Vén de publicar «Epifania», unha xoia de álbum, unha viaxe sonora ao seu corazón, á terra nai e ás súas raíces. E xusto agora, vai e di que se retira
02 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Foi o último disco galego publicado no 2025. E por iso non vai estar nin nas listas dos mellores do ano pasado nin nas deste. Porque merecer, ben o merece. Epifanía é unha delicia. Un disco con arquitectura de road movie, deses que hai que escoitar do tirón. Un disco íntimo, case sempre, no que se impón a voz e as espidas e crúas emocións que transmite. Esas que non admiten imposturas. Un disco que reflicte unha profunda e enriquecedora metamorfose persoal. Un disco que é unha sentida e honesta homenaxe ás raíces e ás tradicións. Ás nosas e ás alleas. Pero tamén un disco saltarico por momentos, luminoso, empoderado e reivindicativo. Un canto tan lindo como necesario á liberdade creativa e á individual.
—A RAE define «Epifanía» como: «Manifestación, aparición ou revelación». Canto hai no disco desas tres cousas?
—O disco é froito dunha revelación. Da de ser nai e artista. Da de dedicarme aos coidados e dedicarme ao traballo autónomo de xeito independente e darme conta de que non está feita a máquina para iso.
—Na primeira frase de «O inicio», a canción que abre o disco, di que «todo mudou» e deseguido fala de tecer novos mundos.
—O inicio é unha declaración de principios. A chegada da miña filla para min supuxo unha ruptura, pero, ao final, toda ruptura supón tamén un novo inicio.
—Tamén hai unha certa ruptura coas sonoridades aos que nos tiña acostumados.
—Si, este é un disco moito máis íntimo, máis introspectivo, despois dunha etapa na que viña de facer música cunha maior carga de electrónica. É un disco no que hai coplas tradicionais adaptadas e tamén composicións miñas. Un disco con cancións a guitarra e voz; outras, como A xeitosa, cheas de instrumentos vivos, e algunha, como Ribeirana feita con ordenador.
—Chama a atención esa notable presenza da guitarra, que non é un instrumento moi frecuente na tradición galega.
—Para min é algo natural. Miña nai é galega e meu pai arxentino, así que eu crecín aprendendo a tocar a gaita e a pandeireta na asociación do meu pobo pero, ao tempo, na miña casa soaban os cantautores arxentinos e cubanos coas súas guitarras. Os dous son os meus ecosistemas naturais.
—Tampouco tivo ningún prexuízo á hora de cantar coplas en castelán, como «Manolo mío» ou a «Xota de Riamonte».
—Eu sinto que as artistas temos un deber e unha responsabilidade cunha lingua que está a morrer. Así que facer música en galego é un obxectivo que non se vai afastar de min. Pero hai cancións que pola súa sonoridade, porque eu as aprendín en castelán ou polo meu apego emocional con elas, non ten sentido traducilas. En calquera caso, creo que a miña achega, o meu posicionamento e o meu compromiso coa lingua galega é suficientemente claro como para poder permitirme a estas alturas facer cancións nas linguas que queira.
—En «A xeitosa» di: «Han dicir, han falar do que esperan de min». Fíxoselle duro nalgún momento ter que soportar iso?
—Hai tempo que me dei conta de que non se pode vivir de cara ás expectativas. E menos sendo unha muller, con toda esa merda de canons estéticos que se nos impoñen. Eu nunca respondín demasiado ao que se dixo de min, pero si que hai moitas mulleres que viven tratando de adaptarse e facendo o que delas se espera. Eu convídoas á revolución.
—De feito, di que entende a música non só como unha proposta artística, senón tamén como «un rito de empoderamento, liberdade e resistencia»?
—Nunha época coma esta na que todo é ocio, non temos que perder de vista o valor transformador que teñen as artes. Eu, como música, sinto a responsabilidade de apostar por ese valor. Pode que non te transforme nada pero eu, polo menos, creei tratando de buscala. En min e en quen me escoita.
—Di que «Epifanía» é «unha viaxe emocional e visual articulada en cinco capas», a que se refire?
—Falo das etapas da miña viaxe interna nestes últimos anos, aínda que penso que representa ás de todo ser humano. O inicio é ese momento de reencontrarte despois do duelo para arrancar o camiño. Acorazada é o momento de reflexión cando unha, despois de lanzarse de novo ao mundo, dáse conta de que non todo é como pensaba. A marcha é o movemento con todas as continxencias que unha atopa. A Epifanía é a revelación do que unha é neste novo ser. E A nai da terra é a muller que renace en min e que se conecta coa terra, coa pachamama.
—Hai uns meses confesoume en privado que sacaba este disco e despois retirábase. Agora que xa está fóra, mantén ese plan?
—[Ri]. A miña idea é xirar todo o 2026, rematar cun fin de festa e facer unha pausa. Eu xa non quero crear música dende a presión do calendario. E o traballo de autoxestión, non tendo ningún tipo de produtora, distribuidora e comunicadora, é un monstro demasiado grande como para atendelo co cariño que merece. Esa autoesixencia lévame a parar para pensar que quero, cara onde vou ir e se ten sentido seguir con este proxecto ou busco outra fórmula. E todo iso non quero pensalo dende a actividade. Así vou desfrutar desta xira e despois facer unha pausa. Non sei se vai ser un ano ou van ser dez. Nin quero sabelo.
—Séntese defraudada?
—Non sei se defraudada, pero si sumamente esixida. Levo mal o nivel de demanda que se impón agora neste mundo. O modelo de consumo capitalista atravesou todos os ámbitos e, por suposto, tamén as artes. O que si, estou sumamente agradecida. Non ten nada que ver o lugar do que partín hai 20 anos co lugar dende o que pecharei as fiestras.
—É a presidenta da asociación Músicas ao Vivo, como ve o momento actual da escena musical galega?
—Vivimos un momento riquísimo. É moi importante para os que xa levamos un pouquiño de tempo nisto, darnos conta de que non estamos sós, de que hai xeracións detrás. E temos a responsabilidade de atraer a eses artistas novos, de convidalos aos nosos concertos. É moi necesario facer familia e formar parte todos dun colectivo. O gran problema é que as programacións non están sendo consecuentes co ecosistema musical que hai en Galicia. Non se está programando aos artistas que se ten que programar, e cando se fai, non é nos lugares que se merecen. Pero non importa. Nós imos seguir facendo música igual.
—O 2026 tamén será o seu último ano á fronte da asociación. Que logros acadou e que lle vai quedar pendente de facer?
—Pendente sempre queda moitísimo, porque tiñamos obxectivos moi ambiciosos. Pero logrei cousas das que estou moi orgullosa, como conseguir que tanto os premios da Música como o propio labor que facemos os músicos se proxecte e vaia máis alá do noso gremio. E tamén estou satisfeita de ter achegado a música ao lado da cultura e non só do ocio.
—Como van ser os directos de Sheila Patricia no 2026?
—Estou preparando dous formatos. Un formato puramente acústico para sentarse e escoitar e outro máis festivaleiro e bailable, pero no que tamén vai haber unha parte acústica.