Trinta concertos, unha «Ultranoite» e espectáculos infantís e de rúa conforman o programa da quinta edición do festival Maré, que se desenvolverá do 25 ao 29 de setembro
20 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Como un «lugar de encontro e diálogo a través da música e outras artes», con Galicia como epicentro atlántico, preséntase o festival Maré, que desenvolverá a súa quinta edición en Compostela do 25 ao 29 de setembro.
Ao longo deses días, polo Maré pasarán máis de 30 bandas, con aproximadamente 200 artistas, procedentes de dez países distintos. Os concertos desenvolveranse en espazos emblemáticos como as prazas da Quintana ou Mazarelos, no teatro Principal, no CGAC, na sala Capitol ou na Casa das Crechas.
Entre as presenzas máis destacadas figura a visita, o xoves 26, de Albert Pla xunto a The Surprise Band, un ensemble do que forman parte, entre outros, o guitarrista flamenco Diego Cortés, a programadora electrónica Judit Farrés e a coreógrafa e bailaora Belén Martí.
Non menos suxestiva é a conxunción entre Niño de Elche e o trío galego de jazz, Sumrrá (mércores 25). Precisamente o baterista de Sumrrá, Lar Legido será o protagonista do concerto do venres 27, xunto á vocalista Faia Díaz a e ao pianista Nacho Muñoz.
A presenza galega complétase con A Pedreira, Sés, Su Garrido Pombo, Alana, Azul Ferreira, Zuaraz e o Coro da Ra.
En canto ás visitas internacionais non convén perder de vista propostas como a da banda mexicano-brasileira Francisco, el Hombre, un dos grupos independentes máis importantes da escena musical de América Latina, que actuarán o sábado 26. Dende Palestina, co afán de divulgar as tradicións e o folclore daquel territorio, chegan Al Ázar (xoves día 26). Outras visitas internacionais son as do estonios Puuluup, a portuguesa Ana Lua Caiano e o alemán Shantel (todas elas, venres 27) ou a da mexicana Laura Itandehui (sábado día 28).
O festival Maré tamén acollerá o venres día 27 unha función única e especial das míticas e nunca esquecidas Ultranoites da compañía Chévere.
O Maré 2024 clausurarase o día 29, domingo, cunha homenaxe lusófona ao cantor e poeta José Afonso a cargo de Lá No Xepangara, unha formación na que participan músicos de Galicia, Portugal, Brasil, Angola e Mozambique.