Galicia é terra de oportunidades para músicos que chegaron de fóra: «Madrid é inaccesible, aquí tes moita máis visibilidade»
FUGAS
Peitoescuro, Queen Rendi e Enric Pellicer están a vivir e a lanzar dende aquí os seus proxectos, mesmo cantando en galego. Todos eles concordan en que «é máis doado e tes moita máis visibilidade»
09 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Chegaron a Galicia por amor, por traballo ou por casualidade. O caso é que decidiron quedar, integrarse, compoñer e agora están lanzando dende aquí os seus proxectos musicais, nalgúns casos mesmo cantados en galego. As súas reflexións sobre as súas peripecias musicais dende esta terra apuntan todas na mesma dirección: en Galicia é moito máis rápido e doado acadar certa visibilidade e contactar e establecer lazos cos axentes da industria. «Para comezar a facer música, cidades como Madrid son innacesibles. Alí para tocar nunha sala tes obrigatoriamente que pagar por adiantado», comenta Peitoescuro, nun máis que correcto galego.
A súa é unha historia fascinante. Rubén Gutiérrez naceu e viviu nun barrio da periferia de Madrid, onde tiña un grupo de punk rock. Estudou Enxeñería Agrícola e especializouse en oliveiras. No 2016 mudouse a unha aldea de Quiroga (Lugo) para facer plantacións. Estivo uns anos sen compoñer ata que escoitou o primeiro disco de Xosé Lois Romero e Aliboria. «Petoume a cabeza e comecei a utilizar a linguaxe sonora do folclore para as miñas novas cancións», conta. Cancións que lle ía cantando ao seu fillo pequeno. E foi así, cantándolle ao meniño na intimidade, como se soltou a falar galego e como foi conformando musical e conceptualmente o proxecto de Peitoescuro.
No 2022 comezou a cantar na rúa e en pequenas festas e locais da zona do Courel e en xaneiro do 2025 publicou o seu primeiro sinxelo, Alvorada, baixo a produción de Iago Pico e cun coidado videoclip. Dende entón xa coñecemos outros tres adiantos do que será o seu primeiro disco, Semente na fenda, no que deixa patente ese xeito tan persoal, profundo e, ao tempo, poético de trasladar á súa música esa conexión tan pasional, ancestral e, por momentos, tribal que mantén coa terra, coas tradicións e coa natureza.
«Sempre me fixo moita ilusión cantar en galego pero tiña o síndrome do impostor. Cando empecei a facelo foi dun xeito absolutamente orgánico. Chegou un momento no que cando estaba escribindo e tiña que nomear cousas relacionadas coa natureza saíanme en galego porque eu aprendinas aquí nesa lingua. E decateime de que non tiña sentido traducilas ao castelán porque semellería impostado. Foi así como empecei a escribrir cancións en galego. Non tivo nada que ver con estratexias nin co márketing», di.
UNHA OPORTUNA AVARÍA
Non menos curiosa que a de Peitoescuro é a peripecia que propiciou que o barcelonés Enric Pellicer ficase en Galicia. «En el 2020 empecé a vivir en una furgoneta. Recorrí Francia, el norte de España, Portugal y llegué a Galicia, a la playa de As Furnas. Me quedé fascinado. Estuve un mes por aquella zona haciendo surf y un día se murió el motor de la furgoneta. La reparación era lenta y costosa, así que alquilé un piso en Corrubedo y allí, paseando por la playa y los montes y conociendo a los pescadores, se despertó en mí el hecho de querer volver a hacer música», relata.
Dende entón, puxo en marcha Belish, un proxecto persoal de música electrónica, e Amaramar, unha banda de indie-rock alternativo coa que publicou El mar, un álbum que presentou en directo na sala Capitol xunto a Barry B. «Tener una oportunidad así en Barcelona es impensable. Cuando fui allí a presentar el disco de Belish, en todos los sitios tuve que pagar para poder tocar», comenta. «Muchos músicos piensan que para sacar adelante un proyecto tienes que irte a Madrid o a Barcelona y yo creo que es justamento lo contrario. En Galicia es mucho más fácil darte a conocer. Se les presta mucha más atención a a los artistas emergentes». Se ben insiste en puntualizar que a súa decisión de asentarse en Galicia non tivo que ver cunha idea premeditada de sacar discos e facerse famoso. «Fue un golpe de suerte», di.
Unha das cousas que xa lle leva tempo rondando a cabeza a Enric Pellicer é publicar unha canción en galego. «No es una cuestión que tenga que ver con mi proyección comercial. Es mi manera de dar las gracias a Galicia. Desde el primer día me he sentido muy identificado con esta tierra y con su lengua».
MANCHEGA DESPIADADA
Descubriu Galicia a toledana Queen Rendi no 2013 grazas a unha invitación que lle fixo DJ Mil. Daquela ela xa formara parte de proxectos musicais de música urbana con certa repercusión a nivel estatal. Lembra que naquela primeira estadía en Galicia xa contactou con moita xente, iniciou unha relación cun Dj galego e un ano despois xa estaba vivindo en Santiago. «O primeiro que me sorprendeu é que houbese tantos promotores independentes facendo cousas tan grandes», comenta nun voluntarioso galego.
O uso da lingua sempre foi unha cuestión prioritaria na carreira e na propia vida cotiá de Queen Rendi. «Dende o primeiro momento quixen cantar en galego porque se non parece como que non es de aquí. Pero nunca se me deron ben os idiomas e ao principio pensei que me ía ser imposible facelo, porque lle tiña demasiado respecto», conta.
Non obstante, tras publicar varios sinxelos en castelán, aí está o seu primeiro disco, Zorra despiadada, no que inclúe catro cancións en galego —cheas de ritmos bailables e non exentas de retranca— para demostrar que si que podía. Recoñece Queen Rendi que dende que sacou os temas en galego notou unha maior receptividade e que ten máis visibilidade. «Pero tivo que chegar o momento de facelo dun xeito progresivo e natural. Non foi para nada unha estratexia de márketing porque se non, teríao feito moito antes», comenta entre sorrisos.
Concorda Queen Rendi con Enric Pellicer e con Peitoescuro en que Galicia é unha terra propicia para o desenvolvemento dunha carreira musical. «Madrid, se xa tes un nome está guai, pero para artistas que comezan eu nunca vin un sitio no que houbera tantas oportunidades como en Galicia».