Sempre en Castelao

Ramón Nicolás

FUGAS

A icónica obra de Castelao  A derradeira leición do mestre .
A icónica obra de Castelao A derradeira leición do mestre . SANDRA ALONSO

20 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Atravesamos un mes no que falar de Castelao, da proxección da súa memoria e o seu legado, resulta unha obriga moral. Falecido o sete de xaneiro de 1950, nacera o vinte e nove do mesmo mes do ano 1886 polo que estamos a poucas xornadas de celebrar o seu 137.º aniversario e non imaxino mellor maneira de homenaxear a súa figura que a de achegarse a esta recente publicación, editada por Akal nun formato facsimilar, que facilita o acceso tanto ao álbum Nós como os denominados Álbums da guerra, isto é, Galicia mártir, Milicianos e Atila en Galicia.

As edicións facsimilares, ou mellor sería dicir reedicións, dos álbums que se ofrecen —a de Nós inclúe o prólogo que no seu día subscribira o profesor Xesús Alonso Montero— preséntanse con elegancia nun caixa contedora e concíbense como conmemoración dos cincuenta anos da editorial. Acompáñanse, ao mesmo tempo e cun excelente criterio, dunha separata especial que incorpora dous prólogos debidos aos profesores e escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer que, por extensión, testemuñan como a obra de Castelao é inesgotable e non perde nunca actualidade.

Ambos os dous textos prologais resultan, ao meu ver, de lectura obrigada e talvez constitúan dúas das achegas máis salientables que, inspiradas nesta obra artística e política de Castelao, se escribiron nos últimos tempos. Carmen Blanco aborda, alén dun sintético achegamento biográfico, bibliográfico e estilístico, unha análise altamente suxestiva e informativa deste clásico vivo que é o álbum Nós, respecto do que nos revela ángulos en que nunca repararamos e que considera, con acerto, un «álbum de artes e letras liberadoras».

Pola súa parte, Claudio R. Fer achega unha brillante e sólida análise da triloxía que constitúen os álbums da guerra do rianxeiro. Na súa esexese sistematiza as claves interpretativas das obras e subliña as dimensións que encerra como denuncias da represión fascista e da barbarie represiva condensadas nas estampas de Galicia mártir e de Atila en Galicia, alén das que se se plasman en Milicianos, onde Castelao puxo o obxectivo na organización da resistencia civil tras o golpe de Estado de 1936. Unha publicación que segue a situarnos sempre en Castelao.