O encontro, que ata o domingo se celebra en Tui e Valença, acolle as actuacións de Alana, Amoebo ou Surma, entre outros
13 sep 2024 . Actualizado a las 10:47 h.Como «unha autoestrada que comunica as propostas musicais das dúas beiras do Miño», ou como «o mercado que presenta ás bandas e artistas que veremos nos escenarios destes dous territorios nos próximos meses», presentan os seus organizadores a quinta edición do MUMI, o Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal, que ata o domingo se celebra na eurocidade Tui-Valença.
O evento conxuga a súa dobre función como mercado e punto de encontro para a industria musical dos dous países e como festival aberto ao público con propostas gratuítas a pé de rúa.
Nesta segunda vertente, o MUMI conta cunha programación de 12 showcases, seis deles galegos, cinco portugueses e o da banda catalá El Pony Pisador, froito da colaboración entre o MUMI e a Fira Mediterrània de Manresa.
Na proposta galega sobresae a presenza, hoxe venres, no paseo da corredoira de Tui, ás 18.15 horas, de Alana, un proxecto musical que mestura a música tradicional galega con ritmos contemporáneos de base electrónica e pop. O son do trío, formado por Eloy Vidal, Pablo Castro e Antía Vázquez, vén marcado pola importante presenza no seu directo das percusións tradicionais e por melodías que convidan ao baile e á celebración do noso.
Ademais de Alana, no MUMI tamén se poderá escoitar a outro deses nomes que están a sobresaír na escena emerxente galega como é Amoebo (na foto), ademais doutros con xa máis longo percorrido, como Os D’Abaixo, Quico Comesaña, Ruxe Ruxe e Su Garrido Pombo.
No caso da oferta portuguesa, o principal reclamo é a presenza, tamén hoxe en Tui, ás 22.45 horas, de Surma, o proxecto musical de Débora Umbelino, unha artista que foi quen de xerar o seu propio universo mesturando jazz, electrónica e moitas outras influencias, para crear unha identidade forte e un son e unha fonética únicos.
Portugal tamén presentará no MUMI a Cardo-Roxo, Jhon Douglas, Miss Universo e Rogério Cardoso.
Ademais, o MUMI acollerá o sábado, en Tui, a estrea do documental Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición, un traballo no que se analiza o papel simbólico deste instrumento nos movementos renovadores da música galega durante a década dos setenta.