
Estrea a editorial Galaxia unha colección baixo o epígrafe O noso deporte, que promete achegas suxestivas ao ámbito da divulgación e coñecemento de figuras do noso deporte. Faino, oportunamente, cunha detallada biografía de Manuel de Castro a cargo de Adrián Estévez: investigador, filólogo, corrector lingüístico e padroeiro da Fundación Otero Pedrayo.
Sei ben da meticulosidade e rigor que aplica Estévez aos seus traballos e ocupacións polo que este, que é o seu primeiro libro publicado, non podía ocultar estas virtudes. En Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón ofrece un preciso repaso biográfico —reparando na súa extracción social, na composición e orixes da súa familia e, igualmente, no seu pensamento político— de quen foi un verdadeiro todoterreo no ámbito do deporte: xogador de fútbol, célebre xornalista , cronista de diversas olimpíadas, presidente da federacións galegas de Fútbol e Atletismo, árbitro, dirixente federativo, animador de eventos relacionados co ciclismo profesional ou adestrador da selección galega e española de fútbol; sen esquecer que xogou un papel relevante na construción do estadio de Balaídos nin tampouco que foi responsable da fusión do Vigo Sporting e o Fortuna de Vigo, xunto con Juan Baliño e Pepe Bar, que cristalizou na creación, en agosto de 1923, do Real Club Celta, denominación escollida finalmente entre outras tres como foron «Breogán», «Club Olímpico» e «Club Galicia».
Este volume aínda é algo máis, pois polas súas páxinas, documentadas con acerto e profusión. Alén de contaren cun abondoso corpus fotográfico e documental, descríbese boa parte do traballo xornalístico de Manuel de Castro —con moi atinadas observacións sobre o estilo que se cultivaba na época nas crónicas deportivas— e deséñanse, socioloxicamente, as claves da atmosfera que acompañou os primeiros pasos do deporte futbolístico en Vigo e Galicia —xeralmente da man de clases acomodadas— e as dinámicas da prensa deportiva da época.
Desde a publicación deste libro, xa se pode acceder con garantías ao coñecemento dunha figura esencial para o deporte vigués e galego, presente na cidade olívica nunha rúa, nun busto e nun galardón deportivo anual que, merecidamente, levan o seu nome.