Breve escolma dun home infindo

ramón nicolás

FUGAS

A incesante actividade literaria, cultural e política que desenvolveu Del Riego facía pensar que o mercado editorial ía ofrecer numerosas achegas sobre a obra e a figura do laurentino. Así foi e velaquí unha pequena escolma delas

12 may 2023 . Actualizado a las 14:20 h.

«FERNÁNDEZ DEL RIEGO. AO MEU XEITO REBELDE»

H. MONTEAGUDO E X. M. SALGADO (COORDS.)

A USC, onde Del Riego foi líder estudantil e docente, súmase a esta roda de recoñecementos cun libro de autoría colectiva —participan Camiño Noia, Víctor F. Freixanes ou Alonso Montero— que tamén ilumina os anos en que foi discente da Universidade.

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO PREZO 20

«FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. GALEGUISTA DE ACCIÓN E CULTURA»

XOSÉ L. FRANCO GRANDE / ANXO X. RAJÓ

Franco Grande publicou no 2001 unha aproximación biográfica a Del Riego que constituíu un texto de referencia. Este traballo reedítase complementado cun estudo actualizado da man de Anxo X. Rajó, que pon ao día o perfil vital de don Paco.

IR INDO PREZO 22,10

«DE COMPOSTELA AO EXILIO INTERIOR»

ANTÓN MASCATO

O editor e escritor Antón Mascato publicou no 2000 a primeira biografía de Del Riego. Agora dá a coñecer un detallado estudo biográfico que incorpora unha abondosa reprodución de documentos gráficos que se beneficia, na súa redacción, do trato directo que durante anos mantivo co homenaxeado.

ALVARELLOS PREZO 23

«GALICIA»

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

Un dos seus libros máis emblemáticos. Reedítase nun formato máis manexable e nel articúlase unha peregrinación por Galicia, a xeito de crónica de viaxes, con doce itinerarios que posibilitan coñecer a nosa realidade xeográfica, humana, monumental e histórica; tamén gorentar a coidada prosa do escritor.

XERAIS PREZO 19,50

«O HOME QUE VALÍA POR MIL»

ANTÓN MASCATO / PEPE CARREIRO

Velaquí unha estratexia moi suxestiva para divulgar a figura de Del Riego entre o público afeccionado á banda deseñada e non só. Un reto sintetizar, discursiva e plasticamente, unha biografía tan intensa e plena que non deixa capítulos relevantes fóra.

GALAXIA PREZO 16,90

«NA ESPERA DO AMIGO»

F. FERNÁNDEZ DEL RIEGO

Acertado tributo que se rende a don Paco coa edición facsimilar dun dos escasos relatos que nos legou. Incorpora unha serigrafía de Laxeiro, limiar de Rosario Álvarez e achegas que asedian a relevancia da publicación desde diversos ángulos a cargo de Román Pereiro, Xosé López, Carlos L. Bernárdez e Beatriz Liz de Cea.

CONSELLO DA CULTURA GALEGA, EDICIÓN NON VENAL

«F. FERNÁNDEZ DEL RIEGO. LEMBRANZAS E REFLEXIÓNS»

HÉITOR MERA / JOSÉ L. ABALO / XAN LEIRA

Héitor Mera incorpora neste libro unha operativa síntese biográfica, con testemuñas videográficas de Del Riego en código QR gravadas no seu día polo documentalista Xan Leira. Ademais, agasállase unha reportaxe fotográfica de José L. Abalo.

MEMORIA DOCUMENTAL DE GALICIA PREZO 15