Esta novela narra a historia dunha muller rebelde, libre e adiantada ao seu tempo, que ten posiblemente moitos trazos autobiográficos da súa autora
23 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Marisa Castro (Lugo, 1955), doutora en bioloxía e micóloga, conta na súa segunda novela, Soño de liberdade (Hércules de Ediciones, 2025), a historia de Sabela Couto, unha personaxe ficcional do rural lucense nada en 1949 e que padece a dura realidade da sociedade da época para cumprir os seus obxectivos. A historia comeza co nacemento da protagonista nunha posguerra con moitas necesidades e cartillas de racionamento. Remata con ela xa casada, tras as dificultades do primeiro amor, con formación superior e celebrando a conquistada democracia en España. Unha muller rebelde, libre e adiantada ao seu tempo, que ten posiblemente moitos trazos autobiográficos da autora.
A novela é un texto de fácil lectura, dividido en capítulos curtos, que narra a durísima batalla da protagonista para saír dun rural hostil, que non lle gustaba, mesmo se podería dicir que semella odiar, e da submisión do seu pai, algo que consegue tras ter a posibilidade de estudar e traballar fóra da casa.
a sociedade das aldeas
Marisa Castro fai unha minuciosa e detallada descrición da sociedade rural do século XX en Galicia, dos labores agrarios, dos costumes e da precariedade en aldeas mal comunicadas, sen servizos e cunha carga diaria de traballo que impedía aos seus habitantes chegar ao estado do benestar. Tamén describe as dificultades ás que se enfrontaban as mulleres e as inxustizas que padecían, sempre baixo a tutela dun home, ben fose o pai ou o esposo, aínda que destaca a presenza de benefactores e familiares sensibles coa situación, que axudaron moito á protagonista na súa loita, dende o avó a unha tía.
A historia está en parte narrada pola xornalista de ficción Rocío Cid, a quen Marisa Castro xa empregara como condutora da súa primeira novela, A saga das curandeiras (Hércules de Ediciones, 2022), e que recupera nesta, que pode non ser a última. Foi publicada simultaneamente en galego e en castelán.
«SOÑO DE LIBERDADE»
MARISA CASTRO
EDITORIAL Hércules de Ediciones, 2025 PÁGINAS 230 PRECIO 22,50