Veño dunha beleza incontrolada

Diego Ameixeiras

FUGAS

28 abr 2023 . Actualizado a las 10:46 h.

Veño de mirarme no espello do mar con Joseph Conrad, dun temporal de vento que converteu o océano nunha extensión de escuma sen idade, anterior á creación da luz. Veño con Edgar Allan Poe de presenciar un crime na rúa Morgue. Veño dunha taberna de San Petersburgo con Fiódor Dostoievski, atormentado polas miñas débedas na ruleta. Veño dunha éxtase de sol e area branca en cabo de Gata, coas palabras nos beizos de José Ángel Valente: «El descenso afilado de las piedras hacia el mar, del cabo hacia las aguas. Y el vicio de todo lo creado envolvente, materno, como inmensa morada». Veño dun esplendor de chuvia calma no Courel, asomado a unha ventá con Uxío Novoneyra: «Chove pausiño pras sombras / chove pra baixo e pra riba. / O aire de soño en soño / a auga pinga que pinga». Veño de sentirme en perigo grazas a Patricia Highsmith. Veño de quedar con Raymond Chandler para vivir unha semana enteira, trasfegando cócteles, na terraza dun restaurante en Hollywood. Veño de bailar un vals en Viena con Federico García Lorca, «soñando viejas luces de Hungría / por los rumores de la tarde tibia / viendo ovejas y lirios de nieve / por el silencio oscuro de tu frente». Veño de deixalo todo para mudarme con Carmen Laforet á Barcelona triste da posguerra. Veño de viaxar no Orient Express con Agatha Christie, veño de atoparme en Oseira con Graham Greene despois de ser correspondente de guerra en Vietnam. Veño con Charles Dickens de ver nenos morrendo de fame en Londres. Veño de pelexar con François Villon polos favores dunha cortesá. Veño de empuñar unha pistola en Harlem con Chester Himes. Veño dun parque de Boston con Anne Sexton, que me di no seu último paseo: «A miña boca florece coma unha ferida». Veño con Lillian Hellman de negarme a declarar contra os meus colegas ante Joseph McCarthy, veño de ser executado por Stalin con Isaak Babel, veño da illa do tesouro cos piratas borrachos de Robert Louis Stevenson. Veño con Xosé Luís Méndez Ferrín da fogueira de Londonderry. Veño de Auria, veño de Comala, veño de Yoknapatawpha, veño de todas as cidades con catedral e néboa sobre unha ponte. Veño de pasar un verán en San Lourenzo de Piñor con Carmen Martín Gaite. Veño de abrazarme a Frankenstein con Mary Shelley. Veño de todas as infancias, veño de todos os futuros. Veño dunha beleza incontrolada. Veño dese edificio que vedes aí. Veño da biblioteca pública.