Memoria histórica e musical para con Gustavo Durán

FUGAS

O guitarrista tudense Samuel Diz e o tenor arxentino Jonatan Alvarado presentan en Tui «El mal de l'amor. The Songbook of Gustavo Durán», un concerto con composicións inéditas do músico e poeta da Xeración do 27 

13 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Músico, poeta e, tras o seu exilio, diplomático, Gustavo Durán (Barcelona, 1906-1969) é unha das figuras máis enigmáticas da Xeración do 27. Co obxecto de rachar con esa situación, o guitarrista tudense Samuel Diz e o tenor arxentino Jonatan Alvarado, veñen de publicar El mal de l’amor. The Songbook of Gustavo Durán, un libro cedé con 31 composicións inéditas e 88 páxinas coa súa biografía, fotos, letras, poemas e textos sobre a investigación e o proceso de recuperación patrimonial levado a cabo por Diz e Alvarado a partir de tres cadernos musicais manuscritos que formaban parte do arquivo da histórica Residencia de Estudantes de Madrid.

 «Son moi heteroxéneos. Hai desde transcricións de música antiga, de monodia gregoriana ou de polifonía do século XVI ata melodías populares das diferentes partes do mundo que el visitou ou nas que viviu. En realidade, son case como un atlas sonoro», explica Samuel Diz.

O guitarrista tudense entende esta recuperación da obra e da figura de Gustavo Durán como «un exercicio de memoria histórica desde a perspectiva dun personaxe perseguido tanto pola ditadura franquista como despois, en Estados Unidos, polo macartismo». E, por outra banda, dentro do contexto musical do século XX, «son cadernos que reflicten o seu interese pola diversidade cultural e por escoitar as músicas dos países aos que chegou», engade.

Samuel Diz e Jonatan Alvarado presentan este traballo o venres 13 en Tui nun concerto no que farán unha selección do repertorio do disco na que estarán presentes os diferentes estilos musicais que forman parte do cancioneiro de Gustavo Durán. «Farémolo nun formato moi íntimo, de voz e guitarra, coidando ao máximo o traballo musical e o estético, co fin de reflectir esa expresión tan grande dos sentimentos que conteñen estas obras».

  • TUI TEATRO MUNICIPAL. VENRES 13. 21 H. 10 EUROS