Se cadra, manifestar que esta novela de Elena Gallego é un exercicio de ficción que recrea feitos reais e desenvolve a biografía dunha muller que sufriu un inferno na súa nenez e na súa adolescencia nos tempos do franquismo sexa unha lectura correcta aínda que con certeza incompleta.
O legado da nena do sal é unha proposta que abraza, en boa parte, a memoria familiar e en cuxo desenvolvemento non é difícil rastrexar un alto grao de dificultade na hora da súa composición. Alén disto, o certo é que desde as páxinas iniciais adquire corpo a construción ou reconstrución dunha biografía grazas á nai da propia voz narrativa e á súa filla Inés, que incorpora excursos co fin de converter a novela nunha crónica da investigación como confirman a visita a hemerotecas e arquivos, as entrevistas e diálogos telefónicos ou a descrición de fotografías onde xorden páxinas brillantes ao reflectir a xestión emocional de todo este material no que goza de especial peso a inspiración atopada nunhas memorias que encerraban uns cadernos ou diarios literaturizados, que talvez exhiben un rexistro formalizado e vagaroso de máis, centrados na descrición en primeira persoa das experiencias da orfandade de Carmen desde os tempos da posguerra na vila de Viveiro e de todo o acontecido ao longo dos seus últimos anos de vida, usurpacións inmobiliarias e experiencias migratorias incluídas.
Paira nestas páxinas unha vontade de deixar constancia das dificultades case inimaxinables vividas por Carmen e non é difícil pensar na cantidade de mulleres que viviron experiencias parellas revestidas por un inequívoco proceso a medio camiño entre a superación e a resiliencia, co obxectivo depositado na busca da dignidade que lle foi negada unha e outra vez.
Novela dickensoniana, así pois, por manifestamente realista en pasaxes próximas á descrición da escravitude infantil onde todo o mundo parece ver para outro sitio, salienta nela a transparencia e meticulosidade depositada na reprodución da atmosfera do período histórico que se deseña, onde a escuridade proxectada nos anos máis duros do franquismo se converte en algo tanxible tanto na vida doméstica e familiar da protagonista como na propia sociedade do momento.