«Latexos»: sete anos despois, o corazón do ska galego volve latexar

FUGAS

03 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Medran os novos camiños da cultura / Que non se manipula / Pois é libre como a escuma do Atlántico», rapea García Mc sobre os primeiros acordes de Latexo, o tema que abre o novo disco de The Skarnivals. Toda unha declaración de principios e de intencións por parte dunha das bandas emblemáticas do ska, sempre festivo, comprometido e combativo, feito en e desde Galicia.

The Skarnivals retornan ao mercado discográfico despois de sete anos de silencio. E fano cunha proposta de nove temas, que se ben non difiren en esencia dos seus postulados tradicionais, si que aportan novidades tanto estilísticas como harmónicas que actualizan o seu discurso musical. Sen deixar de ser unha banda de ska-punk de corte clásico, en Latexos The Skarnivals repousan e sosegan os seus ritmos e introducen nas súas cancións instrumentacións —teclados, guitarras acústicas, maior presenza da gaita...— e matices que as enriquecen e lles achegan novas cores. «Un disco no que demostran a súa madurez», di a folla de promoción. E si, algo diso hai.

O outro discurso, o narrativo, sigue fiel aos principios que a banda do Morrazo mantén dende a súa fundación, alá polo 2012. Tanto en galego como en castelán, The Skarnivals berran fronte ao capitalismo e os mecanismos que manteñen o estatus dos privilexiados (Cuervos), denuncian a censura e a represión (Do revés), arremeten contra a charlatanería e os falsos predicadores, gurús deste tempo baleiro (Fume), e claman ante «sin conciencia» (Hijos de la vergüenza) e a hipocrisía moral (Chakal). Tamén hai lugar para reivindicar a cultura como espazo de inquebrantable liberdade e a música como infatigable elemento vertebrador de inquedanzas persoais e colectivas (Latexo). E mesmo para os recordos da infancia e a nostalxia tinguida de poética (Anhelos no ar).

«Que se sinta o vibrar dos latexos, que retumben coma unha estampida», reclaman The Skarnivals. E non van desencamiñados. A súa proposta encaixa como anel ao dedo na revitalizada escena dos festivais galegos. Ten toda a pinta de que vai ser o seu un retorno coas portas moi abertas.

 

BUEU ATURUXO SÁBADO 21.30. ENTRADAS ESGOTADAS