
A Coruña revive este sábado sobre as táboas a historia do primeiro «matrimonio sen home» de España
30 jun 2023 . Actualizado a las 11:42 h.O círculo péchase. Pero, ao tempo, estanse a abrir no seu perímetro pequenas fugas que de non ser seladas a tempo poden provocar a súa destrución. A Panadaría debuxou a primeiro trazo dese círculo no 2017 cando estreou no teatro Rosalía de Castro da Coruña Elisa e Marcela, un espectáculo baseado nunha reconstrución irreverente da historia do primeiro matrimonio entre mulleres en España. A compañía trazará o sábado o punto final desa circunferencia, representando a derradeira función do espectáculo, de novo no Rosalía de Castro, a 300 metros da igrexa de San Xurxo, na que en 1901 casaron Elisa e Marcela, unha delas vestida de home.
Nestes seis anos, Elisa e Marcela marcou non poucos fitos para o teatro galego. No só polos galardóns conseguidos, polas xiras realizadas, dentro e fóra de Galicia e polas extraordinarias críticas recibidas. Elisa e Marcela foi a primeira montaxe teatral da historia do teatro galego en abordar a temática lésbica de forma explícita e protagonista e a primeira tamén en poñer a historia destas dúas mulleres sobre as táboas.
E aí sitúa Areta Bolado, unhas das actrices que protagonizan o espectáculo -xunto a Noelia Castro e Ailén Kendelman-, a clave da intensa e extensa conexión do público con esta montaxe. «Había moita necesidade, polo menos en Galicia, de espectáculos que puxeran no centro do discurso a problemática e a celebración LGTBI+», comenta a actriz, ao tempo que puntualiza que «cando se estreou a obra a situación era moi diferente á actual».
A pregunta era obrigada: «En que sentido? Era mellor, era peor? «A nivel lexislativo a situación é mellor hoxe, estamos máis amparadas. Pero na rúa é moi diferente. Nós hai seis anos non tiñamos medo de que nos deran unha malleira pola rúa. Hoxe si que o temos. Hoxe na rúa estamos moito máis expostas á violencia. Basta lembrar, agora que imos actuar na Coruña, que hai dous anos mataron a golpes a Samuel Luiz ao grito de maricón».
A Panadaría despide a Elisa e Marcela despois de ter realizado máis de 270 funcións e recollido máis dunha ducia de premios. Pero se cadra non é ese o haber máis importante deste espectáculo. Elisa e Marcela, a función, conseguiu que estas dúas mulleres sexan para sempre un referente na loita pola da defensa da liberdade e diversidade sexual, un símbolo do desafío ás regras do binomio de xénero e da defensa dos dereitos das parellas lésbicas.
É esa a gran herdanza que Elisa e Marcela deixa na sociedade. Pero cal é a que deixa na Panadaría? «En nós deixa a débeda de continuar facendo un teatro comprometido politicamente. Un teatro que aínda que non vai cambiar o mundo si que poña un grao de area, que deixe algo de pegada na xente ou xere algo de debate», asume Areta Bolado.
E que herdanza deixa para o teatro galego? «Nas escénicas de Galicia, xa me parece moito dicir, pero oxalá que sirva para deixar paso e abrir portas a outras creadoras do colectivo que poidan falar das cousas que nos preocupan».
Elisa e Marcela despídese tal e como naceu, como unha historia de amor a contratempo, un canto ao amor valente e, ao tempo, unha homenaxe e unha reivindicación. Despídese sendo «puro teatro», como dela se ten escrito.
- A CORUÑA TEATRO ROSALÍA DE CASTRO, SÁBADO 20.30. 10 euros