
Lamatumbá regresa 12 anos despois. O grupo que máis animou os torreiros na primeira década deste século preséntase con novo sinxelo: «Xa nos tardaba»
09 jun 2023 . Actualizado a las 09:33 h.«Xa me tardaba estar de volta xunto a vós», canta Sergio Zearreta no sinxelo que anticipa o retorno de Lamatumbá. E si, efectivamente, xa nos tardaba ter de novo nos palcos á banda que mellor representou o espírito festivo no cambio de século, que dignificou o torreiro, que lle prendeu lume aos corazóns dos galegos e que puxo en práctica como ninguén iso que agora está tan de moda de fusionar ritmos e sons sen prexuízos nin complexos. O primeiro concerto, o 17 de xuño na Capitol de Santiago.
—Por que tomaches esta decisión? Por que agora?
—Moita culpa tena o feito de que na peli Cuñados aparecesen tres ou catro temas de Lamatumbá e haxa un cameo de parte do grupo. Ese foi o impulso que nos levou a falar dunha posible volta. Daquela era o momento máis duro das restricións e consideramos que, sentados e enmascarados, non era o xeito de ver a Lamatumbá. En febreiro do 2022 tivemos de novo unha reunión pero aínda viamos complicado xuntarnos. Queriamos facer as cousas ben. E, ao final, concretámolo neste verán.
—Houbo que facer de tripas corazón para resucitar o grupo como dis en «Xa nos tardaba»?
—Home, eu como cantante ía por outros camiños. Estou facendo unha homenaxe a Prince. Hai outros integrantes de Lamatumbá que están con Tandub... Así que si, aparte dunha licencia poética, dalgún xeito si que tivemos que priorizar cousas e desbotar algún proxecto para retomar a banda. Que pasou? Que cando fixemos os primeiros ensaios, aquilo foi una explosión descomunal. Démonos conta de que levabamos Lamatumbá gravado a lume no noso corpo e que seguía moi vivo. Se sentes iso é porque estás no bo camiño. Por outra parte, este é un grupo que te esixe moita enerxía. Eu levo seis meses no ximnasio para poder aguantar un concerto de Lamatumba.
—Por que se separou o grupo? Daquela, no 2011, estaba no seu mellor momento.
—Si, estabamos moi arriba, pero tamén había un pouco de fatiga. Somos un grupo de nove músicos e iso implica un desgaste moi grande. Levabamos unha velocidade un pouco kamikaze á hora de sacar discos e de tocar en canto sitio había. No 2011 vimos que ese desgaste podía provocar que se resentise a parte artística e dunha maneira un pouco salomónica sacrificamos o seguir tocando por deixar a imaxe da banda ben arriba.
—Que diferenzas vai haber entre Lamatumbá do 2011 e a do 2023?
—Pois quitando algún pelo máis canoso, eu creo que poucas. Amigos que viñeron ver algúns dos ensaios están alucinados coa pegada que seguimos tendo. A xente que xa nos coñecía, creo que vai dicir «estes seguen sendo Lamatumbá». E aqueles que non nos coñecesen, agardo que leven a sorpresa que sempre supón ver e escoitar por primeira vez a Lamatumbá.
—Supoño que cando un volve é tamén porque ten a sensación de que algo lle quedara sen facer. Que lle quedara pendente a Lamatumbá?
—Non digo que todo estivese feito, pero nunca tivemos a sensación de que nos quedasen contas pendentes. O que nos apetecía agora era facer un tema novo, e xa o fixemos.
—Polo de agora, quedamos só con ese sinxelo ou hai plans de publicar algo máis?
—A verdade é que estamos nun momento moi carpe diem. O pouso que nos deu o tempo lévanos a querer gozar deste verán e non crear máis expectativas das necesarias. É certo que hai algún tema máis na carteira, pero non hai vontade de dar un paso antes que outro. De estar xa pensando no ano que vén. A idea é vivir ao máximo o que nos toca vivir agora, e non meternos ningunha presión. Despois xa montaremos unha churrascada con licores, faremos valoracións e veremos a onde nos leva todo isto.
—Por que Lamatumbá non se converteu en algo así como La Pegatina?
—Xa. O que pasa é que La Pegatina tiñan a súa base en Cataluña. Entón, aí, xa poderiamos empezar a falar de política ou de como cada país defende o seu. E aí teriamos xa probablemente palabras un pouquiño máis amargas e case prefiro non entrar. Lamatumbá nunca deixou de ser unha tribo sen ningún padriño. Iso deunos unha liberdade que ao mellor outros non tiveron, pero probablemente tamén non impuxo bastantes limitacións.
—Dis que o grupo cambiou pouco, pero o cambiou e moito dende o 2011 foi a escena musical galega. Como credes que vai encaixar Lamatumbá nela?
—É certo que cambiou moito. Nós deixamos de tocar no momento que estaba empezando o Facebook (ri). Hoxe na música galega hai un, non sei como traducilo, desparpajo e un gran empoderamento. Non hai complexos. E, dalgún xeito, Lamatumbá fomos pioneiros en non ter prexuízos e experimentar con calquera estilo musical. Iso agora multiplícase ata o infinito. Hai xente facendo absolutamente de todo. Creo que nos imos sentir moi cómodos.
—Boa proba da vixencia de Lamatumbá é que seguen a aparecer versións de «Licor Café», nalgúns casos recentes de man de formacións que o están petando tanto como La Quinkillada ou Ortiga e Pili Pampín.
—Pois si. De súpeto, temos un himno. Nós xa dicimos que esa canción xa non é nosa. Que é da xente, que é da festa. Este ano, nalgún festival, pode chegar a darse o caso de que no mesmo día o Licor Café soe catro veces en catro versións distintas. Para nós é un orgullo ser os creadores do himno tabernario galego por excelencia.
- SANTIAGO. CAPITOL. SÁBADO 17. 21.00. 16 EUROS