Varios dos músicos máis inquedos das escenas do jazz do Levante e de Galicia danse cita entre o 16 e o 20 en lugares emblemáticos da Costa Ártabra nun festival que este ano acolle dez concertos
09 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A simbiose entre a música e o lugar que a acolle adquire a súa máis rotunda manifestación no festival Jazz de Ría, ata o punto de que, segundo explican, os seus organizadores, «A programación deséñase para as localizacións, polo que a integración no territorio é total».
A oitava edición do festival, que se desenvolverá do 16 ao 20 de agosto, acollerá unha programación de dez concertos na que se procura un equilibrio entre os novos talentos do jazz galego e interesantes proxectos do jazz estatal, este ano con especial énfase na nova fornada de artistas que están a resituar o jazz catalán e mediterráneo.
Os concertos desta edición terán por sede catro concellos da Costa Ártabra (Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño) e lugares tan emblemáticos como a ruta dos Balcóns do Atlántico ou a praia de Baleo.
O encargado de inaugurar o Jazz de Ría 2024, o venres día 16 no pazo da Cultura de Narón, será Marco Mezquida, un excelso pianista que ten asinado colaboracións con artistas da talla de Silvia Pérez Cruz ou Chicuelo, entre outros. O pianista menorquín, acompañado por Aleix Tobias na percusión e Martín Meléndez no cello, presentará Letter to Milos, unha carta de amor ao seu fillo, na que a partir dos códigos do jazz, achégase á música tradicional ibérica, ao son cubano e mesmo á música circense.
O sábado día 17, no parque Freixeiro de Narón, celebrarase unha auténtica romaría. Dará comezo ás 13.30 coa banda ferrolá de jazz mestizo Demo Rumudo. De seguido haberá unha sesión de Swing On Dj's. Ás 16 horas, impartirase un obradoiro de construción de instrumentos con material de refugallo e ás 16.30 unha aula aberta de baile swing. A música soará de novo ás sete cun concerto da vocalista Magalí Sare e o chelista Manel Fortià. Ás oito e media dará comezo o recital de Pablo Sanmamed Trío, a quen se suma Benxamín Otero. A romaría do sábado rematará ás dez cun concerto da trompetista e cantante barcelonesa Alba Careta, quen, acompaña por un cuarteto de luxo con algúns dos mellores músicos da escena jazzística catalá, presenta en Narón o seu terceiro disco, Teia.
A xornada do domingo día 18 estará protagonizada por Antía Muíño, que ofrecerá un concerto na Ribeira de San Nicolás, en Neda. O luns 19 haberá dobrete en Cedeira. Ás sete da tarde, Le Barluthier porá en escena o seu piano bar itinerante no parque dos Patos. E ás 21.30, no parque de San Isidro, actuará Cuarteto Federal, unha formación que reúne a músicos de Andalucía (Javier Galiana), Cataluña (Guillem Arnedo), Canarias (Kike Perdomo) e Galicia (Xacobe Martínez Antelo).
O Jazz de Ría conclúe o martes día 20 cun concerto na praia do Baleo (21 horas) de Leticia Rey, artista que achega as sonoridades do jazz ás do indie folk. Antes, ás sete, terá lugar unha ruta a pe desde a praia de Pantín ata a do Baleo, con intervencións durante o percorrido do saxofonista Lois Rivera e do escritor Antón Cortizas.
Todos os concertos e todas as actividades do Jazz de Ría son gratuítas.