Ataque Escampe: «Prefiro a música de hoxe que a de hai 20 anos, a Rosalía que a Bisbal e a C. Tangana que a Café Quijano»

FUGAS

Miguel Mosqueira (primeiro pola esquerda) co resto dos compoñente de Ataque Escampe
Miguel Mosqueira (primeiro pola esquerda) co resto dos compoñente de Ataque Escampe cedida

O sábado estrean en directo «Cabalgata» na sala Capitol de Santiago, un disco que estará, sen dúbida, entre o mellor deste 2023

27 abr 2023 . Actualizado a las 18:13 h.

A sensación é a de un rotundo in crescendo. Cabalgata é como esas fascinantes estruturas que se van definindo e consolidado a medida que medran. Neste caso, con cada canción. Un delicado traballo de orfebre no conceptual revestido de sonoridades industriais. Densas e escuras cando a cuestión o require. Desbocadas cando a intensidade acada un clímax xa difícil de soster. Luminosas, cando a ironía tingue o discurso. Comprometidas, sempre. Ataque Escampe veñen a asinar o disco definitivo. Un álbum que sitúa a música galega nun feliz contexto. Que a dignifica.

—Tardaches seis anos en sacar este disco. Mudou moito o que era a idea inicial?

—A idea inicial era moi inxenua. Estabamos na pandemia e dicíamos que había que facer un disco alegre, luminoso, que dera gañas de vivir. Pero a realidade é máis complexa e ese espírito vitalista vaise escurecendo e ao final aparecen as sombras. Claro que tamén pensamos que así debe ser. Non se pode saír dunha pandemia, darlle ao botón de «on» e non pasou nada. A vulnerabilidade social, a soidade, as fallas que ves no sistema social afloran e teñen que ter o seu reflexo nas letras e nas músicas.

—Da a sensación de que é un disco no que vos deixáchedes levar.

—Si, queríamos ser sobre todo libres. De feito, o título, Cabalgata, transmite a idea de aventura, de non saber que te vas encontrar. E como froito desa excitación xogamos con un abano de sonoridades moito máis amplo que creo que nos aporta un discurso propio.

—Dicides deste disco que é un diálogo co pasado. Que tal vos levades con el?

—Cada vez mellor. Antes, na xuventude plena, querías afastarte da idade infantil e agora que temos máis de 40 vemos o pasado con indulxencia. Cando no subconsciente aparece aquel neno, xa non foxes del senón que o que tratas é de integralo no home que agora es.

—E como é a vosa relación co presente?

—O outro día estaba eu nunha conversa con mensaxes de audio e dicíame miña tía, que ten 80 anos, «non será máis fácil que vos chamedes por teléfono?». E tiña razón. A modernidade moitas veces é iso, facer algo que funciona peor que o de toda a vida. Vivimos na inmediatez dos hábitos do presente e perdemos cousas que nos enriquecían no pasado e todas aquelas experiencias que de verdade creaban comunidade.

—Dende o punto de vista musical, como vos levades co momento actual?

—Hai cousas que me molan e outras non tanto. Pero a escena da música comercial actual gústame máis que a de hai 20 anos. Eu prefiro a Rosalía que a Bisbal. E a C. Tangana que a Café Quijano. Creo que hai máis gañas de innovar e máis personalidade.

—«Cabalgata» é un disco cheo de referencias musicais: Nirvana, Miles Davis, a Banda de Lalín, Los Chichos, Nina Simone, Bud Bunny e autocitas a Ataque Escampe. Que queredes trasladar con elas?

—As referencias son sinceras na medida que son grupos que escoitamos. O que queríamos era ser transparentes a hora de mostrar como esas influencias son importantes na configuración da nosa creación. O desafío era integrar eses diferentes estímulos e planos musicais sen xerarquías. Non está Nina Simone por encima de Bad Bunny nin dos Chichos. E tamén nos esforzamos por integralos nun contexto que funcionasen porque iso é refrescante.

—Parafraseándote, que música escoitabas ti no 2011?

—Nesa época escoitaba moito a PJ Harvey e, sobre todo, a Wilco. De feito, dese ano temos un disco que é medio country, medio soul, que era Violentos anos dez, no que está moi presente a música de Wilco.

—E, por seguir con frases que aparecen nas vosas cancións, que bailabas no 93?

—Unha canción da que tamén hai unha referencia no disco, All That She Wants de Ace of Base. Lembro que no colexio incluso tiñamos unha coreografía para ese tema. E se o escoito agora, aínda me gusta. Bueno, un rato. Despois satura [ri].

—Os sintetizadores e as bases gañan moita presenza neste disco.

—Estabamos un pouco cansos de tantas guitarras facendo acordes. Resultábanos aburrido e incluso soábanos un pouco rancio. Na música actual xa non hai moitos acordes. E, bueno, un non quere ser o máis moderno do mundo, pero escoita a música do seu tempo e a intuición levounos por aí.

—Creedes de verdade que a vosa música «non vale para un puto fest»?

—«Non vale para o teu puto fest», di a cancióni. A ver, nós tampouco somos un grupo de estar as dúas da mañá animando ao persoal, pero o certo é que o modelo actual fixo que desapareceran os festivais máis pequenos, os autoxestionados. Foron substituídos polos festivais xigantes, feitos por grandes promotoras, nos que os que non son cabezas de cartel non somos máis que carne de canon. Estamos aí para encher o programa.

—Sentídesvos uns «losers», como dicides en «Lamborghini»?

—O de losers é unha parodia desas persoas que se pasan a vida queixándose cando realmente poden ser uns privilexiados. Nós, tanto a nivel persoal como incluso de grupo, somos máis privilexiados que losers. Nese tema mesmo hai algo de autocrítica respecto aos nosos momentos de baixón, que tamén os temos, claro.

—O espírito do disco resúmese nesa mensaxe que trasladades ao final: «Agora hai que quererse máis que nunca». O que pasa é que non sei se estamos niso ou precisamente en todo o contrario.

—Si, neste momento hai bastante desconfianza cara aos demais. A xente está organizada como en pequenos grupúsculos. Nós a teoría sabémola, que é manter a empatía e a unión, tanto nas relación interpersoais como nas sociais. Entón somos optimistas. Outra cousa é que haxa moito que cambiar. Pero nós vivimos co ánimo de que se pode transformar a sociedade para mellor.

—É Ataque Escampe un grupo incómodo?

—Podemos selo en tanto que non se nos pode encasillar con ningún referente concreto. Dende logo, o que non somos é un grupo inmediato. Hai que darlle unhas voltas para entender a nosa proposta. Pero gústanos que sexa así.

  • SANTIAGO. Sala Capitol. Sábado 29. 21.00. 10 euros