Ciencia ficción galega que hai que ler

FUGAS

-

A narrativa fantástica galega, moi presente nas lendas orais, ten fitos inesquecibles e vive un auxe entre os autores menores de 35 anos

02 nov 2024 . Actualizado a las 23:09 h.

Esta semana inaugurouse na Biblioteca de Galicia unha exposición que leva por título Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego, que poderá visitarse ata o 31 de maio na Cidade da Cultura. Comisariada por Alba Rozas, esta mostra é unha oportunidade única de achegármonos á fantasía, á ciencia ficción e ao terror na literatura galega, xéneros que non sempre gozaron nas nosas letras da atención e da visibilidade doutras temáticas.

 Certo é que a narrativa fantástica está moi presente nas lendas orais, nos relatos que se envolven dunha néboa mesta de misterio, que transcorren en bosques onde non penetra a luz e onde habita unha mitoloxía propia que nos define. Logo, a pegada da Materia da Bretaña que atravesa os séculos ata chegar a Cunqueiro, Darío Xohán Cabana ou Begoña Caamaño. E as novelas do realismo máxico, como a inesquecible En salvaxe compaña, de Manuel Rivas. Porén, a ciencia ficción non gozou de tanto predicamento ata estes últimos anos en que observamos unha aposta editorial máis firme.

Se reparamos nas obras gañadoras das dúas últimas edicións do Premio Illa Nova de Narrativa, dirixido a menores de 35 anos, comprobamos que son de ciencia ficción: Os afogados, de Pablo J. Rañales, e Baixo o ceo de xeo, de Adrián Pérez Bote, esta última chegará ás librarías a semana próxima. Se ampliamos a mirada, entre os títulos das oito edicións aparecen varias obras de temática fantástica e o máis salientable é que case a totalidade dos orixinais presentados responden a un destes dous xéneros. Este pequeno termómetro apunta, ás claras, a que as novas xeracións apostan por unha ficción que ata agora era subsidiaria na literatura galega.

Urco foi a primeira editorial dedicada á publicación especializada de literatura fantástica, tanto tradución como creación propia. Logo seguiría Contos Estraños e, dende 2022, Boadicea Editora colleu a vez un catálogo variado que ofrece dende álbums para o público infantil, como O androide Simón, ata traducións, como Ubik, sen renunciar á publicación de novelas tan interesantes como Gastrulación, escrita por Pablo Pesado, que nos leva a un futuro non moi afastado onde un fármaco desencadea unha hecatombe.

LUMIEIRAS ANTES DO SÉCULO XXI

Se nos centramos na ficción científica, hai pequenas lumieiras antes de chegar a este século. Xa Rafael Dieste nos sorprendía con «once mil novecentos vinte e seis», un dos marabillosos relatos: Dos arquivos do trasno. Asombrábanos unha Compostela desaparecida, un espazo desértico onde as persoas practican a antropofaxia e falan unha lingua que non é a propia. Polo camiño, outros probaron sorte neste eido, pero, sen dúbida, quen a alcanzou foi Fina Casalderrey con Mutacións xenéticas (1991), unha ficción científica destinada ao público adolescente que se mergulla na historia dun rapaz que vén pasar a Galicia un verán co avó, un científico que investiga a maneira de que o mundo sexa un lugar con menos contaminación. Só un ano despois, Ramón Caride gañaba o Premio Blanco Amor con Soños eléctricos, un dos clásicos deste xénero na literatura galega.

Dende entón hai propostas tan suxestivas como Natura, de Iolanda Zúñiga, que nos presenta a unha muller supervivente nunha paisaxe apocalíptica. Ela camiña cara ao único lugar que aparentemente é seguro, pero atopa un espazo abafante, unha sociedade fortemente xerarquizada, onde a psicoloxía e a farmacoloxía se empregan para alienar. Unha obra que destaca polo excelente manexo da trama, pola simboloxía tan presente e, á vez, tan sutil, cunha linguaxe perfecta, chea de lirismo. Aínda que só saíu un título, a editorial Galaxia inaugurou unha colección de ficción científica con A soidade Selénica, de Juan Parcero. Outros autores como Manuel Seixas, Jorge Emilio Bóveda, Manuel Esteban ou Tomás G. Ahola tamén fixeron incursións no xénero e, dende hai uns días, podemos ler Retorno, a terceira parte da Triloxía dos seres completos, creada por María Reimóndez, que se completa con Cobiza e Multitudes. Esta distopía de ciencia ficción está marcada polo cambio climático e a Gran Desconexión que afectou a toda a poboación, pero que deixa nunha situación máis vulnerable as mulleres.

Dende a fundación da ciencia ficción por Mary Shelley, coa publicación de Frankenstein en 1818, a produción en galego foi escasa, aínda que un continuum, e agora está a vivir unha época vizosa, quizais porque a sociedade cambia de maneira vertixinosa e é necesario crear escenarios de reflexión para a esperanza.