Feridas e cicatrices

Ramón Nicolás

FUGAS

XOAN A. SOLER

«A ferida imaxinaria», un xogo duplo entre pasado e presente, entre o real e o imaxinario, entretecidos co discurso narrativo limpo e áxil que distingue a Berta Dávila

05 sep 2024 . Actualizado a las 17:45 h.

Ao que sei non é frecuente, e resulta unha mágoa que non o sexa, que unha novela goce xa de tres edicións —non reimpresións— en pouco máis de seis meses. Tampouco o é que un vaia tratar, persoalmente, esta proposta como unha novidade pasado xa certo tempo desde a súa aparición mais non sempre as escollas nin os ritmos de lectura van da man, ou mesmo se cadra non deberían de ir, ao pé da chamada imperiosa actualidade.

Dito isto, que sería ben prescindible por certo, a novela á que me refiro e da que quería deixar constancia aquí porque é un dos textos de ficción máis suxestivos entre os que lin nas últimas semanas é «A ferida imaxinaria», que conta, ademais, con edicións en castelán e catalán. Desta proposta quixera tan só salientar con brevidade tres dos aspectos que foron os que máis suscitaron a miña atención: o primeiro ten que ver co feito de que Dávila segue a ofrecer un discurso narrativo limpo e áxil, diáfano e ao mesmo tempo dono dun ritmo propio que calquera persoa agradece; o segundo factor relaciónase co feito de que existe un propósito consciente de revelar unha serie de asuntos de ficción, ou non, confluentes nas feridas que presentan uns personaxes sólidos, que se dispoñen nun taboleiro onde os seus movementos van sempre carrexar consecuencias, por veces intentando fuxir da soidade por veces testemuñando a importancia das perdas, dos afectos, das cicatrices, dos consolos e incluso do que en latín se chama «fatum» que, por certo, deriva de falar ou dicir: todo por xunto, e dun ou doutro xeito, son referencias que activan inconscientemente o proceso de reflexión sobre como somos e como é a sociedade contemporánea e como nos ve. Por último, o elemento que se cadra é o que converte esta novela en algo singular dentro da traxectoria da autora, apuntaría á formulación consciente de ofrecernos un xogo duplo, alén dos puntos de vista narrativos en pasado e presente, entre luz e escuridade, entre o oculto e o visible, mais tamén entre realidade e o que se podería incardinar no concepto de imaxinario, en ocasións difícil de distinguir do primeiro, mais sempre entretecidos moi conscientemente ao longo deste recomendable libro.