Xesús Fraga, autor do libro que La Voz ofrece aos seus lectores: «Del Riego non foi un intelectual illado, tiña unha gran alegría vital»

FUGAS

VÍTOR MEJUTO

O periodista e premio nacional de Literatura asegura que «don Paco sempre estaba disposto a axudar»

16 may 2023 . Actualizado a las 19:38 h.

Resumir o inxente traballo de Francisco Fernández del Riego non foi tarefa fácil, segundo Xesús Fraga, periodista e premio nacional de Literatura, autor do libro que La Voz de Galicia ofrecerá aos seus lectores o vindeiro 17 de maio. «Pero tamén é certo que toda esa tarefa estaba orientada por dous eixos ou obxectivos últimos, Galicia e a liberdade, inseparables, ademais, a unha da outra. E o seu vehículo principal foi sempre a palabra, unha ferramenta poderosa e, cómpre non esquecelo, un xeito de estar na vida», destaca Fraga.

 —Cal foi a curiosidade ou anécdota que máis lle sorprendeu del?

—Sempre me impresionaba escoitalo contar esa historia de cando, rematada a guerra, estaba no despacho vigués de Paz Andrade e durante varios días soaba o teléfono á mesma hora: unha voz anónima dicíalle: «Señor Del Riego, ¿sabe usted que está viviendo con permiso del enterrador?». É un testemuño das dificultades da época e a valentía coa que se enfrontaron a ela.

—Achega nesta obra, ademais dos artigos que publicou en La Voz, unha entrevista inédita con el? Como o lembra na distancia curta? 

—Cada vez que un necesitaba algo e el podía axudar, sempre estaba disposto á colaboración. Eu quería saber máis da viaxe que fixeran Cunqueiro e mais el a Inglaterra en 1966. Recibiume no seu despacho coas crónicas que escribira daquela e dedicoume unha hora de conversa sobre o tema, todo un luxo.

—De Del Riego tense unha imaxe de gran intelectual, mais descóbrese unha persoa moi pegada á vida cotiá. Era así?

—Era un gran intelectual, xaora, pero non deses que se illan da sociedade e ditaminan dende a altura. Non é casual que unha das súas grandes afeccións fose pasear por Galicia sempre que podía. Ese contacto directo coas persoas é algo que transmite a súa obra. E logo, aínda que o meu trato con el sempre foi profesional, era evidente que gozaba coa vida: a conversa, a música, a comida, os puros, o fútbol... Esa alegría vital tamén é un substrato importante no que escribiu.

—Tivo na tarefa política, literaria, lingüística e institucional unha visión moi pragmática?

—Del Riego e os seus coetáneos viviron momentos moi difíciles, nos que defender determinadas ideas implicaba arriscar a vida. E en moitos casos as opcións ao seu dispor eran limitadísimas. Non sei se chamalo pragmatismo, pero está claro que tivo unha visión de futuro moi clara: estamos a celebrar, décadas despois, o resultado desa visión coa efeméride do Día das Letras Galegas.

—Apunta que o crítico Ramón Nicolás o describe como un «homo faber», era quen de asumir traballo e traballo...

—Esa capacidade é outro trazo fundamental. Ramón Nicolás descríbeo moi ben cando relata todo o que facía na Editorial Galaxia, dende traballar nos manuscritos ata ir a Correos a enviar libros. Era consciente de que non había tarefa pequena e que todos os esforzos suman. Dito isto, tamén fala da precariedade do momento e os esforzos investidos para superala.

—Cal cre que é a súa achega fundamental?

—Esa capacidade de mirar para dentro e para fóra ao mesmo tempo, estar no mundo sen deixar de ser galego, é un valor que me parece moi reivindicable.

—Tiña esa retranca, que recolle nunha anécdota. Pregúntalle alguén a que se vai dedicar cando se xubile e el responde: «A la cría del calamar»... E explica: «Por la tinta. Quiero que las generaciones futuras tengan mucha tinta para relatar».

—Esa entrevista con Fernando Mon foi unha sorpresa que atopei no arquivo de La Voz de Galicia. En tempos moi complicados, de ditadura, Del Riego deixa caer con moita sutileza ideas moi importantes, pero sen renunciar ao humor.

—O seu traballo foi moi efectivo na estandarización do galego co seu dicionario.

—Claro, esa é outra cuestión importante. Durante moitos anos non había unha normativa oficial ou consensuada e ese traballo recaía en quen escribía e quen editaba. É desas tarefas caladas, que se van facendo moi pouco a pouco, na que ás veces é difícil de reparar, pero fundamental e da que, como tantas outras cousas, hoxe tamén nos beneficiamos.

—Dos moitos artigos que escribiu en La Voz, cal destacaría?

—É difícil escoller entre unha produción tan ampla e variada. Pero gustei especialmente dos seus textos como lector, pola amplitude dos seus gustos e a finura coa que sempre analizaba as obras. Da lectura dos artigos de Del Riego un sempre sae cunha idea nova, cunha pequena transformación, e ve o mundo dunha forma diferente.

«Francisco Fernández del Riego: a tinta de Galicia», o libro que ofrecerá La Voz de Galicia

-

La Voz de Galicia ofrecerá aos seus lectores esta obra o vindeiro 17 de maio (1,95 euros máis o cupón do lombo), na que o periodista e escritor Xesús Fraga atende as distintas vertentes do intelectual Francisco Fernández del Riego, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, que el mesmo puxo en marcha. Ademais de recoller os principais trazos vitais nunha cronoloxía con diversas fotografías persoais, e de abordar a súa carreira profesional, o libro achega unha conversa inédita co escritor, así como unha gran escolma de artigos que publicou en La Voz de Galicia, medio no que colaborou moitos anos.