Memoria dunha vida e dunha obra

Ramón Nicolás FUGAS

FUGAS

Del Riego de bebé cos seus pais, nunha das fotografías familiares que inclúe o libro de Malores Villanueva sobre o homenaxeado no Día das Letras este ano.
Del Riego de bebé cos seus pais, nunha das fotografías familiares que inclúe o libro de Malores Villanueva sobre o homenaxeado no Día das Letras este ano.

27 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cumpre, con creces, as expectativas depositadas na anunciada biografía que Malores Villanueva subscribe na editorial Galaxia sobre o protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. Baixo o título de Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, a biógrafa erixe un percorrido completo, documentado e con vocación de permanencia sobre os pasos que o laurentino deu na súa dilatada vida que, como se sabe, foron moitos, diversos e todos relevantes. Villanueva revela como este libro nace do respecto e admiración pola figura do biografado, algo que, desde as primeiras páxinas, é doado de percibir coma se a obriga moral que don Paco asumiu de transmitir a memoria do seu tempo se proxectase aquí co fondo da súa figura. A autora gozou, para a súa realización, dun factor que beneficia a achega como foi o trato continuado con don Paco ao longo dos tres últimos anos de vida deste, período ao longo do cal gravou moitas horas de conversa e compartiu outras moitas que se translocen neste libro. O traballo desenvolto pola autora segue o ronsel, igualmente, do seu labor de divulgación sobre Del Riego plasmado en numerosos artigos, no seu labor como corresponsable, xunto con María Dolores Cabrera, dun libro de homenaxe a don Paco publicado hai algúns anos ou da realización da súa tese de doutoramento sobre os inicios da editorial Galaxia.

Con estes vimbios, nesta proposta escrita con pulso propio, non hai elemento de relevancia que non sexa analizado nun difícil exercicio de síntese porque, en efecto, unha revisión minuciosa do papel desenvolto por Don Paco daría para moitos volumes. Permítome salientar achegas novidosas, entre outras, como son a baixa solicitada como secretario na editorial Galaxia ao pouco tempo da súa fundación nun momento de certa crise persoal, a idea de propor un día do libro galego que xa abrazaba desde 1933 ou a visión, tan ben transmitida, do seu perfil máis humano reflectido, por exemplo, nas dinámicas do seu tempo de lecer e na reconstrución dos distintos ángulos que conformaban a súa personalidade: sempre xeneroso, sempre accesible, sempre ao servizo do seu país. Unha xusta e certeira biografía, non teño dúbida, que recomendo coñecer.