Seis lecturas para un verán con moitas sorpresas

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

-

Velaquí unha escolmas das novidades máis atractivas da temporada

21 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Por resultaría posible suxerir ducias de escollas entre as novidades editoriais en lingua galega publicadas nos últimos meses. Velaquí unha escolma moi heteroxénea que contempla traducións, xéneros, épocas e estilos distintos; voces diferentes e unha calidade final inequivocamente contrastada

«A FOTOGRAFÍA 51», MARÍA CANOSA

 Con solvencia narrativa, María Canosa ofrece unha áxil biografía novelada, tecida co xénero epistolar, que reivindica a figura da química Rosalind Franklin que traballaba coa cristalografía dos raios X: unha desas mulleres que ficaron na sombra dos recoñecementos malia ser a responsable do achado que dá o título ao libro e que posibilitou a descuberta dun avance como a estrutura do ADN.

«TABIBA», MARÍA XOSÉ PORTEIRO

Nunha cartografía que nos arrastra con mestría da Mariña lucense ata o Alto Atlas e do deserto do Sahel, a Barcelona ou Londres, Porteiro é quen de introducirnos con solidez e intensidade nunha historia que mestura elementos de feitura xornalística, histórica e cultural cos aspectos máis contraditorios que o ser humano atesoura e, abofé, cunha certeira reivindicación da causa feminista.

«IMAGO», HELENA DE CARLOS

Helena de Carlos coce a lume lento a súa produción poética o que, talvez, explique que este sexa un libro coidadísimo e luminoso que impacta e apunta á cerna das experiencias. Un camiño que afonda nos sucos da memoria e nas metamorfoses; rescata e fálanos dos mitos non só clásicos; pendúrase do silencio para abrazar o abraio da vida e a forza da natureza. Poesía e palabra como revelación.

«UNHA HISTORIA DA ARTE GALEGA», CARLOS L. BERNÁRDEZ

 Carlos L. Bernárdez atesoura un brillante currículo como historiador da arte. Boa proba é este libro que abraza a idea dun relato inscrito na nosa tradición en diálogo co que vén de fóra e é quen de interpelarnos, desde a nosa singularidade, arredor do que simboliza un percorrido iniciado cos petróglifos ata os anos oitenta do século pasado.

«AS GRATITUDES», DELPHINE DE VIGAN

É unha fortuna ler esta novela de Delphine de Vigan na tradución, creativa e exemplar, de Xavier Senín. Éo porque, sen sentimentalismos, estas páxinas deseñan con austeridade un círculo alimentado polos afectos e os recordos, pola dor e a soidade, polos coidados e a importancia da palabra e as consecuencias da súa perda. Por riba, apréndenos a importancia de saber dar as grazas con sinceridade.

«WOMANHAUS. HISTORIA ILUSTRADA DAS ARTISTAS DA BAUHAUS», DAKOTA HERNÁNDEZ

En tradución de Xosé Duncan podemos gorentar un libro editado con ilustracións da propia autora. Velaquí a historia dunha institución pedagóxica, experimental e vangardista como foi a Bauhaus, mais que orienta o seu foco cara ás mulleres cheas de talento que a integraron, as máis delas sometidas a prexuízos na súa época e esquecidas na actualidade.