A cantante do Incio celebra os seus 40 anos, os 20 na música e os 15 da súa participación en a Eurovisión cunha canción na que abre portas a novas sonoridades e a novas actitudes vitais
30 ene 2026 . Actualizado a las 23:04 h.Reconverteu Lucía Pérez a manida crise dos 40 en revitalizante estímulo. Sempre vitalista, inqueda e optimista, a artista do Incio engade ao seu catálogo de postulados vitais unha importante dose de reafirmación e certa rebeldía inconformista. Testemúñao o xeito ben explícito en Porque no, a rotunda e bailable canción que publicou este xoves a xeito de declaración de principios —vitais e musicais— e de autohomenaxe polos seus 40 anos de vida, 20 de carreira e 15 dende que foi a Eurovisión.
—Di que esta é unha «versión mellorada» de Lucía Pérez. En que cambiou?
—Cambiei o que a vida me fixo cambiar. Se ao longo dos anos non cambiamos, malo. Eu creo que é é bonito cambiar, mudar, mellorar, tomar outros camiños. Eu, por exemplo, antes sempre dicía as cousas coa boca pequena. Iso trasladou unha imaxe de que a Lucía parece que todo lle vale. Pero a vida deume uns sinais marabillosos que me fixeron espertar e tomar conciencia de que para seguir avanzado hai que dicir determinadas cousas. Dicíndoas ben, dende o respecto e sempre coa verdade por diante.
—Ten a sensación de que ten calado moito, de que ten sido prudente de máis?
—Totalmente. Moitas veces digo: «Por que non tería tido eu un pouquiño máis de reprís? Se tivese dito ou feito isto...». Iso si que me tería gustado. Pero, en fin, cada unha é como é. E non me arrepinto de case nada na vida.
—«Non me para nada», di nesta última canción. Tampouco ninguén?
—Tampouco. Como eu sempre fun unha artista independente, fago o que me peta. Excepto o ano de Eurovisión, que estiven con Warner. E foi aí cando me dei conta do ben que se está cando unha decide o que quere facer co seu tempo. Iso, e poder dicir que vivo exclusivamente da profesión é un auténtico luxo. Por iso non teño medo a que ninguén me poida parar.
—A frase que máis repite na canción é: «Vou seguir sendo eu para toda a vida». Pedíronlle moitas veces que non o fose?
—Aínda que, efectivamente, hai cousas que penso que non debería ter feito, nunca tiven ese momento de imposición. De canta isto, de fai isto outro... Niso tiven sorte.
—Cal foi a alegría máis grande que lle deu a música?
—Seguir ilusionada co que fago, con preparar unha xira, con subirme ao escenario, con desfrutar co público...
—E o pau máis grande que levou?
—Houbo momentos como moi de soño coas Américas, en plan ir a Miami con promesas de facer moitas cousas alí, pero eu, que estou sempre cos pés moi na terra, enseguida fun consciente de que aquilo non ía a ningún lado. Eu son sempre tan realista que me custa levar algún pau gordo.
—Como se imaxinaba aos 40 anos cando empezou na música?
—Aínda que eu confiaba en que ía vivir disto, non me podía imaxina o que eu puiden vivir ata agora, porque vivín moitas experiencias moi heavys, que están aí comigo. Por iso moitas veces me teño que beliscar e digo: «Joder, é que levas 20 anos facendo aquilo que querías». Con moitísimo traballo e con moita constancia, pero a verdade é que aquela nena do Incio que estaba alí diante do palco da orquestra era imposible que imaxinase todo o que despois viviu. Por iso que é un soño cumprido.
—Cúmprense 15 anos da súa participación en Eurovisión. Que foi o máis importante que aprendeu naquela experiencia?
—Aprendín a dicir que non. E seguramente se tivese dito máis nons antes de ir, iríame mellor. En calquera caso, e a pesar de que fun cunha canción que non era a miña favorita nin a que me tería gustado levar, vivín unha experiencia que poucos artistas poden vivir. Vivín momentos moi bonitos e recórdoo como unha das experiencias máis importantes da miña vida. Ademais, grazas a Eurovisión, abríronseme moitas portas.
—Sinceramente, pensaba que tras o seu paso polo festival ía chegar máis lonxe?
—Naquel momento, probablemente, non se fixeron as cousas como deberían terse feito. Pero, vaia, se non cheguei máis lonxe, sería por algo. Eu cada vez creo máis no destino que nos marca a vida. Podería terme collido unha multinacional e tería petado? Pode ser. Pero entón igual non estaría vivindo en Galicia rodeada da miña xente. É dicir, que é o éxito e que é a felicidade? Pois para min o éxito e a felicidade plena é o que estou vivindo agora.
—Volvería presentarse a Eurovisión?
—Se fose cunha canción como Porque no, si me presentaría. O que teño claro é que se me presentase, tería que ser cunha canción coa que estivese convencida ao 100 % e que fose a medida exclusivamente para min.
—En «Porque no» achégase a novos sons. Por onde vai tirar a partir de agora?
—Pola liña das miñas últimas cancións, a partir de Na miña pel, onde empecei con esas influencias mexicanas mesturadas coas raíces galegas. Ao final, é folclore do mundo. Son as nosas tradicións, o que levamos dentro, o que sentimos.
—Pero en «Porque no» hai tamén un coqueteo coa electrónica bailable.
—Si, claro. Eu non me quero poñer ningunha barreira. Sempre, por suposto, mantendo a miña identidade. Eu sei perfectamente o que non quero facer, pero non me pecho a descubrir novos camiños.
—Achégase ás sonoridades latinas pero non dende a perspectiva do urbano.
—Eu estou moi a favor do latino. Hai quen me di: «Es a nosa Rocío Dúrcal do século XXI». Pois marabilloso. Pero na música latinoamericana actual hai outros grandes artistas que me inspiran moitísimo.
—Estase a falar moito do momento que está a vivir a música galega. Como o ve vostede, que xa leva a metade da súa vida nisto?
—Home, está claro que é bonito. É verdade que hai unha eclosión, principalmente na mestura de tradicional e electrónica. Hai unha xeración nova que está chegando con enorme talento, do cal alégrome moitísimo. Pero sigo dicindo que falta xente que aposte, coma eu, pola música popular.
—Sénteste un pouco á marxe da escena actual?
—Ás veces teño a sensación de estar un pouco en terra de ninguén. Ao final, eu fago música pop con diferentes influencias, pero non hai moitos artistas que estean aí, no meu nicho. E cantos máis fósemos, mellor sería. Oxalá cheguen máis artistas que tiren polo pop en galego.
—Por que Lucía Pérez non está nunca nos carteis dos festivais?
—Porque os que os programan nunca me viñeron ver en directo. Se viñesen, daríanse conta de que encaixo perfectamente. Pero hai como uns prexuízos aí que non acabo de entender. Será cuestión de tempo ir rompendo con eles.
—Leva oito anos sen sacar disco, que plans ten nese sentido?
—Gustaríame recompilar nun disco estes oito ou nove temas que levo sacado e que non están en ningún lado en formato físico. Eu sigo apostando por ese público que segue mercando discos, que quere ler as letras, que quere ver o libreto, que quere saber de quen é esa composición... Entón, si que me gustaría, coincidindo con este triplo aniversario, pechar o ano facendo algo bonito con estas últimas cancións.