Don Paco segue vivo en Lourenzá: o «maratón» dos veciños polo fillo predilecto

a. abelenda

FUGAS

Obra de teatro na Primavera das Letras en Lourenzá, en homenaxe a Francisco Fernández del Riego.
Obra de teatro na Primavera das Letras en Lourenzá, en homenaxe a Francisco Fernández del Riego. Real Academia Galega

Cosme Barreiros e Salvador Lorenzana compartiron a paixón por unha soa muller e por unha comarca, que corresponde a ese afecto suando a camiseta todo o ano

13 may 2023 . Actualizado a las 16:12 h.

domingo 7 de maio foi un día especial, mais o extraordinario é xa cotián polo maratón de actividades coas que as xentes da Mariña están a celebrar a don Paco. Ese domingo saíu o sol por Del Riego con axuda das sesenta persoas que participaron nunha andaina de Barreiros a Lourenzá, percorrido vital e literario do autor. Esta é só unha das actividades da axenda que manteñen acesa a chama do protagonista do Día das Letras na comarca na que «se abriu ao mundo», en palabras do seu biógrafo Manuel Román, autor de Vivir unha vida. «A razón da andaina é que entre os pseudónimos que don Paco máis utilizou estaban Cosme Barreiros e Salvador Lorenzana. Os dous, usados por el nos anos escuros», recorda o historiador, un dos integrantes da Mesa de Coordinación Paco del Riego. Esas primeiras vivencias del en Lourenzá foron a primeira chama do «sentimento de amor e paixón del pola vila natal e por Galicia. O seu grande amor foi Galicia. Realmente, el fixo unha metamorfose de Lourenzá en Galicia. E chama moito a atención cando pasou a maior parte da súa vida fóra de aquí...», manifesta.

En Lourenzá comezou o seu amor polas letras, como a afección polo xoguete popular e polo fútbol. «El non tiña pelota. Ía buscar a Xerardo de Palacios. Usaban tiras de goma de pneumáticos vellos para xogar... E despois, cando foi para os Escolapios de Monforte, xa hai fotos del xogando ao fútbol no equipo do colexio. Chamábano o Bicicleta porque disque era moi rápido de extremo», conta Manuel Román citando a Malores Villanueva, que tratou ao autor nos derradeiros anos. «Nel é moi curiosa esa dualidade que tivo a súa personalidade: a dunha persoa seria, traballadora e ordenada, pero á vez popular. Era moi amigo da vida».

Como «home orquestra» retrátao Román. «Dáballe a todo e dáballe con desinterese. Falando eu hai pouco coa súa irmá, con Ana María, dicíame ela: 'Eu admiro todo o traballo que fixo o meu irmán, que foi moito. Pero o que máis admiro del é o desinterese», destaca o historiador referíndose ao desinterese económico de Del Riego no exercicio do seu labor. «Era un tipo desinteresado. Non lle daba valor ao material», subliña de quen viviu toda a vida por Galicia. Exemplo acaído para estes tempos que espremen a rendibilidade, o sentido literal do útil. A paixón desinteresada foi en Del Riego o temón.

Lourenzá levaba un tempo pedindo un 17 de maio para o seu fillo predilecto: «E este ano cumpríanse cousas moi interesantes: o 60.º aniversario da creación do Día das Letras Galegas, que foi cousa del, e tamén cumpría el os 110 anos. Era un home ao que había que dedicarlle as letras si, si ou si. A elección do persoeiro é algo que depende das circunstancias, pero elixir este ano estivo realmente ben».

Axenda Del Riego, a tope

Cando se decidiu que don Paco sería a figura celebrada no 2023, creouse a Mesa de Coordinación Paco del Riego, integrada, entre outros, polo equipo de goberno do concello, representantes dos partidos da oposición, da asociación apolítica Patrimonio Laurentino e mais Xosé López e Manuel Ramón, autores de Lume aceso, que vén de presentarse este 11 de maio en Lourenzá, que reedita e amplía o material publicado no 2011 co título de Vivir unha vida. A Xunta, a Real Academia Galega e outras institucións colaboran con afouteza colaborativa notable.

Este ano arrincou coa celebración da data na que naceu don Paco, que chegou ao mundo en Vilanova un 7 de xaneiro, cando xa estaban de retirada os Reis Magos, como di nas súas memorias o propio autor. Lourenzá festexou o 110.º cumpreanos de don Paco cun acto ao que asistiu, entre outras autoridades, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes. No acto soou a panxoliña que a el máis lle gustaba (A miña burriña). E entre outras actividades que festexaron a don Paco nas parroquias que o viron dar os seus primeiros pasos, aprender os primeiros topónimos da zona e ler os primeiros contos de fadas, fíxose unha presentación da obra de Del Riego Lourenzá; Malores Villanueva achegouse a presentar ao pazo de Tovar, na parroquia de Santo Tomé, o seu libro Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia. En Santo Adrao, tamén presentou en abril Ramón Nicolás Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo. E, amais da presentación doutros libros sobre o autor, púxose en marcha unha visita cultural guiada na comarca que está tendo moito éxito, segundo subliñan os representantes da mesa coordinadora de Lourenzá.

Esta visita, 110 anos de Del Riego, organízase en torno a varios espazos, entre eles a igrexa-mosteiro San Salvador e o Centro de Interpretación da Faba (a mellor faba do mundo, en Lourenzá!, o propio don Paco foi pregoeiro da Festa da Faba en 1998). A mostra de xoguetes tradicionais, Don Paco, o pícaro argalleiro, amosa algúns dos obxectos cos que xogaban el e os nenos de comezos do XX.

Co deporte, o xogo e a xuventude anda o inventor do Día das Letras esta primavera, grazas ás escolas deportivas, «que son orgullo para a comarca», subliña a representante da mesa coordinadora Isabel Vilalba. Os rapaces e as rapazas súan a camiseta por don Paco, como el a suou por Galicia toda a vida.

O fútbol non podía quedar fóra do campo de xogo da celebración do fillo predilecto de Lourenzá. Houbo Trofeo Francisco Fernández del Riego, que sería moi do agrado do ilustre seareiro do Celta.

Todos os días deste maio hai unha ou varias actividades relacionadas con don Paco. Entre as máis emocionantes e próximas, este venres, día 12, un correlingua na Mariña, no que están apuntados para participar máis de 1.200 rapaces e rapazas. «Na casa, na escola, bota a lingua fóra» é o lema. A carreira comeza xa!