Zavala: «Facer cancións con topónimos galegos vincúlanos coa xente»

FUGAS

De esquerda a dereita, Carlos Castro, Elena Zas, Carla Romalde e  Víctor Ledo
De esquerda a dereita, Carlos Castro, Elena Zas, Carla Romalde e Víctor Ledo CHARO

Un álbum por ano e cada un distinto do anterior. Esa é a aposta do cuarteto ferrolán que vén de publicar o seu segundo «Pequeno manual para grandes cambios I (Teoría e práctica)»

31 may 2025 . Actualizado a las 21:29 h.

Non fixo falta máis que escoitar a súa carta sonora de presentación, Pequeno manual para grandes cambios I (Teoría e práctica), para advertir que estabamos ante un proxecto pouco usual na escena galega. Non é común atopar un grupo que se presente con tal variedade de rexistros musicais, con esa harmonía entre o orgánico e o dixital, cun imaxinario conceptual tan rotundo e cunha folla de ruta tan planificada como Zavala. A segunda entrega de Pequeno manual... (de novo con Ferror Records) ratifica, amplifica e estende aqueles postulados. Nela conviven o tribalismo vocal das cantareiras coa electrónica máis voluptuosa, sen perder ese ton de pop épico e sofisticado que envolve as cancións de Zavala. «O eclecticismo é o que a xente máis destaca de nós. Igual non che mola o rollo máis tradi que facemos coas cantareiras pero si que che gusta o pop-rock ou o indie», conta a ferrolá Carla Romalde, vocalista da banda.

—O de «tradi» é relativo. Excepto en «Retrouso do Barqueiro», o qe facedes é que levades vós ás cantareiras ao voso terreo, ao pop.

—É certo que no disco sempre mantemos esa esencia de Zavala e que elas non cantan todo o tempo como cantareiras ao uso. Nos directos xa cambia un pouco. Aí si que xa amosan máis a súa potencia e ese xeito de cantar tan propio delas.

—Cales son os cambios máis significativos neste disco respecto do primeiro?

—Nós témolo todo pensado e planificado. Sabemos de antemán os pasos que temos que dar e os discos que van vir despois. Entón, sabiamos que este segundo ía ser un pouco o espello do primeiro. E ademais engadímoslle algún spoiler que marca o camiño do que vai ser o terceiro en cancións como Neptuno ou Un mundo clon, que son máis cañeiras e máis reivindicativas. Se no primeiro disco xa amosabamos que non íamos andar con sutilezas en certos temas sociais, no segundo aínda máis.

—O terceiro será tamén «Pequeno manual...»?

—Non. Xa é unha historia completamente distinta. Rematou o Pequeno manual. O terceiro vai ser a primeira parte dunha triloxía, que tamén será conceptual. A primeira entrega vai ser moi electrónica e reivindicativa, a segunda xa vai ser máis cálida e a terceira será outra historia completamente diferente.

—Cando tedes pensado publicalos?

—A nosa idea é sacar disco por ano. A nós o que nos pode diferenciar é precisamente publicar moita música e o proceso evolutivo que estamos a seguir. Non vai haber ningún disco igual ao anterior. Cada disco é un mundo distinto.

—Neste incluso vos atrevedes co rap.

—O rap é un estilo que admiro un montón porque non é nada doado facelo ben. Ao longo da miña traxectoria eu fixen fado, rock, metal, bossa nova, canto coral, ópera... E ao final todos eses rexistros vocais van estar reflectidos en Zavala. Non imos deixar nunca de fusionar e de buscar novos rexistros tanto vocais como instrumentais. Ese eclecticismo que nos caracteriza queremos que se siga perpetuando.

—A xeografía está moi presente en moitas das vosas cancións. Por que?

—É certo que Víctor ten compostas moitas cancións a partir de topónimos: Santa Marta, Santa Cruz, Santiago-Coruña, O retrouso do Barqueiro... Esas cancións permítennos ter vínculos en común coa xente, que é algo que fan dende hai moito tempo as cantareiras. É moi bonito cando ti te pos a cantar esas cancións neses lugares porque a xente sente arraigo.

—Outro concepto referencia sen o que non se entende Zavala é a vosa compoñente feminista.

—Claro. Partimos da base de que a metade do grupo somos mulleres e de que os catro somos feministas. Pero é raro que unha canción de Zavala fale unicamente dun tema. Cancións que en principio parece que só falan de feminismo, falan tamén de política, precariedade social e laboral ou emigración.

—Onde vos queredes coar, en que circuíto encaixades?

—Encaixamos en todos e en ningún en concreto. Iso, que hai xente que o ve como unha desvantaxe, para min é unha virtude absoluta. De feito, cústanos un montón evitar as etiquetas e as comparacións. No caso, por exemplo, dos circuítos dos festivais, eu creo agora mesmo máis que polo estilo que fagas chámante pola capacidade que teñas de encher. Nós non nos imos encaixonar nunca en ningún tipo de escena. Temos un set cos temas máis cañeiros para os festivais, temos un formato máis íntimo para ciclos ou teatros, temos formatos híbridos... Estamos traballando para cadrar en todos os contextos.

—Con algún horizonte temporal?

—En absoluto. Non temos présa. Creo que estamos dando os pasos idóneos segundo o que queremos. Nós o que temos claro é que non imos ir detrás de ninguén. Hai xente que nos pregunta se non queremos ter produtora. Non é que non queiramos, é que nós seguimos o noso camiño, dando os pasos que temos que dar, sacando música ata o infinito, e xa irán vindo as cousas. Eu non creo na inmediatez. Teño clarísimo que hai que resistir no tempo é ir facendo camiño pouco a pouco.

??? SANTA CRUZ. oleiros porto alé venres 30. 21.30 h GRATUÍTO