O Son do Pazo, o festival que expande o mundo celta dende Mos

FUGAS

XAIME RAMALLAL

Xosé Lois Romero & Aliboria e os vascos Korrontzi encabezan o cartel deste evento gratuíto que conecta a música tradicional e novas sonoridades apegadas á raíz

30 ago 2024 . Actualizado a las 19:05 h.

Afástase, e fai ben, o festival O Son do Pazo da disquisición entre ubicar as raíces da nosa música tradicional de portas a dentro ou no universo celta. Para que escoller, tendo a oportunidade de gozar das dúas vertentes dun mesmo todo? E así, no seu cartel, conviven en fértil harmonía sonoridades tan apegadas ao noso como as que propoñen Xosé Lois Romero & Aliboria con outras que nos chegan dende o Cantábrico oriental pero coas que temos manifestas conexións, como as dos vascos Korrontzi.

O pazo de Mos é o privilexiado escenario que acollerá a novena edición deste festival que se celebra o sábado 31 e o domingo 1, con entrada gratuíta.

O Son do Pazo arrinca ás catro da tarde do sábado coa celebración das segundas olimpiadas rurais. Ás 18 horas terá lugar o concurso de cuartetos, no que se repartirán 2.000 euros en premios, e ás oito comezará un pasacalles co grupo de gaitas do Abrente polos bares do entorno do pazo.

O escenario principal do festival ábrese ás 21.00 horas coa actuación do grupo anfitrión, a banda de gaitas Airiños do Castelo. De seguido, e atendendo á sensibilidade sempre amosada polo festival de Mos de conectarse con outros territorios celtas, actuarán Korrontzi, grupo vasco de folk liderado polo trikitilari Agus Barandiarán, que este ano está a celebrar o seu vixésimo aniversario. De que a festa non perda intensidade encargarase despois a arroiadora e esencial proposta de Xosé Lois Romero & Aliboria, para continuar, abríndose a novas sonoridades, cun dos nomes revelación deste ano no que se refire á fusión de música tradicional, pop e electrónica: o trío Alana. Do fin de festa encargarase A Duendeneta, cunha sesión de música en galego.

Para o domingo, a partir das 12.00, está prevista a actuación para os máis cativos de Paco Nogueiras, un obradoiro gratuíto de baile a cargo de Miguel Prado e o fin de festa cun concerto, ás dúas e media, de Os Melidaos, formación de música tradicional que atesoura máis de dúas décadas de traxectoria.

O Son do Pazo entregará o sábado, como ven facendo dende hai sete anos, o premio Mestre Machiño, que nesta edición reacerá nas mulleres de Toutón, organizadoras do Serán dos Namorados.