
Tres mulleres e Odisea, un disco dende o que propoñen un percorrido musical por catro continentes
27 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Rachar cos tópicos, liberar prexuízos, ampliar horizontes, seducir públicos, conquistar espazos, reivindicar o que non tería que ser preciso que fose reivindicado... Son algúns dos postulados esenciais de Samudra Trío, unha formación feminina que está en condicións de darlle un revolcón á, en demasiadas ocasión, anquilosada escena música clásica galega.
Samudra Trío son Laura Lorenzo (frauta), Jimena Andión (chelo) e Yamini T. Prabhu (piano), tres mulleres en torno á trintena e que, rematada a súa formación académica, «xuntámonos para facer algo distinto, cun repertorio diferente», segundo relata a pianista do trío.
A súa primeira credencial é Odisea, un disco dende o que propoñen un percorrido musical por catro continentes. Con pezas que van dende Paquito D'Rivera a Rogelio Grobas, dende Ravi Shankar ou Béla Bartók a Joaquín Turina. «Queremos amosar a diversidade e a pluralidade da música clásica e liberala do prexuízo de que hai que ter formación nela para gozala. Por iso incluímos moitas pezas que teñen a súa orixe no folklore ou que son parte das músicas do mundo», conta Yamini.
A proposta de Samudra Trío xa foi recoñecida cun premio Martín Códax no 2022. Un paso máis na procura da visibilidade, a gran batalla das formacións de cámara que buscan transcender do limitado, e case sempre pechado, circuíto da clásica. «Esa é unha das grandes barreiras que atopamos. A xente pensa que unha proposta como a nosa non vai funcionar nunha sala de concertos ou nun festival. Pero as veces que temos ido, á xente encántalle».
O feito de ser unha formación integramente feminina, de xente moza e cunha estética contemporánea, algo que, a priori, podería restar no universo da clásica, vólvese ao seu favor ao achegarse a outros ámbitos. «Nós temos unha mensaxe case política. Cremos firmemente no poder reivindicativo e transformador que ten a música clásica. Pero para que todo o mundo a goce e a viva, para que cambie as vidas da xente, temos que sacala dos auditorios».
¿Un escenario soñado?, pregúntolle a Yamini. «Ir ao festival de Coachella sería un soño. Sería romper moitos muros».