A canción galega que máis soou nas festas este verán

FUGAS

Kike Varela
Kike Varela cedida

Arrasou «Muiñeira de Chantada», un tema do DJ e produtor Kike Varela, quen tamén vén de publicar o remix oficial dunha canción de Vicco

30 ago 2024 . Actualizado a las 09:44 h.

Non deixa de resultar curioso que os temas que máis triunfaron este verán en Galicia e en España sexan dous remixes de cancións publicadas orixinalmente no 2021. A nivel estatal arrasou o que fixo Fernando Moreno de Potra salvaje, a canción de Isabel Aaiún. E en Galicia, o que máis soou e o que máis alporizou ao persoal, foi a Muiñeira de Chantada, que o produtor e DJ compostelán afincado en Porto do Son, Kike Varela, creou a partir do tema que no seu día publicaran Verto.

Certo é que no caso de Muiñeira de Chantada non se trata estritamente dun remix. Kike Varela gravou de novo e dende cero a canción coas colaboracións de Gloria Cespón e Puga, agregándolle unha notable carga de electrónica. «Para nada agardaba que puidese pasar algo así», sinala agora o produtor e DJ. Se ben confesa que «antes de publicala, eu xa a pinchaba nas miñas sesións e vía que funcionaba».

Por se o tema non tiña suficiente gancho —que vaia se o tiña—, viralizouse tras ser utilizada para as súas coreografías por Lil-Kids, o grupo de Narón gañador da novena edición de Got Talent e tras soar en Riazor nun dos partidos do playoff do Dépor. Do resto encargáronse unha infinita secuencia de reels en Instagram e TikTok.

Para cando chegaron os festivais e as grandes verbenas, Muiñeira de Chantada xa era o hype galego do verán. A proba irrefutable de que o fenómeno xa era imparable é que numerosas orquestras incluíron a canción no seu repertorio. E, dende logo, non había DJ que non a levase no seu tracklist. O mesmo daba unha verbena que un festival. É soar a Muiñeira de Chantada e o público comeza a ferver.

Kike Varela non é unha novidade na escena da música galega. Publicou o seu primeiro tema no 2019. «Daquela eu facía música electrónica na liña do EDM (electronic dance music), con vocais en inglés. Pero para destacar aí ou para que te fiche un selo importante tes que ser moi moi bo produtor. Eu estiven cerca pero non cheguei», lembra. E foi ao fío do fenómeno das Tanxugueiras, «e de que eu sempre me sinto moi identificado con Galicia e coa nosa cultura», cando probou a levar algo da música tradicional ao terreo da electrónica. «Empecei por esta Muiñeira de Chantada e, mira, ao final atopei un son propio».

Un son dos que temos outras referencias, como o remix de Fuego, que realizou xunto a Araysen, e que se viralizou cando Blasterjaxx o pinchou en Tomorrowland e Timmy Trumpet fixo o propio no Gozo Fest. Tamén forman parte do haber de Kike Varela o remix de Campo da festa, de Lontreira, o tema propio Meigallo, gravado xunto a Ferriñas Bravas, e máis recentemente o remix oficial dunha canción de Vicco, Engatusao, o que supón o seu debut no ámbito da produción a nivel estatal.

Postos a soñar, o compostelán sinala que, en galego, as voces que mellor se lle darían para traballar con elas, ben sexa nun tema orixinal ou nun remix, serían as de Fillas de Cassandra ou as de Tanxugueiras. «Tamén estaría moi contento se puidese facer algo con The Rapants», engade. «A nivel estatal, gústame moito a voz de Elena Aguilera e penso que tamén encaixaría ben con María Escarmiento».

Polo de agora, os seus plans inmediatos pasan por «darlle bastante caña á produción, porque se te fixas, os DJ que están no top, son supercoñecidos principalmente polos temas que fan». Nesa liña, a idea de Kike Varela pasa por seguir ampliando repertorio propio, sacando temas que teñan que ver coa cultura galega, intentar manter certa constancia nos bolos como DJ en salas e discotecas durante o inverno e aproveitar as oportunidades a nivel nacional que grazas ao éxito de Muiñeira de Chantada xa lle están empezando a xurdir.

Considera Kike Varela que en Galicia á figura do DJ produtor de música electrónica aínda non se lle valora como a un artista de calquera outro xénero. «A nivel internacional hai moitos produtores que, aínda que fagan colaboracións con grandes estrelas, son eles os que asinan os temas, como pode ser o caso de Bizarrap ou de David Guetta. Aquí aínda estamos moi lonxe diso, pero imos abrindo camiño».