Alta ficción (psicolóxica) nórdica

Ramón Nicolás

FUGAS

06 jun 2025 . Actualizado a las 10:19 h.

Vai case para quince anos, ao fío dunha tradución realizada coa profesora Jarna Piippo (Semanas, meses, de Reko e Tina Lundán, Faktoría K) souben, por vez primeira, quen fora Tove Jansson: unha voz célebre para a infancia por ser a creadora dos personaxes da familia Mumin e que converteu nun dos grandes éxitos da literatura finlandesa a carón dos libros de Mika Waltari ou do Kalevala: poema épico finlandés, recollido por Elias Lönnrot.

A obra que Hugin e Munin nos trae para o galego grazas ao traballo de Marta Dahlgren é unha novela singular, que explora o concepto da ambigüidade, pois A honrada estafadora, case un oxímoro desde o seu título, suxire múltiples interpretacións sobre o seu sentido final. Insiste nestas páxinas, iso si, en motivos como a soidade ou as dimensións das relacións humanas, que tamén están presentes en obras como O libro do verán (1972) ou Solstaden (1974). Nesta ocasión, en esencia, o argumento xira por volta do lugar de Västerby, situado na costa do mar de Botnia. É aí onde vive, illada do mundo, Anna Aemelin, unha célebre ilustradora de libros infantís. A ese lugar chega Katri Kling: unha moza de rexa personalidade, acompañada dun pastor alemán e que, sempre desconfiada, vive para protexer un irmán máis novo chamado Mats. É neste contexto onde, entrando no que se podería chamar unha novela de corte máis psicolóxico, Jansson articula un relato sobre a soidade, mais tamén sobre as inquedanzas que deseña o porvir afondando tanto nos condicionantes sociais que se impoñen nunha localidade pequena, e ideoloxicamente conservadora, como Västerby e a interpretación do que pode ser un plan moi premeditado ou, ao contrario, entender os acontecementos como algo posible e que se dan maneira espontánea.

A profesora Boel Westin, biógrafa de Tove Jansson (Tove Jansson: Ord, bild, liv, Estocolmo, 2007; traducida ao inglés en 2014 como Tove Jansson: Life, Art, Words) afirmou que un dos trazos salientables da escritora foi sempre a súa capacidade de traballo. Realmente, e ben mirado, nesta novela, non sei se inconscientemente, todos os personaxes están sempre a traballar e facendo cousas, sempre, como a propia Jansson fixo ao longo da súa vida.