Bernardo Atxaga, Kirmen Uribe, Uxue Alberdi, Eider Rodríguez... As editoriais galegas medran na exploración de grandes firmas vascas
02 dic 2024 . Actualizado a las 22:10 h.Dende hai 75 anos celébrase cada 3 de decembro o día da lingua éuscara, unha conmemoración que comezou en Francia, México, Venezuela ou Nova York, posto que na ditadura calquera exaltación destas características estaba fortemente reprimida. A data coincide coa morte de San Francisco Xabier, un misioneiro euscaldún nado en Navarra e falecido na China, cóntase del que antes do último alento pronunciou as derradeiras palabras na lingua en que comezou a falar.
Grazas ás traducións, logramos salvar a distancia lingüística e gozar da literatura vasca. Son referenciais nesta tarefa Isaac Xubín, autor dun dicionario galego-éuscaro, e un dos tradutores máis destacados, xunto con María Ramos Salgado, que nos trasladan directamente a lingua de Bernart Etxepare á de Rosalía de Castro.
Na actualidade, o escritor vasco máis universal, o máis traducido e premiado é Bernardo Atxaga. Nas súas obras recreou aquela vida rural de Obaba, rexión xa mítica na literatura e que ten moito daquela infancia súa en Asteasu, onde foi tan feliz e onde aprendeu a dicir aita, ama, ebi, eguzki, mitxirrika (pai, nai, chuvia, sol, bolboreta), naquel tempo en que todos eran euskaldunak, como tan ben relatou en «A miña primeira lingua». Obabakoak está traducida a case unha trintena de linguas, entre elas o galego, e con estes contos, que mesturan de maneira maxistral a fantasía e a realidade, gañou en 1989 o Premio Nacional de Narrativa, o primeiro para unha obra en éuscaro. De Atxaga tamén atopamos en galego Exteriores do Paraíso, Sete casas en Francia ou O fillo do acordeonista. Da súa xeración é Anjel Lertxundi, quen ten unha prolífica obra e conta con numerosas traducións ao galego, entre elas en Galaxia O outeiro do amieiro, na Colección Costa Oeste.
Como todo o que rodea a Joseba Sarrionandia, a súa obra poética está marcada polo Tempo de exilio, antoloxía onde recollía versos que escribiu durante tantos anos fóra da patria, agochado sen desvelar o seu paradoiro. O conflito vasco tamén foi retratado en novelas como Pasaia blues, de Harkaitz Cano, un dos autores de maior influencia neste momento e que non escapa a ningunha temática, por incómoda que esta sexa.
Cando aínda non cumprira 30 anos Unai Elorriaga gañaba o Nacional de Narrativa coa novela negra Un tranvía cara a SP, un diálogo entre a vellez e a xuventude, onde comprobamos como nace o amor ao tempo que avanza a enfermidade e se aproxima a morte. Un relato tenro, cheo de humor e amor, unha historia en anacos que nos conmove. Anos despois sería Kirmen Uribe o que se faría coa mesma distinción con Bilbao-New York-Bilbao. Está considerado un renovador do panorama literario en lingua vasca e nesta novela hai dúas viaxes, a que o protagonista fai no avión que cruza o Atlántico e a que o leva a indagar na saga familiar a través de tres xeracións. Recordos, poemas, correos, diarios, cancións van fiando as vidas de persoas que sentiron verdadeiro amor pola súa terra, polos seus costumes, pola literatura oral. Outras obras de Uribe en galego son A hora de espertarmos xuntos ou o poemario 17 segundos.
A combinación escritora e bertsolari é común a varias autoras do momento, entre elas Uxue Alberdi. Dela podemos ler O xogo das cadeiras, unha metáfora da vida onde sempre alguén queda sen asento cando para a música. Nestas páxinas tamén a vellez é protagonista, ao igual que destaca o estilo fragmentario. Para público infantil escribiu Cando sexades pequenos, unha obra moi recomendable, ao igual que Bechopoemas e outras bestas, de Leire Bilbao, e Eu vivo en dúas casas... e que?, de Miren Agur Meabe.
As editoriais galegas exploran a tradución doutros nomes da literatura vasca e así gozamos de novelas como A casa do pai, de Karmele Jaio, De novo centauro, de Katixa Agirre, ou Material de construción, de Eider Rodríguez. Esta última é unha obra escrita contra o silencio, onde as mulleres dunha familia reflexionan, nun momento transcendental, sobre a identidade que foron construíndo a carón dun pai ou dun marido alcohólico.
Cada vez máis, a literatura vasca escribe o mundo tamén en galego. Euskarak bizitza luzea izan dezala.