Un Unamuno insospeitado fala de sororidade nesta novela en clave de female rage. Benvidos ao supermundo das louras perfectas e o capitalismo caníbal. Sempre nos quedará a vinganza...
16 nov 2024 . Actualizado a las 04:14 h.A beleza non é para os pobres, escribe Antía Yáñez (Burela, Lugo, 1991), enxeñeira de Camiños que adoita facer na literatura pontes literarias de vangarda e obras de demolición que deixan espidas as desigualdades sociais. A autora de Senlleiras amosa as cobizas humanas nun mundo hipertecnolóxico, de Barbies de bata branca e avances para quen os poden pagar. A beleza que non é para os pobres, esa á que nos enfronta a autora, é artificial, a que é froito de cirurxías. «Hoxe estar guapa é ter cartos para operarse, poñerse ácido hialurónico, broncearse ou facer crossfit», di.
—Como nace este tempo futuro da novela, este clan de louras perfectas?
—Gústame a ciencia ficción, pero o que máis me gusta non son os avances tecnolóxicos. É a construción da sociedade do futuro. Fascíname Dune por esa construción pormenorizada da sociedade do futuro, como van estar categorizadas as persoas, separadas por clases sociais... Lémbrome de cando no instituto me explicaron a pirámide de poboación da Idade Media, moi estratificada. Creo que iso das clases medias é o que hoxe se está rompendo co capitalismo caníbal. Eu non impugno o capitalismo. Creo que a sociedade capitalista trouxo avances, pero a sociedade capitalista caníbal de hoxe é outra cousa. Hoxe, se tes cartos, podes facer o que che dea a gana, compralo todo! Un cadril, un útero, un bebé.
—Que pintan as Barbies nas súas mans?
—Todas as miñas amigas tiveron Barbies. Somos a xeración das Barbies. A nós pilláronnos tamén as Bratz, que son do 2001. Lembro que a miña nai non me quería comprar esa boneca porque ía supermaquillada, e tiña beizos moi grandes, pero das Barbies nunca dixera nada... Recordo que a creadora da Barbie dixo que quería inspirar as nenas, dicirlles coa Barbie médica ou a astronauta que podían ser calquera cousa. Lin que se lles poñía todo rosa era para que quedase claro que a casa e o coche eran dela, non do marido. Pero que pasou? Que iso se perverteu...
—Por que?
—Viamos que reducía o mundo ao rosa. E sobre todo é o corpo que ten Barbie. Ela sempre perfecta, polo seu corpo, como doutora, como profesora... Ela, o ideal. Eu pregunteille algunha vez as miñas amigas pola relación que tiñan coas súas tetas. Creo que practicamente todas as mulleres tivemos unha época nas que quixemos operar as tetas. A maioría para poñernos máis! E de onde nos viña ese «teño poucas tetas»? Porque ao redor teu as tetas eran normais. Víñanos das bonecas ideais e os referentes da tele da época. Nós tiñamos que ser perfectas, coma Barbie.
—«O clan das Barbies» fainos pensar en «avances» , no aceleramento das tecnoloxías, como ter un fillo co útero doutra muller. Pon enriba da mesa as novas maternidades, a identidade, o dereito a ser, a ter pais..., e a ameaza dos vulnerables.
—Que pasará coas persoas que están fóra do circuíto do poder? Esta foi unha das preguntas que me fixen. Para min, esta non é unha novela sobre a maternidade, é unha novela de violencia. Das violencias. Violencia non só é pegar. O ideal das Barbies é violencia simbólica. Pero que a xente que colla o libro non pense que é un ensaio; é unha novela de ficción con ese humor negro que teño eu. Ás miñas axentes literarias gústalles comparalo co que fai Álex de la Iglesia nas películas.
—Cada vez hai máis brecha entre ricos e pobres? É algo que constata ou anticipa?
—É evidente que cada vez nos encamiñamos máis a un mundo no que os ricos son máis ricos e os pobres cada vez máis pobres. Xa están aquí os traballadores pobres! Xente que traballa para ser pobre, os escravos do século XXI.
—O feminismo é a revolución máis pacífica da historia.
—Ata cando será esta a revolución máis pacífica?, esa é a pregunta. Ganou Trump e un señor chamado Nick Fuentes tardou un segundo en poñer your body, my choice ('os vosos corpos, a miña decisión'). Os corpos das mulleres son decisión dos homes. Pero se tes cartos a cousa cambia. A muller de Trump abortou.
—A mellor hora literaria é a da vinganza?
—A min encántanme as historias de vinganza feminina, as que levan a etiqueta de female rage. Pregúntome como podemos seguir facendo as mulleres unha revolución pacífica despois de todo o que nos pasa?
—O «bonus track» da novela está en «papers», conceptos e citas que engade ao comezo dos capítulo, son un material . Como a que descobre a Unamuno como un pioneiro da sororidade?
—Atopei a Unamuno buscando sororidade. E citeino na novela como unha chiscadela, pero coidado, todo hai que poñelo no seu contexto. Unamuno non era un adaíl do feminismo. Ese texto del que recollo [«Sororidad: ángeles y abejas»] remata dicindo, discretamente, que o noso lugar, o das mulleres é a familia.