diso.
—Teñen novos referentes?
Paula. Entre os prexuízos que nos quitamos está o de escoitar cousas novas completamente locas.
Susana. Mentres faciamos este disco soou moito Fred Again, Skrillex... ata Bad Gyal.
Sabela. É que Bad Gyal é máis punki que moitos grupos de punk [rin].
Paula. Tamén collemos moito do hip hop, sobre todo do norteamericano.
—«Kamikaze» é un disco máis dinámico e con máis cores que os anteriores.
Paula. Iso si que foi pensado. Queriamos explorar un pouco máis os contrastes. Pasar dun tema lento como However it Goes a, de repente, unha metalada e despois a outra máis calma como Memories, e de seguido Kamikaze que é unha punkarrada. Atraeunos moito esa idea do contraste.
—Tamén hai unha evolución nas letras.
Susana. É lóxico. Falamos da nosa etapa vital, de chegar aos 30 e valorar quen somos e se o fixemos ben ou mal. Pero sen darlle moitas máis voltas. Se non o fixésemos así, non seríamos quen somos hoxe en día.
Paula. O disco rematou por ser a representación de como nos sentimos e nel falamos dos temas que nos tocan de cerca, dende a maternidade ás expectativas ou a como pensabamos que íamos estar neste momento da nosa vida e como estamos...
Sabela. Falamos das cousas que nos preocupan e que nos dan patadas no noso día a día dende a nosa perspectiva feminina.
—Lin algunhas crónicas e aínda as seguen presentando como «grupo feminino».
Susana. Iso moléstanos moitísimo. Houbo unha época na que o noso xénero era «grupo feminino». Fraco favor nos fixeron.
Paula. Eu entendo que cando nós empezamos chamase un pouco máis a atención, pero seguilo utilizando hoxe como reclamo ou como algo definitorio, máis alá da música, é algo que non entendemos.
Susana. Tanta rabia nos daba que houbo veces que cando nos preguntaban por ese tema diciamos: «Se a entrevista vai diso e non de música, mellor que te vaias».
Sabela. Á parte, agora tamén está Iago.
Paula. Iso, agora somos un grupo mixto [rin]. Pero ata cando entrou Iago houbo quen nos dixo que perdiamos a esencia.
Sabela. Interésanos falar de feminismo e dos problemas das mulleres pero falar do feito de que sexamos mulleres..., é obvio.
—Outro clásico, o de cantar en inglés. Nunca houbo debate sobre a posibilidade de cantar en castelán ou en galego?
Susana. Cantamos en inglés porque é a maneira orgánica na que nos sae a composición. Entón, imos sacrificar a maneira orgánica de facer arte por culpa de encaixar?
Paula. Nunca tomariamos a decisión de pasarnos ao castelán ou ao galego porque agora o estea petando se a nós non nos nace. Oxalá nos nacese cantar en galego, porque eu é o idioma que emprego acotío, pero facendo letras non me sae. E tampouco ninguén che asegura que cantando noutro idioma vaia ser diferente. Ti tes que facer o que che gusta, tirar para adiante con iso e defendelo a morte. E iso facemos.
—«Fixémolo ben ou mal», din. Que se impón nese balance?
Susana. Ben ou mal é relativo. Fixémolo como quixemos e iso é o importante.
Paula. Fixémolo ao noso xeito, sen seguir as pautas que marca a industria.
Sabela. E non nos arrepentimos.
Susana. Fixémolo de puta madre [rin].
—Onde ven a proposta da Agoraphobia no marco da actual escena musical?
Susana. En Galicia agora mesmo hai un repunte do folk electrónico e aí nós non encaixamos. Non me vexo facendo unha colaboración con Fillas de Cassandra.
Sabela. Público hai, pero está claro que o mainstream está indo cara a outro lado. O que se está programando nos festivais non son bandas e menos que canten en inglés.
Paula. A nosa escena é o underground. É onde estamos cómodas. E se podemos chegar aos sitios nos que historicamente estivemos, xenial tamén.
Susana. Agora mesmo estamos nunha situación na que somos conscientes de que temos que volver a baixar ao barro para intentar, cando menos, recuperar o lugar que tiñamos antes.
Paula. E nós encantadas, eh!