
«Lugar A Ponte», o segundo disco de Caldo, é unha exquisitez, unha pedra preciosa tallada en dez cancións que honran ao pasado, dignifican o presente e adiviñan o futuro
02 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Non queda outra que acudir ás loas. Lugar A Ponte, o segundo disco de Caldo, é un exercicio de ourivería sonora dunha exquisitez sublime. Un tratado musical arredor de como construír dende a contemporaneidade sonoridades tradicionais. Sen precisar axustarse aos canons. Nin constreñirse ao sacrosanto respecto. Pero poñendo en valor, alleos á nostalxia, as achegas doutros tempos. En Lugar A Ponte a delicadeza transmuta en incontibles emocións, as sedutoras atmosferas sonoras en acolledora calidez, o virtuosismo en serena elegancia. «Tiñamos moi claro que queriamos facer un disco que soase a fogar. Que cando o puxeses no salón da túa casa, como que che apetecese habitalo, estar dentro del», explica Pedro Fariñas, guitarra e gaita de Caldo.
—Apetéceche habitalo pero tamén pasa o revés, que o disco toma posesión do espazo no que o escoitas.
—Si, esa tamén é a idea. De feito o primeiro sinxelo que sacamos hai un ano a modo de adianto do disco, Acorro, resultou que non ten nada que ver co álbum. Era un tema moi punki, progresivo, que facía fincapé na bravura da música tradicional. Tanto que ao final quedou fóra do disco, porque non respiraba o mesmo ar que o resto dos temas.
—O primeiro que chama a atención é que o disco estea producido por Crnds (Cernadas).
—Xa. Cando empezamos a dicir que Crnds nos ía producir o disco todo o mundo nos dicía «ah!, ídesvos pasar á electrónica?». Nin moito menos. Hai moita xente que xa está facendo iso. E se algo bo ten Caldo é a organicidade. Si que queriamos introducir elementos ou timbres achegados á electrónica, como sucede en Xuntas ou en Outro lugar, pero queriamos que fose unha electrónica superorgánica, que non soubeses ben se é un instrumento ou unha máquina.
—A maioría das evocacións de referencia da música tradicional remítennos a un pasado moi remoto, pero vós, aí está o exemplo exemplo de«Arroz, ovos e Solís», sodes quen de xerar esa mesma capacidade de evocación pero respecto a tempos moitos máis recentes.
—Cando estaba compoñendo esa canción, a min víñanme á mente lembranzas da miña infancia. Daquela comida tan rica que preparaba a miña nai e que era a máis simple de todas: arroz, ovos e Solís. E, se tal, salchicha tamén. Ao final, nós estamos reinterpretando a música tradicional a día de hoxe. Polo tanto, a idea é facer música que teña coherencia co presente e co que estar a pasar. Para nós é moito máis fácil identificarnos así coa nosa música que facendo constantes referencias ao de moito antes. Aínda que tamén están no disco. De feito, algo que intentamos neste traballo foi coller as coplas tradicionais e darlles un sentido máis persoal.
—No disco hai varias composicións musicais da súa autoría. Como se enfronta ao reto de facer unha música orixinal pero que, ao tempo, supoño que ten que manter os canons do tradicional.
—O de manter os canons non está nunca na miña cabeza. Eu levo no eido da música tradicional dende os 7 anos. Escoitando música de aquí e doutros sitios e músicas que non teñen que ver co folk. Entón, para min é como un proceso moi natural. Intento compoñer temas que beben de todo un pouco. Xogar con todos eses inputs que te chegan de moitas músicas e canalizalo a través da miña linguaxe, que si que está máis achegada ao folk.
—Tamén hai varias cancións froito de recollidas. É un xeito de poñer en valor ese patrimonio inmaterial?
—Se non existisen todas esas fontes e o patrimonio inmaterial, non existiría Caldo. Nós pensamos que demasiadas veces non se lle dá o valor ou o recoñecemento que esas informantes merecen. Nós pasamos moitas horas escoitando gravacións de campo ata que atopamos unha que é a que nos chama. Pero si, sempre queremos reivindicar iso, que as informantes teñen nomes e apelidos e que se non fosen recollidas por persoas como Xisco Feijoo ou Xandre Outeiro, esas melodías ou esas coplas tampouco chegarían a nós, que ao final só somos unha canle para darlle unha segunda vida.
—Hai non máis alá de cinco anos, case ninguén fóra do núcleo duro dos círculos do «tradi» falaba do patrimonio inmaterial, do que non se escribe. E agora mesmo para moitísima xente que fai música é a gran cuestión, a quintaesencia de todo.
—Totalmente. Nos 90, cando foi o bum da música celta, púxose en valor a figura do gaiteiro. E penso que agora por fin se está poñendo en valor a figura da cantareira e da pandeireteira tradicional. Eu sosteño que aí, nesas cantigas das aldeas é onde está a verdadeira historia de Galicia. Tardamos demasiado en poñelo en valor.
—Que recollerán os que veñan detrás de nós?
—Non sei. Cada vez quedan menos informantes e as que quedan están cada vez máis contaminadas. Sucede moito que vas agora a recoller a unha señora nunha aldea en Lugo e ao mellor cántache un tema de Manolo Escobar. Hai que estudalo e analizalo moito porque non todo é tradicional. Hai moitas melodías que permutan dende a música popular española á tradicional. O que recollerán no futuro? Supoño que pouco. Agardemos que no futuro estean todos os arquivos colgados na rede, que aínda queda moitísimo por dixitalizar. Eu confío enen que haxa unha biblioteca enorme e que a xente poida acceder directamente aí.
—Hai en Caldo vocación de transcendencia, de se converter en referente ou clásico?
—A nosa idea é facer música que non estea de moda. Música que sexa orixinal, que non se poida comparar con nada. E, ben, se deixa pegada, pois marabilloso.
- SANTIAGO TEATRO PRINCIPAL. VENRES 9. 20.30 H. 10 EUROS