Talentosa compositora e multiinstrumentista, cantante versátil e comprometida con causas como a ecoloxía, vén de presentar «Amar o mar», o primeiro «ecodisco» que se publica en Galicia
10 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Igual que cos viños, tamén hai discos de autor. Ou de autora, como neste caso. Cunha personalidade moi definida, cheos de matices únicos e propios, valentes, afastados do estándar, apegados ao terruño e froito das herdanzas asumidas. E do tempo. Máis dun ano lle levou a Belém Tajes artellar con delicado mimo este traballo. Certo é que polo medio tivo que atender os seus compromisos con Moura e con Lilaina, coas que acompañou a Vetusta Morla na súa última e apoteósica xira.
Se a todas estas características e circunstancias se lles engade a presenza dun concepto que cohesiona cada unha das pezas deste traballo, varios e vigorosos compromisos (coa ecoloxía, co feminismo, co propio oficio de música...), unha ilusión irrefreable e unha xa extensa e exquisita bagaxe musical, é doado adiviñar que Amar o Mar, o primeiro disco longo de Belém Tajes, é unha obra que paga a pena escoitar e desfrutar con detemento. Cada unha das súas pezas é como un pequeno tesouro deses que deixa o mar na area. «O mar sempre formou parte da miña bagaxe persoal, familiar e incluso musical. Eu vivo en Perillo, pero a miña familia vén de Arou, unha aldea preto de Camariñas. E cando eu ía da Coruña á aldea, o primeiro que facía era baixar á praia a xogar e a ver que traía o mar cando baixaba a marea», conta.
—E que trae hoxe o mar?
—De todo, pero, en gran medida, moitos plásticos. Por iso, e polo que o mar significa para min, era importante que o disco tivese conciencia ecolóxica non só no seu concepto, senón tamén na súa forma.
—De aí o do formato «ecodisco».
—Claro. É que se lanzo esa mensaxe ecolóxica e despois entrego o disco nun soporte plástico, xa sexa vinilo, cedé ou casete, perdía parte do sentido. Pero si que quería ter un formato físico e un produto bonito. Este ecodisco está feito de xeito artesán nun material que é 50% tea e 50% papel reciclado, con tintas naturais, e dentro leva unha fotografía impresa en cianotipia sobre sabas de liño que recuperamos dos faiados. O que fixen foi implantar nel unha pegatina NFC que te leva a unha páxina web dende a que podes escoitar e descargar o disco.
—O álbum ábrese cun corte no que moitas voces din que «o mar é un xeito de amar».
—É que eu entendo o mar e a súa defensa como algo colectivo. O que soa aí é xente que me enviou notas de voz con esa frase.
—A voz é a protagonista absoluta deste disco.
—Si, e non só a miña. Quixen que estivese a da miña avoa, a de Rosalía Fernández Rial, a das persoas que me mandaron eses audios. Son voces que funcionan en moitos rexistros: como sampler, como coro, como voz principal e tamén como guía espiritual.
—A pesar de que hai moitísimas capas de son, non é un disco sobrecargado.
—A miña música en xeral ten un concepto minimalista. Pero despois, o son si que se traballou moito no estudio, para que ese minimalismo tivera peso e profundidade.
—Por que dis que «Amar o Mar» é «a mestura do novo e o antigo»?
—Porque hai presenza de ritmos tradicionais, que poden soar antigos, coas novas formas de facer música. Está incluso a voz da miña avoa, recollida por Dorothé Schubarth. Eu quería que o disco fose como unha viaxe musical que che traia moitos aires. Con moitos estilos, con letras con diversas temáticas... Quixen mesturar o que a min me fixo cantar, que foron as miñas avoas, coa música que eu fago neste momento, que no ten nada que ver con iso.
—Non é doado encaixar un disco tan ecléctico. Iso pode volverse na súa contra?
—Si, eu son consciente de que ten temas moi distintos entre si. Pero xa che dixen que eu entendín o facer estas cancións como o baixar á praia e ir atopando esas cousiñas tan distintas que trae o mar. Estas cancións son fillas das miñas influencias musicais. E a min, ao vivir en Buenos Aires, despois vir para aquí e criarme sempre entre distintas músicas, non me quedaba outra que facer un tutifruti de estilos.
—E de mensaxes...
—É que eu son filla das cantautoras e gústame que a miña música teña mensaxe. Procuro facer cancións non só para o puro desfrute senón que te leven un paso máis alá, á reflexión. Aínda que son consciente de que hoxe en día a música non está feita xa para reflexionar, que é só un pasatempo.
—Que preguntas querías que se fixese a xente cando escoitase este disco?
—O primeiro que buscaba é que houbese unha reflexión sobre a conciencia medioambiental. Tamén quería transmitir esa dualidade que ten o mar, que pode ser ao tempo un lugar de moita calma ou moi hostil. De moita paz ou de moito perigo. E quería tamén que esta viaxe musical proporcionara experiencias, que as cancións fosen para quen as escoitase pequenas historias.
—Como sitúas a túa proposta no contexto actual da escena musical galega?
—Eu son moi ecléctica musicalmente, coa cal sei que é unha proposta difícil de mover. Galicia ten unha industria musical moi pequena e priorízanse certas etiquetas que enganchan mellor co público. Pero a min gústame que o underground, ou arrabalero, como pode ser a miña proposta, tamén teña sitio. Gústame facer este pop folk máis gourmet, moi moi coidado. Son consciente de que este disco seguramente non vaia ter un recoñecemento grandioso pero tampouco é necesario. Creo que está ben aguantar como os toxos que medran e florecen ás beiras do camiño. As propostas non maioritarias temos o compromiso de aguantar e de ofrecer outra visión e outras cousas que non sexan o mainstream.
—O ano pasado participaches nos concertos da xira de Vetusta Morla. Cal foi a aprendizaxe que trouxeches desa experiencia?
—Aprendín a valorar moito a disciplina. Eles son tremendamente disciplinados. Os directos eran supermedidos. Todo tiña un proceso e un camiño a seguir e había que cinguirse a iso para que todo funcionase á perfección. E tamén valorei moitísimo a xenerosidade deles por crer que nós tiñamos cabida alí.