
Hai cinco anos falecía un dos grandes referentes da nosa cultura. Escritor, lexicógrafo, analista político, tradutor, a poesía de Franco Grande será editada en breve polo selo Galaxia no volume «Un intre no tempo»
04 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai cinco anos o mundo paralizábase por unha pandemia que nos recluía nos nosos fogares durante semanas. De súpeto, cancelamos todas as actividades que supuñan un risco de contaxio e evitamos as reunións e os encontros. Naquela situación tan anómala soubemos do pasamento de Xosé Luís Franco Grande e non só sentimos a dor pola súa perda, tamén por non o acompañar no derradeiro chanzo da vida. Aquel 31 de marzo do 2020 marchou quizais como lle tería gustado: sen facer ruído, con esa timidez tan súa que agochaba un home próximo e agarimoso. Así o coñecemos na Fundación Penzol, da que era padroeiro dende a súa constitución, en 1963, e que este ano lle renderá a homenaxe que no seu día non puido tributarlle. Tamén nos vindeiros meses a Editorial Galaxia publicará o libro Un intre no tempo, que reunirá a poesía do autor nunha edición ao coidado de Teresa Seara.
A súa obra literaria é só unha das facetas da súa persoa, pois foi tamén un analista político nas páxinas deste xornal, así como tradutor e lexicógrafo. A finais dos anos cincuenta recolleu o vocabulario da súa Tebra natal e, por encarga de Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, ocupouse de elaborar o Diccionario galego-castelán (1968), máis coñecido como o «Franco Grande», que compilaba 40.000 termos e que se converteu nun éxito sen precedentes con máis de medio millón de exemplares vendidos. Só catro anos despois publicaría o Vocabulario castelán-galego, ambas foron obras fundamentais na normalización do idioma en plena ditadura. Ben sabía que «Na lingua adeprendida de pequeno» cómpre cifrar o mundo, porque «Digo a palabra e todo se abre enteiro», «o mundo xorde».
O seu compromiso lingüístico non se esgazou en ningún momento dende que tomou conciencia do país a carón dos seus compañeiros de xeración. A súa vocación polo xornalismo levouno a colaborar nas páxinas do xornal La Noche mentres estudaba Dereito e, dende entón, non deixou de asinar artigos na prensa ata o final dos seus días. Nas aulas coincide con Gonzalo Rodríguez Mourullo e Xosé Manuel Beiras, cos que frecuentaba o faladoiro do Hotel Compostela; tamén trabou amizade con Xosé Luís Méndez Ferrín e Ramón Lorenzo. Naquel tempo Franco Grande era o poeta máis laureado do grupo, pois ata en cinco edicións gañou o primeiro premio das Festas Minervais en galego. Aqueles mozos que daban longos paseos pola Alameda e saían de troula pola zona vella, tamén organizaron o ciclo de conferencias en homenaxe á poesía galega, celebrado no Círculo Mercantil, onde Franco Grande disertou sobre o poeta vangardista Manuel Antonio. Será el quen contacte con Xohana Torres, por entón a única muller do grupo, á que todos admiraban fondamente. Aquela xeración, que se deu en chamar das Festas Minervais, contou co apoio da Editorial Galaxia, que creou a Colección Illa Nova para que publicasen as súas primeiras obras. En 1957 será Franco Grande quen inaugure a colección coa peza teatral, Vieiro choído, que se reeditou en 2017, coincidindo coa primeira edición do Premio Illa Nova e que serviu tamén como acto de homenaxe á súa dilatada traxectoria.
«Venceremos nós»
Non foron menos interesante as traducións que realizou xunto a Beiras da Antígona, de Jean Anouilh, e Non haberá guerra de Troia, de Jean Giraudoux. Así como a feliz iniciativa de verter ao galego cancións que se converteron nun símbolo contra o franquismo, como o «Venceremos nós», de Joan Baez. Naqueles momentos de alumear as tebras atopamos a Franco Grande na Asociación Cultural de Vigo, onde colaboraba no programa radiofónico Raíz e tempo, do que asume a dirección substituíndo a Xohana Torres. Así como na fundación en 1963 do Partido Socialista Galego na clandestinidade, aínda que axiña se desvinculou porque entendía que a formación se afastaba da realidade do país. Sen dúbida o seu ensaio Os anos escuros é un referente memorialístico dun «pasado triste» que el e a súa xeración encheron de futuro, «porque a esperanza ao lonxe fai acenos/ porque nos chama e porque nos convoca/ faremos esta terra ao noso xeito».
Un lustro despois dá nome ao Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega promovido pola Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo para fomentar o emprego do galego neste ámbito, «pois somos os herdeiros/ dunhas promesas que sabemos feitas/ pero non cumpridas». E nesas seguimos a facer esta terra ao noso xeito, ao seu xeito, con raíz e identidade.