9Louro, o artista de 21 anos que esgotou as entradas en vinte minutos: «Nas cancións non teño filtro, falo do que vivo e digo todo o que sinto»
FUGAS
Con 21 anos, é a voz máis destacada da súa xeración, o artista chamado a ser a referencia da nova escena urbana galega. O 19 de marzo presenta o seu segundo disco, «Amorrer», na sala Capitol de Santiago
27 feb 2026 . Actualizado a las 13:17 h.Hai ano e medio Martín Louro (Muros, 2004) era un estudante dun ciclo de Electrónica cunha serie de inquedanzas musicais que se concretaron nun disco feito nun verán dende a súa habitación. A empatía e a conexión emocional que as súas cancións xeraron traspasou calquera previsión. 9Louro converteuse no primeiro gran fenómeno entre os artistas galegos nacidos neste século. Conseguiuno grazas a un universo musical variopinto —no que teñen cabida as sonoridades urbanas e o pop pero tamén os ritmos latinos— que arroupa unha narrativa intensa sobre o amor, a perda e a identidade xeracional. Sempre coa naturalidade no uso do galego como sinal de identidade. Baixo esas premisas, e de novo con Yuly como piar fundamental na produción, 9Louro vén de publicar Amorrer, un disco que o reafirma como o referente central desa nova escena galega en ebulición.
—Cal era a idea previa que tiña, que quería facer con este segundo disco?
—Eu díxenlle a Yuly que quería que fose como Nove Noves, ou sexa, con ritmos diferentes, pero multiplicado por tres. Eu empecei a facer o disco e non sabía que ía ser de min e no proceso foi cando decidín dedicarme só a música.
—Que o levou a tomar esa decisión?
—Estaba nas prácticas do ciclo superior de electrónica e tiña que decidir se buscaba un traballo diso ou se lle dedicaba todo o meu tempo á música. Así que sentei con meu pai e miña nai e díxenlles: «A Xanma [o seu irmán e músico en The Rapants] saíulle ben. Vou intentalo eu tamén, a ver que pasa». E de momento está indo ben.
—Que foi o máis importante que aprendeu neste último e intenso ano?
—Aprendín que tocar en directo é o máis importante. Canto máis tocas, máis xente vas coñecer, máis repercusión van ter os teus temas e máis ideas vas ter de cara a facer cousas no futuro. Todo o que conleva o proceso artístico, tocando en directo, multiplícase. Actuando foi onde máis madurei musicalmente.
—En que cambiou 9Louro neste ano?
—Son unha persoa moito máis libre. Teño todo o día para poder facer música e iso é unha bendición porque podes probar moitísimas cousas. Ademais estou moi contento porque hai moita xente en Galicia que está facendo música co mesmo rollo. Cada vez hai máis escena e iso está xenial.
—E en que cambiou Martín?
—Creo que son unha persoa un pouco máis madura. A música axudoume moito a darme conta da importancia de moitas cousas na vida e a saber en que gastar o tempo.
—En «Volver a naser» fala de non esquecer quen é nin de onde vén, que era unha cuestión que xa aparecía no disco anterior. Segue a ser unha prioridade para vostede?
—Esa mensaxe de ser sempre ti mesmo e de que te atrevas a facer as cousas que che gustan é do que máis orgulloso estou. Servir de exemplo para que os nenos empecen a facer temas en jallejo é unha das cousas que quero conseguir coa música.
—«Eu cambieino todo porque os nenos aprenden "jallejo" pa' cantarme os temas no bolo», di nunha canción.
—É que antes eras guai se cantabas en castelán e agora elo se cantas en galego. Démoslle a volta a tortilla. Ver aos nenos cantando os temas en galego nos concertos e na escola é algo do que pouca xente pode presumir. A min encántame.
—Hai un ano, cando publicou o primeiro disco, díxome: «Todo o que escribo sae do meu peito». Segue sendo así?
—Totalmente. Eu son un rapaz que escribo as cousas como son, sen inventar nada. Non son un flipado. Nunca me vas ver dicindo unha parvada. Falo do que vivo, do que sinto e das cousas que me pasan. E iso é o que me fai ser eu mesmo sempre.
—Di nas cancións deste disco cousas que hai un ano non se atrevía a dicir?
—Non. Eu nas cancións non teño filtro. Sempre intento falar coa xerga miña, para que a xente sinta que está escoitando a 9Louro, pero sempre digo todo o que sinto.
—O micro como pistola, di nunha canción.
—[Ri] Si, é unha forma de falar. Ás veces sáeme unha mínima parte de rapeiro.
—Non se considera rapeiro?
—Para nada. Visto como un rapeiro e falo como un rapeiro, pero eu son cantante. Eu non fago temas de rap.
—Cal foi a canción que máis lle custou escribir?
—Fíos, que é o último tema do álbum. Fun a ver a The Rapants a Madrid, tiven unha discusión coa miña parella e no tren de volta escribín o tema enteiro do tirón.
—Nesa canción di: «Ti coñeces a Martín e tamén a 9Louro». Son moi distintos?
—A verdade é que non. Obviamente, quen sobe ao escenario é un personaxe. Non son así pola rúa. Pero non son moi distinto.
—Nesa canción tamén di que hai unha voz que lle guía dende dentro do seu ser.
—Si, teño a sensación de que as ideas que me saen, sáenme por algo. O outro día estaba na casa ceando cos meus pais e, de repente, veume unha idea para un tema. Tiven que parar de cear para poñerme a escribir, porque se non, despois, non me acordo.
—Canto lle debe a Yuly, o seu produtor?
—Uf!, moito. Yuly é un superdotado musicalmente. El non é consciente da cousas que fai. Vai ser unha persoa á que todo o mundo da música respecte moito. É que non hai nada que non poida facer. Non teño palabras para definilo. Como traballador é perfecto e como persoa e amigo é incrible. Tocoume a lotería con el.
—A maioría das cancións falan de amor e desamor. Vive moi intensamente, entón?
—A ver, son bastante sentimental. E este ano empecei a vivir coa miña moza. Son moitos cambios. De vivir nun piso de estudantes, que estás de festa tres días á semana, a vivir coa túa parella xa cousas máis serias, tamén che dá para reflexionar.
—En «Invisible» di: «O meu único soño é ser libre». Que é para 9Louro a liberdade?.
—Esa canción é unha reflexión sobre o malo de ser artista. Cando digo o de querer ser libre, falo, por exemplo, de ir un día a tomar algo de noite e que non che fale moita xente nin che pidan fotos. Que non me molestan, pero é que igual o que eu quería era estar cos meus amigos, relaxado.
—Como é un día perfecto para Martín?
—Espertar coa miña parella, comer con ela e despois traballar. E se me sae un tema guai, hai que quedar cos amigos e ensinarllelo. E xa, para que sexa perfecto de todo, rematar indo a un concerto.
—Hai unha parte do disco máis introspectiva pero hai outra que é moi festeira, moi verbeneira. É u novo rexistro de 9Louro?
—A min encántame facer temas de pura alegría e á xente nos bolos encántalle bailar. Así que non quería que este fose un álbum para cantar en directo e estar todo o tempo triste. Quería que tivese a súa parte de estar triste, a de estar contento e a de bailar. E creo que o conseguín.
—É bailongo?
—Si, de festa, si. Non son dos parados.
—Un momento recente que recorde con especial agarimo?
—Cando actuei en Baio, nos premios Fouciño. Cheguei alí, un día de frío, e pensaba que non ía ir ninguén. E, de repente, a unha da mañá, cando empecei, estaba aquilo petado e todo o mundo sabía todas as cancións. Estaba no escenario e estábame rindo só porque non daba crédito.
—Que lle dá medo de aquí en adiante?
—Uf!, é que vai ser un ano moi movido, con moitos concertos e hai que facelo ben en todos. Estou bastante nervioso polo da Capitol. Hai que preparar moitas cousas.
—Como vai ser ese concerto na Capitol?
—Vai ser longo. Vou cantar Amorrer enteiro e logo os grandes éxitos persoais [ri]. Vai ser un festón criminal. Con moitos invitados e con todos os detalles moi coidados. Vaise notar un salto de calidade grande.
—Fixo «sold out» en 20 minutos.
—Uf! Mira que eu non adoito poñerme nervioso por cousas de música, pero ese día andaba a voltas pola casa. É a miña primeira sala e unha sensación que nunca sentira. Pero despois, flipei. Non agardaba algo así, para nada.
—Canto lle influíron The Rapants?
—A ver, se meu irmán non fixese música en galego igual non me daba por aí. Estou convencido de que por min mesmo eu houbera chegado a facer música, porque me gusta moitísimo, pero no sei si sería en galego, porque os meus referentes eran todos músicos que cantaban en castelán.
—En «Volver a naser» di: «Sempre confiei que podía». Quen máis confiou en 9Louro?
—Álvaro, o meu mánager, foi o que sempre puxo todo para que se dera isto. E Xian e Fabio, que son os meus compañeiros de toda vida.
—En «Nin me emosiono» repite moitas veces: «Fíxeno eu só, fíxeno eu só...». É do que máis orgulloso e sente?
—Eu digo que o fixen eu só, pero en realidade non é así. Fixémolo eu, Yuly, Antón, Xián... Foi un movemento que creamos entre todos. Pero si, síntome orgulloso de ser eu a persoa que sacou esas cancións. Hai que ter amor propio tamén.
—No disco hai varias colaboracións, algo que xa é moi habitual nesta xeración de músicos. Dan a sensación de colectivo, de ir todos a mesma, de apoiarse uns a outros... É así?
—Totalmente. É que somos todos supercolegas. Hai un bo rollo increíble. Imos comer por aí todos xuntos, saímos por Santiago, imos aos concertos... E iso ao final fai que se dean todas estas colaboracións.
—Un soño por cumprir?
—Actuar no festival das Carrilanas de Esteiro.