Esquecido, mais brillante Thomas Wolfe

Ramón Nicolás

FUGAS

10 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre esas alfaias que Hugin e Munin nos agasalla, apareceu hai pouco a novela breve O neno perdido, de Thomas Wolfe, en espléndida tradución do editor e escritor Ignacio Chao.

O norteamericano Wolfe (1900-1938), unha voz que caeu en certo esquecemento malia ser reivindicada polo William Faulkner ou por Sinclair Lewis, é sen discusión un narrador de altura como testemuña esta proposta tanto pola súa precisión estilística e expresiva como por estar dominada por unha articulación innovadora, alén de mergullarse en asuntos de interese imperecedoiro, e ao meu ver tratados de maneira orixinal, como poden ser a abordaxe que fai respecto da soidade ou da disolución do tempo, mellor dito do Tempo, como sempre usa na novela.

A trama, en aparencia sinxela, transcorre en boa parte no ano 1904 en St. Louis (Misuri), cando a familia de Grover Wolfe se despraza alí, cruzando Alabama, por mor da Exposición Universal. O argumento distribúese coma se fosen catro actos: en primeiro lugar, e minuciosamente grazas a un narrador externo, evócase unha tarde na praza dunha vila sen nome do sur dos Estados Unidos, onde o recordo da guerra civil aínda, en boa parte, está sen cicatrizar. A praza é símbolo da permanencia, corazón do universo dun neno que, ás veces, non atopa medio para expresar o que ve e sente, malia saber que é aí onde el nunca se sentiría perdido se ese lugar, ou non-lugar, nunca se transformase noutra cousa. A súa visión, sorprendentemente, resulta operativa para construír unha metáfora da América daquel entón a través da memoria que vai e vén, subxectiva e cambiante, que retrata un país de recendos, con «vellas paredes de ladrillo, unha tenda de comestibles, abril e o sur».

Tras un monólogo emotivo e profundo da nai dirixido ao autor da novela, irmán menor do neno antes descrito, será outra irmá do autor —Helen— quen esmiúce as causas da morte do pequeno na terceira parte para, finalmente, e talvez nas páxinas máis brillantes, asistir ás experiencias do propio Wolfe que volve á casa de Misuri para intentar apreixar o Tempo. En efecto, é quen de recuperalo un intre para perdelo de vez e sentir como a soidade o asolaga, para sempre, como a única sombra permanente que sempre camiñará canda el.