O selo Rodolfo e Priscila ofreceu, hai algún tempo, a tradución ao galego da primeira novela da escritora Oihane Amantegui: Conto ao carón do río (2022). A mesma editora aborda agora, en tradución de Isaac Xubín e con prólogo de Joseba Sarrionandía, Cayo Hueso: novela a que volvín con agrado tras unha primeira lectura que fixera dela como unha das propostas baralladas para o premio nacional de narrativa do Ministerio de Cultura que levou, no 2025, Martinete del rey sombra, de Raúl Quinto.
Unha novela con este título fai activar, decontado, a asociación co espazo ao que remite: esa illa do estreito de Florida que se atopa a menos de dous centos quilómetros de Cuba e que, na tradición, sostén ese topónimo pola interpretación que se fixo dun osario orixinal que pertencera aos colusa, unha cultura pre-colombina. Doutra parte, o territorio tamén foi célebre por acoller algúns residentes como Ernest Hemingway, John dos Passos, Elizabeth Bishop ou Tennessee Williams e, hai menos tempo, por ser o lugar de gravación da serie cinematográfica Bloodline.
Amantegi sitúa aí, pois, unha historia que narra un vello capitán dedicado a pescar lagostas, moi no espírito do autor de O vello e o mar, que relata unha historia de amor entre Virgil, un crítico musical, e mais Maudey, unha cantante dunha banda de jazz. Todo envolto e enchoupado, como se cadra non podería ser doutro xeito, nunha atmosfera tropical coa presenza constante da chuvia, a humidade, a calor e mesmo o alcol e o fume. É aí, no seo desa relación, onde paira unha reflexión anoada co motivo do desexo e que tamén arrastra outros como poden ser a mestura entre un «tempus fugit», as obsesións persoais e aquilo que, por diversas razóns, resulta imposible acadar.
Antes, como agora, a escrita de Amantegui ten un poder infrecuente que é o de arrastrar a atención de quen se achega a estas páxinas talvez pola súa concisión ou, se se quere, a contención da súa escrita, que neste caso agroma a través dunha poderosa voz narrativa; e seica tamén pola construción dunha atmosfera construída con pulso firme, precisión e transparencia. Narrativa, paréceme, para viaxar coa imaxinación, que non é pouca cousa.