María Rúa é unha das «influencers» do momento. Todo o seu contido, dende a divulgación cultural á ultima tendencia en maquillaxe, é en lingua galega.
23 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.María Rúa Rodríguez, Prado Rúa, naceu na cidade de Ourense cando o milenio botaba a andar, no 2000. A pesar de que non lle acaba de convencer de todo o concepto de influencer, «porque se pode asociar a algo máis banal», reivindica a súa actividade como profesión en auxe. Licenciouse en Educación Infantil e quizais iso se reflicta no seu contido, dende un enfoque cultural e pedagóxico. A pesar de que non exerce de mestra, compaxina os estudos en Pedagoxía coa súa actividade en redes sociais, pola que cotiza como autónoma.
Cun breve percorrido polos seus perfís de Instagram ou TikTok, nos que acumula milleiros de seguidores, é posible atopar posts relacionados coa emigración, con costumes galegos, suxestións de palabras, activismo cultural e mesmo cociña, fútbol ou moda. Dende unha visión ecléctica e sen complexos, Prado Rúa comparte un contido moi en sintonía coa súa personalidade: «Un día podo estar investigando sobre a cultura galega e ao seguinte facer un vídeo sobre maquillaxe», admite. Este verán está de vacacións en Arxentina. Dende alí é onde crea e dende alí falamos con ela.
No 2020, durante a pandemia da covid, María comezou a subir vídeos para YouTube dende a casa e, aos poucos meses, comezou a diversificar o seu contido para Instagram ou TikTok.
—Como foi o cambio de formato dunha rede social á outra?
—Aínda que ambas son interesantes, estou máis cómoda no formato curto, porque o algoritmo e a resposta da xente son máis agradecidos. YouTube ten a vantaxe de facer unha investigación máis profunda para os vídeos que compartes. Ao comezo, en TikTok facía máis trends adaptados á cultura galega. Agora, sobre todo, creo contido propio.
—Nese proceso tiveches algún referente?
—Cando comezamos eramos moi pouquiñas, pero fixábame en OlaxonMario ou Eira de NubesBaixoTi. Foise creando unha comunidade moi linda.
«Se naciches en Ourense, vas falar diferente a se naciches na Costa da Morte. Temos que estar orgullosas da nosa variedade dialectal»
—Está a gañar repercusión o galego na rede?
—Dende logo que si! Non podemos dicir que acadamos unha gran cifra, sempre se pode ir a mellor, pero en TikTok xa se pode ver máis contido en galego. Tamén ocorre o mesmo noutras redes, como Instagram ou o que antes era Twitter.
—Ás veces, o contido en galego está bastante estandarizado. Ti créalo desde a túa propia variedade lingüística.
—Creo que as persoas temos que falar como aprendemos. Non vai en contra da corrección lingüística. Está claro que o estándar ten que existir e as linguas teñen que ter normas. Aínda así, se naciches en Ourense, vas falar diferente a se naciches na Costa da Morte. Temos que estar orgullosas da nosa variedade dialectal.
—Nesta liña, tes a serie de vídeos «Palabras que me gustaría que se empregasen máis». É un achegamento interesante e orixinal ao galego.
—Con esa serie intento difundir palabras que aprendín desde pequena, que escoitei na miña familia, as que me gustan, ou simplemente explico o significado e agrégolle un toque humorístico para que a xente intente incluílas no seu día a día.
—Mesmo fixeches un vídeo desa serie na alfombra vermella dos Mestre Mateo. Que tal foi a experiencia de reporteira, e que palabra recomendabas?
—Moi chula. Estou moi agradecida de que me convidasen a facer algún vídeo. A palabra foi campar; que mellor palabra para unha gala? Foi unha experiencia moi interesante falar moi de cerca con persoas moi coñecidas e moi agradables.
—Cando contas curiosidades sobre a emigración ou a tradición cultural galega, a que fontes acodes?
—Sobre todo, a través da rede. Moita da información tamén provén de Roy Farías, un investigador da Universidade de Bos Aires que desenvolveu un traballo inmenso sobre a emigración galega, os oficios, estereotipos. Agora estou cunha investigación de rutas artísticas de murais de Luis Seoane.
—Ao final, estás dándolle repercusión ao seu contido en redes.
—Non sei ata que punto se consegue ese impacto. Tampouco é que me siga moitísima xente, pero paréceme importante democratizar esa información para que chegue aos galegos e galegas, ou mesmo á comunidade emigrada en Arxentina.
—Nunha entrevista dixeras que non che gusta o concepto de «influencer». Segues pensando o mesmo?
—Normalmente, asóciase con algo máis banal, pero creo que para que unha lingua estea normalizada ten que haber contido de todo tipo: banal, profundo, divertido. Un influencer non ten por que ser unha teletenda. Hai xente que lle dá unha volta á profesión ofrecendo contido artístico e rompendo prexuízos.