Víctor Aneiros: «Xa non se respecta a música como antes»

FUGAS

cedida

O músico ferrolán, buque insignia do blues-rock galego, conmemora o 25 aniversario do lanzamento do seu primeiro disco cunha xira que hoxe venres fai escala no Teatro Jofre de Ferrol

06 jun 2025 . Actualizado a las 09:37 h.

Un cuarto de século de traxectoria discográfica, con nove álbums, ben merece un recoñecemento. E ningún lugar mellor para manifestarllo que na casa. O ferrolán Teatro Jofre acolle hoxe o concerto co que Víctor Aneiros (Ferrol, 1960), figura referencial do blues-rock galego, conmemora os 25 anos do lanzamento de Que el blues te acompañe. E vaia se o acompañou!

­—Vinte e cinco anos facendo blues en Galicia é un milagre?

—En Galicia e en calquera parte. Pero en Galicia sobre todo, si.

—Aínda que a ti non che gusta moito que te definan como músico de blues...

—O meu primeiro disco si era, efectivamente, de blues, moi americano. Pero despois diso, non é que renegase do blues, pero funme apartando del. Os talibáns do xénero din que Víctor Aneiros non é blues.

—Como te definirías entón?

—Eu basicamente fago un blues-rock autóctono cantado en galego.

—Que destacarías do que cambiou na escena musical galega nestes 25 anos?

—Para min, o peor é ver como nos desvalorizamos os que facemos música propia. Cando eu comecei, a xente demandaba temas propios e hoxe en día o que o está petando son os grupos que fan versións e tributos. E é unha mágoa porque ese non é o camiño. Estamos tirando a cultura polo retrete. Imaxínate que Serrat ou Sabina só tivesen feito versións...

—Cal foi neste cuarto de século o mellor momento para o blues-rock galego?

—Agora é un bo momento. Hai moita xente facendo blues e rock. Cando eu empecei estaba Miki Nervio e pouco máis. Pero volvemos ao de antes, a maioría dedícanse a facer versións e iso ten un futuro incerto. Ti sabes o bonito é que toques nun sitio e veña un tipo e che diga «gustoume moito tal canción»? Eu xa me podo ir a durmir tranquilo. O outro día preguntábanme cal fora a miña maior satisfacción na música. E non foi ningún festival nin ningún concerto. Foi que alguén viñera e me dixera «gústanme as túas cancións». Iso é impagable.

—Pode ser que non haxa moitos grupos porque non hai moitos sitios onde tocar?

—Algo diso tamén hai. Cando montaron os premios Martín Códax preguntáronme que que me parecía a idea e eu díxenlles: «A min paréceme marabilloso que fagades uns premios, pero non temos discográficas e non hai infraestruturas nin espazos para tocar... Por que non empezamos por aí?». E cada vez imos a peor. Agora puxéronse de moda os macrofestivais e a xente xa non vai ás salas pequenas. Xa non se respecta a música como antes.

—Xa que falas dos premios Martín Códax, mira que se che resisten. Tres veces finalista e aínda non gañaches ningún.

—Nin o gañarei nunca. Se non mo deron a primeira vez... Daquela todo mundo me dicía que estaba cantado que mo ían dar a min, que por entón xa tiña cinco discos. E déronllo a un grupo que facía versións e nunca saíra da provincia de Lugo. Normalmente nestes premios votas aos coñecidos e eu agora xa son un tipo maior e os meus coñecidos xa están no xeriátrico [ri]. En calquera caso, e aínda que me faría moita ilusión que me deran un, eu non me dediquei á música para gañar premios.

 

—Como facemos para que un rapaz de 20 anos escoite blues?

-Uf! Iso vai ser complicado. A xente nova escoita como moito dúas cancións dun disco. No hai aquel amor pola música e polo álbum que tiñamos nós. Non é doado que un rapaz de 20 anos escoite un disco de blues.

—Con todo, en Galicia hai bastantes festivais de blues.

—Si, iso é certo. É que á xente gústalle o blues pero non sei que pasa que despois non enche grandes recintos. De todas formas, o blues aí está e estará. Poderá estar máis alto ou máis baixo, pero sempre vai estar.

—Se cadra, o xeito de enganchar á rapazada é mesturalo coa electrónica, pero iso aínda non se deu. Por que?

—O blues é un xénero que sempre se fusionou con outros estilos. De feito, o rock e o jazz veñen do blues. Pero é certo que esas fusións, salvo por exemplo co flamenco, non quedaron reflectidas a nivel comercial. Pero hai blues en moitos estilos de música. Seguro que coa electrónica tamén.

 

 

 

—«Un estraño na multitude» é o título do teu último disco. Así é como te sentes?

—Si, sobre todo nos tempos que estamos. Debo de ser un tipo raro. De feito, ás veces teño a sensación de que xa estou un pouco fóra de lugar. Sigo tocando porque me encanta, pero teño claro que comercialmente isto xa non ten moito máis percorrido.

—Gravarás algún disco máis?

—Non o sei. Xa sabes que os músicos somos promiscuos (ri). Tamén dixen hai seis anos que non ía volver cantar e, mira, xa estou cantando outra vez. Así que prefiro non dicirche nada.

—Como vai ser o concertó do Jofre?

—Vou con Manuel Gutiérrez ao piano, Fernando Couce na batería e Víctor Gacio no baixo. Tocarei algún tema do meu primeiro disco, pero en xeral vai ser un repaso da miña discografía. Si que é certo que imos tocar temas coñecidos pero tamén algúns que en directo teño tocado moi pouco ou nada pero que para min teñen un significado moi especial. Ademais, tamén se vai gravar material audiovisual para un documental que Simón Vázquez vai facer sobre esta xira de 25 aniversario

  •  FERROL TEATRO JOFRE. VENRES C6. 20.30 hORAS. 3 EUROS