Schwob brilla na nosa lingua

Ramón Nicolás

FUGAS

FUGAS

03 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Agroma un lugar común cando se fala das obras do escritor francés Schwob consistente en reproducir unhas palabras de Borges, que afirmou: «En todas as partes do mundo hai devotos de Marcel Schwob que constitúen pequenas sociedades secretas». Tamén Enrique Vila-Matas sentenciou, ao fío do anterior, que unha rede clandestina desa sociedade traballou moito e ben para que a súa obra non resultase excesivamente célebre.

A súa foi unha voz case invisible no seu tempo, e mesmo aínda hoxe, polo que este libro é unha oportunidade a non perder.

Entre nós, alén da tradución que fixera hai poucos anos Samuel Solleiro das Vidas imaxinarias (Aira), da que tamén existe outra versión na rede, chega agora O libro de Monelle grazas a un traballo coidadoso, documentado e realmente brillante tanto no que á tradución da prosa se refire como ao extensísimo corpo de notas —case duascentas— que se incorpora nesta edición e que xa non só iluminan decisións tradutolóxicas polas que opta Abeleira, senón que se converten, verdadeiramente, nunha pequena enciclopedia sobre este libro e sobre a obra de Schwob en xeral.

Mais, que é O libro de Monelle? Talvez esa sexa a resposta máis difícil de obter, porque nel nada é doadamente clasificable, nada é unívoco, todo goza de diversas interpretacións e polas súas páxinas circula un caudal filosófico, antropolóxico, literario e cultural absolutamente senlleiro.

Con todo, seica a orixe do libro se remonta a 1891 cando o escritor coñece a Louise Vise, unha obreira e prostituta de vinte e tres anos que vai falecer dous anos despois por mor da tuberculose. A morte de Vise é a forza motriz que impulsará este libro ao convertela na protagonista do libro.

A carga semántica dos termos Terror e Piedade resulta clave para ben entender este libro e onde, loxicamente, a axuda de Abeleira para revelar o enigmático talvez sexa capital. Asemade, o que as voces especializadas sinalan como un dos trazos singulares, e penso na variedade de recursos narrativos ou a exactitude do emprego dun vocabulario preciso, latexan nesta proposta engaiolante, na súa parte final abeirada a certo misticismo que non podo deixar de recomendar para comezar este novo ano.