O xoven mago estrea «Reinventio», un espectáculo no que se mesturan maxia, danza e teatro, e que se celebra o 12 de decembro no Teatro Jofre de Ferrol
05 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Martín Varela (Ferrol, 1996) leva a maxia ao seguinte nivel. O galego, que comezou as súas andaduras no mundo de espectáculo na mocidade en programas como Luar, da TVG, presenta este mes de decembro Reinventio, un novo espectáculo no que conxuga maxia, danza e artes circenses; e conta a historia dun mago que perdeu a súa ilusión e tenta recuperala ao percorrer os seus soños e pesadelos.
—En relación co seu anterior espectáculo, «Inventio», como cre que vai ser a Galicia do 2094 realmente?
—Non a sabería imaxinar con certeza. Si que é verdade que este proceso de globalización cultural no que estamos inmersos continúa. E si que formulamos, un pouco como xogo tamén, esta posibilidade que pasaría se todo o que somos desaparecese. Se desaparecese o noso idioma, a nosa cultura, todo aquilo que nos fai diferentes.
—Imos camiño dun futuro un tanto impersoal?
—Pois un pouco si. Tampouco é que o vexa así tal cal, só expoño ese relato. Pero si que é verdade que é un toque de atención de: «Escoita, que se non nos centramos un pouco en defender o noso, podemos perdelo», e iso é un gran perigo para a nosa cultura tamén.
—Que vai atopar o espectador en «Reinventio»?
—O que vai atopar é un espectáculo de gran formato que mestura circo, danza, maxia e unha banda sonora que o envolve todo. Un espectáculo total, digamos. É unha proposta deseñada para entreter e divertir, pero tamén para facernos reflexionar sobre certas cousas que laten no fondo. Sempre, iso si, mentres nos divertimos. E para desfrutar dun espectáculo con selo galego moi interesante. A maior parte do equipo é galego, o equipo creativo e o elenco, todos os bailaríns, son de Galicia. A única excepción son os artistas de circo, que convidamos de fóra: veñen de Ucraína, de Suíza e de Portugal.
—Que imaxe de Galicia quere que se leve un espectador de fóra?
—Gustaríame que se levase a idea de riqueza no sentido de variedade, profundidade, matices… Moito máis alá do clixé. Aquí hai unha profundidade moi interesante, que creo que se vai percibir no escenario: elementos de humor, música, estética que nos caracteriza… Todo enfiado escapando do prexuízo, pero á vez abrazando o que somos.
—Que lle levou a empezar coa maxia e o ilusionismo?
—Empecei a facer maxia con 9 anos e a miña primeira actuación foi con 11. De pequeno xa me encantaba o circo; foi o primeiro mundo do que namorei. Eu son de Ferrol e sempre lles pedía aos meus pais que nos deran unha volta ao circo. Eu fixábame en todo: como montaban a carpa, os rolos, os animais… Para min era un mundo fascinante. Despois tamén namorei da danza. Fun a ximnasia rítmica e tamén tiña clases de ballet. Gustábame a maxia, pero tamén o circo e a danza. E en Reinventio todo isto reconcíliase.
—A nivel mental non lle afectou comezar tan novo?
—Ao contrario, dábame gasolina. Eu desfrutaba moitísimo. Lembro os venres de ir a Luar: saía do instituto, recollíame meu pai, comiamos un bocata, marchabamos para Santiago, facíamos o ensaio no plató, durmiamos a sesta e esperabamos para a noite. O máis duro era preparar os números cada semana, claro. Pero era incrible. E o equipo do programa era moi comprensivo co que eu facía. Axudou moito que Luis de Matos estivera moitos anos no programa, pero todo o equipo era superprofesional.
—Cales son os seus referentes?
—Ultimamente é David Copperfield. De pequeno foi moi importante para min o Mago Antón, o gran referente da historia da maxia galega. Tamén me encantaban Jorge Blass e Lance Burton, un mago estadounidense, elegantísimo, ao que eu sempre admirei.
—Para rematar, se puidese facer desaparecer algo, que sería?
—A violencia. Paréceme que é algo que ten que erradicarse, e cada vez máis, con todo o que está a acontecer no mundo.