Queen Rendi: «Quería un disco con mensaxes, pero que non adoutrinase»

FUGAS

Queen Rendi.
Queen Rendi.

«Zorra despiadada» mestura o rap, o pop e o «dancehall», a rabia e o baile, o galego e o castelán, o humor manchego e a nosa retranca

20 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Podería ser unha diva ou unha muller fatal. Seguro que tamén un anxo. Pero escolleu ser Zorra despiadada. Así titula o seu irreverente, divertidísimo e refrescante disco de presentación Queen Rendi (El Viso de San Juan, Toledo, 1989), unha manchega afincada en Compostela dende hai 12 anos. Un disco con raíces de rap que non disimula as súas querenzas polo pop, polos ritmos latinos e polo dancehall, e no que Queen Rendi inclúe catro cancións en galego, unha lingua na que xa é capaz de desenvolver esta conversa. «Cústame porque cheguei a Galicia xa con 21 anos e é máis complicado cambiar o chip. Pero síntome comprometida. O que me choca é a cantidade de xente que hai aquí, que incluso fixo os seus estudos en galego, pero que despois non o falan no día a día», comenta a artista que este venres 20 estrea en directo este traballo nun concerto no Riquela Club de Santiago.

—Ou sexa que o de cantar en galego non foi por unha estratexia comercial?

—Para nada. Se non, teríao feito moito antes. Foi algo progresivo. A primeira vez que o fixen foi nunha colaboración con Igmig. Pero tiven que agardar a sentirme máis cómoda falando e ser capaz, por exemplo, de manter unha conversa en galego antes de atreverme a cantar nesta lingua. Por iso tardei tanto.

—Cal foi a primeira que escribiu?

Cala a boca. Que, precisamente, é unha canción que fala das miñas raíces manchegas e de como me sentía en Galicia. Eu non me sentín manchega ata que cheguei aquí. Eu non tiña esa identidade nin ese sentirse dun lugar, vaias onde vaias. Escribir e gravar Cala a boca foi como romper unha barreira que eu non era capaz de traspasar por vergoña ou por medo. A partir de aí, as seguintes cancións xa saíron soas.

—Escolleu o título, «Zorra despiadada», porque era impactante ou porque a define?

—Resignificar a palabra zorra como muller empoderada é algo moi común no mundo do rap e do trap, pero no meu caso, tamén é unha coña. En realidade, todo o disco é un pouco unha coña. Obviamente eu quería que o título fose impactante, que fose un zasca, pero tamén quería marcar diferenzas coa miña etapa anterior, como Rendi Nue, na que facía música máis introspectiva e máis profunda, e na que me angustiaba por todo. Con Queen Rendi quería liberarme de toda aquela presión que eu me autoimpoñía. Quería facer música para divertirme. Música desenfada e que a xente poida bailar. Quería que o disco tivese mensaxe, de feito hai moita crítica ao sistema, ao machismo, á precariedade eá hipocrisía pero tamén hai humor, goce e gañas de vivir. Non quería que fose un disco activista nin para adoutrinar. A resistencia non ten por que ser solemne. Así que cada vez que quería facer unha crítica optaba pola sátira e polo humor.

—Ademais do humor hai tamén bastante provocación. Considérase provocadora?

—A ver, eu non son unha persoa moi discreta [ri]. E está claro que na música sae a persoa que ti es. Provocadora? Hai artistas moito máis provocadoras ca min. O que é certo é que na tendencia que se está a impoñer no mainstream é todo moi limpo, moi branco, moi tranquilo... E a min o clean look non me gusta. O que eu fago é o contrario. Ou sexa que si, supoño que será provocación.

—Tamén tingue de humor o feminismo. Déixao ben patente en cancións como «Las guapas también roncamos».

—Esa canción naceu para criticar o feito de que a sociedade actual está utilizando os canais dixitais para lanzarlle unhas mensaxes á chavalería e para impoñerlles uns códigos estéticos e morais que son a mesma merda que hai 40 anos. Pero é que cancións como esa ou como No soy su mamá o Ni tú ni yo xorden das conversas, entre risas, que teño coas miñas amigas. Son situacións cotiás que se converten en clixés absurdamente integrados e aceptados pola sociedade. En realidade son como pequenas crónicas costumistas.

—Preséntase como rapeira, pero teño a sensación de que esa definición limita moito os seus rexistros. No disco hai rap pero tamén hai reguetón, hai salsa, moito pop e «dancehall».

—Eu quería facer un disco que fora bailable e que fora festivo. Haberá xente que diga que isto no rap e é certo, pero penso que si que hai moitas partes nas que se nota que veño desa desa cultura. Pero tamén é evidente que hai moitas referencias á músicas que me molan, como o dancehall, os ritmos latinos ou o reggae. A finalidade disto épasalo ben e que a xente desfrute da música, sen darlle moitas máis voltas.

—Como definiría a Queen Rendi a alguén que non a coñece de nada?

—Diríalle que conceptualmente é un proxecto de autoafirmación dunha rabia transformada en humor ácido. Por iso as miñas letras son a miña identidade e son moi directas. E a nivel estético xogo moito coa provocación, coa sensualidade consciente e coa ironía. Non para agradar senón para incomodar un pouco e facer pensa. Como ferramentas de discurso, non como adorno.

—Hai unha canción que ten un rexistro un pouco diferente, «A xefa son eu», na que se presenta como unha «diva underground» e relata como é a trastenda nada glamurosa da industria musical.

—Cando fixen os videoclips a xente dicíame: «Guau, que bonito, tes aí un equipo enorme». E eu pensaba: «Se che contase que contratei un cámara, lerei a un par de colegas e o resto, incluída a montaxe, fíxeno eu todo». É curioso como a industria musical, que ten como base a arte e a creatividade, é unha das máis capitalistas e voraces que existen. É moito máis difícil avanzar nun proxecto musical que se montas, eu que sei..., unha taquería.

—Acaba de sacar un disco, empeza unha xira... Son os primeiros pasos para entrar nesa industria?

—Neste momento, o meu único obxectivo é pechar un círculo de satisfacción persoal. É posible que cando acaben estes concertos tome a música doutra maneira ou incluso que a deixe. Aínda que xa dixen varias veces que a ía deixar e sempre me pasa algo e de repente teño un proxecto novo [ri]. Pero agora o que quero é amosar estas cancións, aínda que só sexa por todo o traballo que me custou facer o disco, no que houbo momentos no que dixen «paso de sacalo». Para min é pechar un círculo e sentir que eu, que non teño mánager nin booking, fixen todo o que puiden para demostrarme a min mesma que non é cuestión de que eu non valla senón de que a industria ten unhas barreiras de entrada que son moi difíciles de superar. É certo que me está custando moitos cartos, moito tempo e moita saúde, pero agora xa é unha cabezonería miña.

  • SANTIAGO. RIQUELA. VENRES 20. 20.30 H. 7 EUROS