O «ser ou non ser» resoa en galego cun «Hamlet» do século XXI

FUGAS

Dezaseis artistas conforman o elenco da adaptación de «Hamlet» do CDG.
Dezaseis artistas conforman o elenco da adaptación de «Hamlet» do CDG. PACO RODRÍGUEZ

O CDG actualiza o clásico de Shakespeare nunha produción de gran formato dirixida por Tito Asorey que pode verse ata o 3 de maio no Salón Teatro de Santiago

30 mar 2026 . Actualizado a las 17:34 h.

Loita de espadas, beberaxes con veleno, vinganzas, mortes, traizóns, corrupción, dúbidas, pantasmas... Todos os ingredientes orixinais, ademais de acción e un gran respecto pola palabra, para que ese «ser ou non ser, esa é a cuestión» pronunciado por Hamlet se manteña imperecedoiro máis de catrocentos anos despois de saír da pluma de William Shakespeare. Pero este príncipe de Dinamarca, que fala en galego desde as táboas do Salón Teatro de Santiago a través da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), non quedou atrapado no século XVII senón que se mergulla de cheo na actualidade. As mulleres gañan protagonismo, hai mensaxes televisadas do novo rei, móbiles, micrófonos ocultos... Unha receita enriquecida para facer reflexionar no presente sobre a importancia de cuestionar os mandatos, a verdade, a saúde mental, as relacións cos proxenitores, os xeitos de afrontar a morte...

Con esta produción da compañía pública galega dependente da Xunta, Hamlet volve escoitarse en galego vinte anos despois. No 2006, foron Luis Tosar e Manquiña dous dos protagonistas nunha peza dirixida por Lino Braxe. Aínda que o CDG se mergullou en varias ocasións no universo de Shakespeare —a última vez foi no 2023 ao reunir nunha montaxe as obras ambientadas en Roma—, trátase da primeira vez na que se achega á creación máis longa do dramaturgo inglés. Para conformar este «espectáculo total» —tal e como o define o responsable da compañía, Fran Núñez—, contaron cun elenco de dezaseis intérpretes baixo a dirección de Tito Asorey. Alejandro Jato métese na pel de Hamlet, mentres que Cristina Andrade se transforma en Ofelia durante as máis de dúas horas de montaxe. Xunto a eles están Sergio Abelaira, Belén Constenla, Raquel Espada, Isabel Garrido, César Goldi, Marita Martínez, Iolanda Muíños, Anxo Outomuro, Pedro Placer, Adrián Ríos, Machi Salgado, Toni Salgado, Inés Salvado Gontad e Sergio Zearreta. Un elenco que non só enche o escenario, senón que tamén ocupa numerosos espazos do Salón Teatro, onde as funcións continúan de mércores a domingo ás 18 horas ata o vindeiro 3 de maio.

«Quixemos facer unha obra onde a acción prime absolutamente, cun coidado pola palabra que hai que ter cando un se enfronta a Shakespeare», afirmou Tito Asorey, que tamén se encargou da dramaturxia xunto a Vanesa Sotelo. Precisamente, Fran Núñez agradeceulle ao director da peza «a valentía de facer un Shakespeare como ten que ser. Creo que o respecto ao autor está en afrontalo como se montaba, e Shakespeare vivía de meter xente no teatro; tiña esa vontade espectacular, de divertir, de atraer ao público e, en paralelo, tratar cuestións profundas». Unhas premisas que cumpre este Hamlet do século XXI e en galego, que no medio da traxedia tamén esperta máis dun sorriso no espectador —e lle obriga a algún que outro brinco no asento—.

O público está apoiando a aposta polo clásico universal coa metade dos tiques vendidos xa antes da estrea. As primeiras funcións esgotaron as entradas e para as vindeiras representacións quedan moi poucos asentos baleiros. «Lera a peza e comprendina moito mellor despois de ver este espectáculo», comentou unha espectadora despois de comprobar que «algo cheira a podre en Dinamarca». Cara á recta final da súa estancia na sede do CDG, aínda hai dispoñibilidade suficiente de butacas. Con estas cifras, Hamlet continúa o camiño aberto por Memorias dun neno labrego, que esgotara as localidades para a totalidade de funcións que ofreceu en Santiago. Un éxito ao que tamén contribúe o crecente interese pola iniciativa Sobes ao bus de teatro?, que facilita a asistencia desde 35 municipios.

iniciativas complementarias

Ademais, o que quede con máis ganas de Shakespeare despois de Hamlet ten onde elixir. O CDG uniulle outras iniciativas, como pases de Mala vida e pior morte de Ricardo III, un monólogo de Evaristo Calvo coproducido por Excéntricas e a propia compañía dependente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A primeira das representacións xa foi esta semana e haberá novas oportunidades de asistir a esta revisión do que foi o monarca inglés Ricardo III os días 1 e 8 de abril.

Outra das propostas é o programa Improversións, que ofrecerá cinco sesións baixo o título A propósito de William, a cargo da compañía Improversados. A primeira sesión con Víctor Castro, Antía Vidal e Diego Salgado é este domingo, e regresarán os días 5, 12, 19 e 26 de abril. As entradas están á venda en Ataquilla.