Touriñán: «Teño moitas parellas, son un tipo bastante liberal»

FUGAS

Touriñán
Touriñán

Xosé A. Touriñán volve á súa aldea para celebrar a oitava edición do festival de comedia Castelo Conta. «Estas son sempre as miñas vacacións de verán», di

17 ago 2023 . Actualizado a las 12:20 h.

O seu nome é imprescindible á hora de falar da comedia made in Galicia tanto dentro coma fora da comunidade. Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) volve un ano máis a aldea que o viu crecer dende cativo para celebrar unha nova edición do festival Castelo conta do 21 ao 27 de agosto nunhas xornadas cheas de humor e de boas vibras. Falamos con el sobre o que podemos esperar do festival, sobre a súa traxectoria e tamén dos seus proxectos máis recentes.

­—Que significa para ti actuar na túa aldea?

—Estou moi feliz e síntome moi querido polos veciños e veciñas. Castelo é o lugar onde vivo e como paso traballando fóra da casa todo o ano o Castelo Conta son as miñas vacacións. Síntome moi orgulloso de todas as persoas que fan que este festival sexa posible ano tras ano. Eu só non sería capaz de organizalo todo.

­—Cal é a graza do verán de aldea?

—Meus pais nunca me levaron de vacacións a sitios como Mallorca ou Torremolinos, así que os meus veráns foron sempre na aldea. Creo que son das mellores vacacións que se poden vivir, recordo pasar todo o día fóra da casa correndo polas corredoiras, bañándome na piscina e xogando polo monte Xalo. Vivir nunha aldea é experimentar constantemente aventuras.

­—Que pode esperar a xente desta edición do festival?

—A xente pode esperar diversión, comedia, risas, monólogos, bailes e música. É un festival da cultura rural e da oralidade, onde o que se pretende é estar xuntos, falar, comunicarnos e contar cousas. Estamos todo o día mirando para o teléfono e rodeados do estrés da vida e non temos tempo para pararnos a estar xuntos falando da vida. Iso é unha característica positiva do campo, que vivimos cun pouco máis de calma e tempo para falar .

­—Vese que a parella de feito con David Perdomo resistiu a corentena...

—Teño moitas parellas, son un tipo bastante liberal... Gústame xogar con moitos amigos e amigas, pero o que fixen con Perdomo durante a pandemia cos directos de Instagram foi marabilloso. Por iso, non queriamos perder as personaxes que saíron deles e decidimos levar as conversas aos escenarios para que todo o mundo puidese gozar delas. O público do Castelo Conta poderá vivilas en directo.

­—Sempre quixeches dedicarte ao mundo da comedia?

—A verdade é que non sabía que valía para isto. Son unha persoa bastante tímida, pero os anos de traballo fóronme quitando a timidez. Gústame dicir que foi a profesión a que me escolleu a min porque comezamos a xogar a isto e un día os produtores de televisión e de teatro decidiron que o que faciamos nós era simpático e gracioso e pouco a pouco foise convertendo no meu oficio. Agora podo vivir disto, que non é fácil.

­—O humor galego ten denominación de orixe?

—Todos os humores teñen denominación de orixe e o galego ten as súas peculiaridades e unha maneira distinta de ser. Dis unha frase que pode ter tres ou catro significados distintos...

—Estás a colleitar logros como director coa túa curtametraxe «Nena». Como estás a vivir o éxito tras a cámara?

—A verdade é que flipando un pouco co movemento que está a xerar, porque é a primeira vez que escribo un guion. Sen a axuda de Jairo Iglesias na dirección non tivera sido posible. Todo naceu durante os meses de corentena. Ao igual que algúns se puxeron a facer pan, eu boteime a escribir. Nun principio ía ser unha comedia e terminou sendo un drama. Ademais, a protagonista é a miña filla Antía.

—Como foi traballar con ela? É moi de andar por casa a vosa relación no traballo?

—É marabilloso traballar con ela! É unha rapaza moi profesional e moitísima mellor actriz ca min. David Perdomo e Carlos Blanco son coma seus tíos, así que se sentiu moi cómoda filmando Nena. Aínda é moi moza e non sei se quererá dedicarse ao mundo da interpretación ou non.

—A forza Dépor é a única que non decae?

—A forza Dépor ás veces ten máis forza e outras ten menos. Creo que xa está máis que demostrado que a súa afección é espectacular. A súa forza nunca vai decaer.

—Hai un tempo compartiches nas redes sociais que cumpriches 13 anos de casado coa túa muller coa mensaxe: «Agárrate que seguimos». Conta, como se mantén a chispa do humor no amor?

—O amor é un xogo: ás veces gañas e outras perdes. Non podo dar consellos sobre isto, pero xogar coa miña compañeira é moi fácil porque faime a vida sinxela, faime sorrir e seguímonos enfadando de vez en cando, coma sempre. Non son só 13 anos de casados, porque levamos 23 xuntos. Eu levo máis tempo con ela que sen ela. Entón agora xa estou afeito e xa me sabe levar e eu a ela. Penso que o importante no amor é divertirse.