As novas voces femininas galegas que soarán no 2023

FUGAS

-

Nomes como Fillas de Cassandra, Sila Lúa, María Grep, Elba, hydn, Law, Nia Twee ou Lontreira representan e reivindican unha nova xeración musical a piques de eclosionar en tres, dous, un...

13 ene 2023 . Actualizado a las 12:12 h.

Non fai falta unha bola de cristal para aventurar que a música galega vai estar determinada no 2023 por unha serie de proxectos femininos a piques de eclosionar. Superouse a febril efervescencia destes últimos anos e situámonos xa no punto de ebulición. A xeración Z reclama o seu espazo e faino cunhas credenciais atafegantes. E chegan, na meirande parte dos casos, en voz de mulleres. Propostas descaradamente valentes, arrebatadoramente contemporáneas, cando non pura vangarda, desprexuízadas e sempre, sempre, comprometidas coa defensa da igualdade e dos dereitos e liberdades da muller. Que por e para algo, xa o cantan Fillas de Cassandra, «somos as fillas de todas as que se plantaron e dixeron: Que!»

Van ser, precisamente Fillas de Cassandra, María Pérez (1996) e Sara Faro (2001), unhas das grandes animadoras da escena musical galega neste 2023. Xa o foron, con só tres sinxelos, na segunda metade do ano pasado. O 24 de febreiro publican o seu primeiro álbum, Acrópole, no que engadirán cinco temas inéditos. Todos eles levan, ao igual que os tres adiantos, nomes de deusas gregas, revisitadas dende unha perspectiva feminista. O cal non é óbice para que a súa mensaxe cale entre os homes. «Segundo os datos de Spotify, máis da metade dos nosos oíntes son masculinos», revela María Pérez. A viguesa sostén que a música galega chegou a este punto porque no momento no que existen referentes de muller, ábrense moitísimo as posibilidades para a xente que comeza. «As salas, os festivais e as axencias fíxanse máis en nós. Primeiro porque están obrigados pola discriminación positiva, que é boa pero non suficiente. E, segundo, porque hai xa un público que está moi atento ao que facemos».

No musical, a proposta de Fillas de Cassandra é un híbrido, precisa e preciosamente engarzado, no que ten cabida a electrónica, referencias clásicas e a música tradicional galega. «Facemos exactamente o que queremos facer. O cal xa é un paso moi importante para as mulleres, que sempre estabamos máis pendentes de ver se o que creabamos lles gustaba aos demais».

Da produción musical de Fillas de Cassandra encárgase Berto, quen tamén está detrás da proposta da Nia Twee (1996). A coruñesa define o seu proxecto como «hiperfeminizado e hipersexualizado», ao tempo que explica que «para mí es puro feminismo utilizar esos dos conceptos a tu favor». Toma Nia Twee as súas principais referencias «de las divas del 2000, como Britney Spears, No Doubt, Cher, Paulina Rubio o Mónica Naranjo». A mediados de febreiro coñeceremos o seu primeiro disco, no que inclúe os catro adiantos xa publicados e tres temas inéditos. Todos eles cantados en inglés, o cal, na súa opinión, dificúltalle entrar en determinados circuítos. «En Galicia ahora mismo hay una corriente muy fuerte hacia artistas que cantan en gallego. Yo, de hecho, recibo más feedback de fuera, incluso de fuera de España, que de Galicia». Aínda así Nia Twee, que o pasado ano xa paseou por festivais como Tremor ou o Atlantic Pride a súa proposta de electropop urbano revestido de descaro, reafirmación e certa provocación, non se cuestiona a elección do idioma. «Mucha gente me come la cabeza para que cante en gallego pero soy muy terca y no suelo ceder». Iso si, defende para si a condición de artista galega. «Me encanta cuando me definen así».

Outra das artistas que ocupan a primeira liña na grella de saída de cara á vertixinosa carreira deste 2023 é hydn (Cee, 1996), así, en minúsculas. Cen por cen de actitude, unha coidada e rompedora estética e un son que bascula entre o trap R&B, o dancehall e o deep house definen a esta artista que este ano chegou ata a última eliminatoria no proceso de selección do Benidorm Fest. «Ir a Eurovisión é un soño que teño dende sempre. Volverei a intentalo este ano cunha canción diferente», conta. Pero antes, a finais de primavera, coñeceremos o seu primeiro epé, no que incluirá unha versión actualizada do tema co que concorreu ao concurso. Un tema cantado en galinglish. «Cantar nos dous idiomas nace como unha necesidade. Eu sempre consumín música en inglés e co meu primeiro grupo cantaba nese idioma. Pero sentía que non acababa de conectar coa xente. Por iso decidín mesturalo co galego». Para hydn «ao poñer o galego ao nivel do inglés, o que fago é revalorizar a nosa lingua. Para min é flipante que xente que nin sequera sabe que existe o galego escoite música no noso idioma».

Sobre a puxanza feminina na música, o que lle estraña a hydn «é que tardásemos tanto en conseguila. Estamos un pouco fartas de pavos apioando a pavos».

Tamén cunha estética rupturista e coidadosamente deseñada preséntase Law (Coia, 1996), outra das artistas emerxentes a ter moi en conta. A finais de marzo publicará o seu primeiro epé, con cinco temas propios, que transitan por entre o hip hop dos 90, o R&B, o soul e certas reminiscencias niponas, propias do manga. «Va a remover el concepto de lo que viene a ser el urbano», explica Law, quen tamén exerce como modelo e guionista de banda deseñada. «Va a tener un punto más gamberro, más macarra, pero siempre con mucho mensaje, mucho contenido social y mucho amor y muerte». Considera Law que «ha llegado el momento en el que las mujeres creemos nuestras propias reglas del juego en la música. Tenemos muchas cosas que contar y por fin nos quieren escuchar. Eso es lo que nos hace poderosas». Ao tempo que defende un sentimiento xeracional. «Siento que estamos todas juntas abriendo un mismo camino».

Un camiño polo que xa ten dado importantes pasos María Grep (Santiago, 1996). A que fora musa do bedroom pop confesa estar explorando novos territorios. «Igual de bedroom pero menos pop», bromea. «Es algo más personal. Estoy aprendiendo a producir y quiero tirar por algo más electrónico, menos indie». Teremos ocasión de escoitar algún adianto antes de que remate 2023. Un ano que, seguro, vai consagrar outro proxecto no que está involucrada: Cool Nenas, o trío de Dj's que conforma xunto a Dani e Kimberley Tell. Por certo, que de ambas teremos tamén novidades discográficas este año. «Siempre ha habido mujeres, tanto en la música como en las cabinas», relata María Grep. «El problema eran las barreras que se nos ponían. En el momento que dejan de existir, o que nos las hemos cargado, ya vemos cómo afloran los proyectos femeninos».

Tamén se manifiesta con arroiadora valentía en todos os seus ámbitos Elba (Santiago, 1995). «As mulleres estamos máis acostumadas a loitar polo que queremos e defender aquilo no que cremos», comenta a creadora de La magia natural, un disco poliédrico, case caleidoscópico, de synth pop temperado e profunda carga emocional. Nesta primavera teremos algo novo de Elba e máis adiante algunhas colaboracións. Aínda que este ano vaise centrar nos directos e nos seus Dj's sets. «Noto que se están a abrir moitas portas para as artistas galegas. Hai moita máis receptividade. No meu caso, sempre tiven que buscarme eu a vida e agora incluso me veñen a buscar a min. Iso nunca me pasara», di.

«Paréceme un luxo vivir este momento», corrobora Laura Lamontagne, quen xunto a Picoamperio asina un dos proxectos máis excitantes da nova escena musical galega. E valentes, tamén. Non é pequena afouteza revestir de electrónica a lírica medieval galega. «As mulleres estamos cambiando a perspectiva. Vanse mudando os gustos e a apertura de miras vai crecendo. Hoxe hai moita xente na industria que está dicindo 'Uy!, espera, vamos a prestar atención a esto, que algo está pasando'. Iso é moi importante para as artistas que estamos comezando. Anima e contaxia».

Refrendouno Lamontagne coa receptividade que tivo Algo que sinalar, o disco que publicaron a finais do 2022. «Noto que agora os proxectos femininos recíbense con outro abrazo. Non tanto coa intención de xulgar».

Outro proxecto mixto con voz feminina é Lontreira, que veñen de editar o 3 de xaneiro o seu primeiro disco, Apnea. De novo a electrónica, o dancehall e sonoridades tradicionais conflúen en cancións que non son alleas ao compromiso feminista. Para a cantante e autora das letras de Lontreira, Adriana Coyote (Illa de Arousa, 2000), «as mulleres son as que a día de hoxe están facendo as cousas máis orixinais e arriscadas». E asegura que ese plus de valentía ten que ver con que «hoxe nos sentimos moito máis seguras. Xa non facemos as cousas pensando que as vai xulgar un home, nin pensando no que van dicir outras mulleres, que moitas veces somos as nosas peores inimigas. Facemos o que queremos facer, segundo os nosos ideais».

Ideais e creacións que están a propiciar un dos momentos máis excitantes en anos para a música galega. Protagonizado por unha xeración de artistas que apenas superan os 20 anos pero coas ideas moi claras e unha decidida vontade de transcender. E entre as que figura, ademais das xa citadas outras como Mariña, Sleepy Spice ou a artista non binaria Ash, das que tamén agardamos novos traballos neste fértil e arrebatadamente feminino 2023.