Alberto Busto, voz e guitarra de Arrhythmia: «Non estar apertando os dentes e aguantando todo é unha vitoria»
FUGAS
Nunca chegaron a irse de todo. Pararon para coller máis forza. E o resultado é «Cerø», un disco de «nu metal» máis pulcro e aberto a novas sonoridades
27 mar 2026 . Actualizado a las 12:16 h.O metal galego, e en galego, xa ten este ano disco de referencia. O que veñen de publicar Arrhythmia tras catro anos de silencio discográfico e un ano afastados dos escenarios. Os Arrhythmia de Cerø soan máis limpos pero igual de enérxicos. Máis abertos ao rap ou á electrónica pero sen desprenderse das súas influencias de sempre. Máis reflexivos pero igual de honestos. Gustaríame dicir que máis maduros, se non fose polo tópico. E neste traballo hai de todo menos tópicos.
—Que querían facer neste disco?
—Buah!, cancións, tío. A nós cústanos moito predefinir de antemán. Nunca nos sentamos a dicir: «Imos ir por aquí ou por alá». Sae un pouco en función do que estás escoitando no momento e das cousas que pasan na nosa vida.
—Que diferenzas recoñecen con respecto aos discos anteriores?
—Hai un pouco máis de limpeza. Antes, ao mellor canalizabamos a rabia de xeito máis ruidoso e agora está un pouco máis focalizada nas letras. O rap e a electrónica sempre estiveron nas nosas cancións pero agora teñen algo máis de presenza. Pero segue habendo cancións como Euforia, que son moi nu metal. De feito, esa canción escribina cando Linkin Park volveron.
—E este ano encabezan O Son do Camiño, xunto a Katy Perry e Dani Martín. Que lle parece?
—Non acabo de conectar moito con ese tipo de macrofestivais. Eu aínda estou un pouco chapado á antiga. As tribos urbanas, por unha parte, pechábannos a cabeza, porque eu cando era rapaz non podía escoitar rap porque los heavys no escuchamos rap [ri]. Tremenda parvada. Mira onde acabei. Pero cando vas a un festival con identidade, como que te sentes máis en familia, créase comunidade. En festis como O Son do Camiño eu síntome como nun centro comercial, basicamente. De feito, aínda que Linkin Park é un dos meus grupos favoritos non vou ir a O Son. Merquei entradas para velos en Lisboa.
—O 11 de abril actúan na derradeira edición do Candeloria. O metal en Galicia estase quedando sen citas festivaleiras?
—Á parte do Resu, segue habendo algúns festivaliños máis pequenos, pero si que é certo que quedan moitos menos. Pero, a ver, nos estilos un pouco extremos sempre fomos conscientes diso e vivimos un pouco á marxe dese circuíto. A nos pásanos que para os festivais modernos somos moi heavys e para os festivais heavys somos moi pop. Sempre navegamos en terra de ninguén. Pero, aínda así, non nos podemos queixar porque temos tocado practicamente todos os festivais galegos.
—Pasaron catro anos dende que publicaron o seu anterior disco e estiveron todo o 2025 sen actuar. Por que?
—O ano de parón en directo veu obrigado por temas da vida persoal de varios de nós. Entón, tentamos sacarlle a parte boa e dixemos: «Xa que imos estar un ano sen tocar, imos facer temas». E logo, o de tardar máis ou menos en publicar, aínda que sabemos que hoxe en día os tempos obríganche algoritmicamente a estar sacando un tema cada tres meses, a nós non nos gusta andar ás présas. Tamén é certo que desbotamos moitísimos temas antes de sacar estes. Non somos de facer unha canción e veña, sacámola xa. De feito, agora xa temos temas para sacar despois do verán. Estivemos a piques de metelos no epé, pero dixemos: «Imos gardar un par de balas, que ao algoritmo lle gusta».
—Din que neste último ano abordaron un proceso de «meticulosa introspección», que descubriron?
—Buah, é doloroso. Por exemplo, Amnesia, que foi o primeiro dos temas que escribín para este disco fala do Alzheimer porque meu pai sófreo e puiden mirar a esa enfermidade á cara durante moitísimas horas, no hospital e na casa, e pensar que tipo de demos hai dentro desa cabeza. Entón, claro, esas son cousas que doen moito e que as tes que chorar porque se as gardas, un día petas. Así que moitas cancións deste disco nacen de afondar no que che está fervendo neste momento.
—En «Euforia» repite varias veces «correr cara a ningún lugar». Ten esa sensación?
—Si, é esa sensación de saír de traballar, ir ao supermercado, andar ás présas, coller o coche para facer cousas rutineiras todos os días e non saber moi ben para que. Para cobrar ao final de mes un salario que se vai ir nunha hipoteca ou nunha letra do coche. Non sei moi ben que estamos facendo como humanos.
—Nesa canción tamén di: «Fracasei a utopía de chegar». É un pouco a crónica da historia do grupo?
—Neste caso era algo máis persoal. Ten máis que ver con ese soño americano, de coche, casa, can, e parella guapísima, que nos venderon de pequenos. E ao final, xa ves, aínda que teñamos catro cousas materiais, andamos sempre a correr, e para que? En relación coa banda non poderiamos dicir, para nada, que fracasamos, porque se con 18 anos nos din que iamos tocar onde tocamos e que iamos chegar á xente que chegamos, non o cremos nin de broma.
—«Resistir non é gañar», din.
—É que ese rollo de «venga, aguanta que tú puedes» é un engano absoluto e malvado. Ás veces non estar apertando os dentes e aguantándoo todo é unha vitoria.
—Hai xente moza, de 18 ou 20 anos, conectando co metal?
—Si e é algo no que eramos moi pesimistas. Hai 4 ou 5 anos tiñamos conversas entre nós de «tío, isto mórrese, a xente xa non quere escoitar guitarras eléctricas distorsionadas». Víamos que a xente nova tiraba cara a sons e contidos moito máis doces e que o noso tipo de música íase quedar obsoleto. Pero dun par de anos para aquí hai un auxe bastante gordo dos sons metal. Igual en Galicia non é onde máis, aquí todo chega con atraso, pero, por exemplo, en EE UU hai un auxe do metalcore, de punk, do hardcore e de rock. E iso en dous anos témolo aquí.
—En «Mesías» achéganse á electrónica bailable. É unha porta aberta a novas sonoridades de Arrhythmia?
—Ostras, pois molaríame sabelo, tío, pero de verdade non teño nin idea. Mesías non é a miña canción favorita do disco, xa cho digo. Esa canción foi un pouco unha cabezonería do batería que quería facer algo máis de electrónica bailable. Eu son moito máis escuro e non adoito tender cara a ese lado. Pero é certo que cando fixemos a listening party en Compostela e soou esa canción, a peña levantouse e púxose a bailar. Entón dixen: «La jodimos, tío» [ri]. Non sei, o tempo dirá. Eu, persoalmente, agardo que, a ver, algunha máis desas poida haber, pero que non sexa todo así.