Memoria poética

Ramón Nicolás

FUGAS

14 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoán C. Domínguez Alberte é responsable deste libro —Aires de poesía. Escolma de poetas da bisbarra de Celanova— que fai unha chiscadela aos títulos Aires da miña terra, de Curros Enríquez e Cartafol de poesía, ideado este último por Xosé Velo e Celso Emilio Ferreiro. É este un proxecto necesario de inequívoca utilidade para poñer en valor parte do patrimonio literario galego, concretamente aquel que se inspira ou que se relaciona cun territorio singular con personalidade de seu como é o das comarcas da Terra de Celanova e Baixa Limia.

Velaquí unha sorte de crestomatía poética que presenta, por xunto, unha antoloxía dun bo grupo de voces ordenadas baixo o criterio de compilar textos de poetas que, cando menos, contasen cun libro publicado independentemente e que, nun sentido amplo, tivesen relación coas comarcas aludidas.

Superando a dificultade que supón moverse nun río tan caudaloso como é o conformado por corpus poéticos distintos e de xeracións diferentes, teño para min que un dos valores deste volume é o de habilitar unha revisión do proceso de reconstrución que se instala no Rexurdimento e que se estende nas estéticas máis contemporáneas, pasando polas valiosas mostras da poesía do século XX.

Un libro que alén de posibilitar a visualización dun imaxinario alicerzado na toponimia e microtoponimia tantas veces aludida nestes poemas —do Chan de Amoroce a Acevedo, do Picouto a Buscalque, de Ludeiros a Meaus, de Rubiás a Turei, de Escudeiros a Castro Leboreiro ou a Castromao— exhibe unha palpable heteroxeneidade nas temáticas abrazadas que son crónica dun tempo e memoria colectiva e poética da nosa historia. Cantos que, desde diferentes ópticas, arrastran canda si os grandes temas da literatura universal: a importancia do humus primixenio na configuración dunha percepción singular do mundo, o amor e a morte, a loita pola dignidade e a opresión secular, o paso do tempo e o carpe diem, sen esquecer a visión lúdica, a metapoesía, o ton épico, ás veces epopeico, ou a tonalidade sarcástica e irónica que tamén circula por estas páxinas.

A poesía reconcílianos co mundo e dálle certo sentido ao mesmo. As páxinas deste libro contribúen, con certeza, a ese obxectivo.