«Saínza, a punkiereteira» e o espírito tanxugueiro

FUGAS

A autora, María Canosa, explica que este libro «é una canto á defensa do rural, das avoas, da transmisión natural da nosa cultura, da lingua e da música»

30 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Saínza, a punkiereteira, ilustrado por Cristian F. Caruncho e con texto de María Canosa (A Costureira Edicións), é un deses libros que fai pensar aos cativos. A historia quere facer ver que na diversidade das persoas reside a verdadeira riqueza. É unha homenaxe á personalidade de cada un de nós, nun mundo que pretende impoñer uniformes ata na forma de ser dos mozos, ademais de na súa forma de vestir. Por iso, cómpre que o lean os máis pequenos, para que aprendan a importancia de decidir por eles mesmos os seus gustos, aínda que vaian a contracorrente do resto dos seus compañeiros. Porque así é como nacen as auténticas revolucións. Ademais, relata algunhas escenas divertidas para esmendrellarse de risa que, de seguro, serán moi recoñecibles para moitos deles.

Cunha coidada edición e unhas ilustracións marabillosas, este libro permite tamén engrandecer a vida no campo, o contacto coa natureza e o fogar familiar da súa querida avoa Carme, os únicos espazos onde realmente Saínza se sente libre, aínda que acabará conquistando todos os que lle son alleos para impoñer a liberdade coma forma da súa vida. «Vivir no medio da natureza, poder tocar, ulir e sentir o mundo dese xeito era un auténtico privilexio. Pobre dos que, coma el, non o vían así», comenta a protagonista no libro. E abofé que si: «Onde poderían ensaiar sen molestar na súa marabillosa cidade?».

Saínza tampouco se amedrenta ante as inxustizas e rapidamente lle planta cara ao abusón da súa nova escola. Ela é capaz de «tapar bocas aos que din parvadas» e incluso ridiculizalos diante dos seus compañeiros. Tíñano máis que merecido por xulgala nada máis mirar para ela.

Pero no novo colexio tamén atopou a verdadeira amizade. Arroupada polas súas novas compañeiras Helena, Lucía e Sara, «todas tan diferentes, que non podía haber complemento mellor entre elas», pero que, ao mesmo tempo, comparten unha paixón: a música.

Saínza sabe tocar a pandeireta e ten ese «toque tradicional» que lle falta ao resto das integrantes do grupo e que precisan para o concerto de inicio de curso. É así como afianzan os vínculos entre elas e únense para dar un concerto que lles marcará para sempre. Porque todas elas son unhas «rapaciñas que teñen moito que contar e cantar!».

Revolución folk na cociña

Contaxiadas polo espírito tanxugueiro, as protagonistas elaboraron a letra, e ensaian no cabanel da avoa de Saínza a canción composta por elas mesmas. A revolución folk cocíñase ao carón dunha avoa entusiasta e marchosa á que non lle faltan ganas para unirse a este fenómeno musical que se aveciña. Ata deseñaron un vestiario acorde á moderna actuación que tiñan pensado executar. Sóalles de algo?

«Saínza é un canto á defensa do rural, das avoas, da transmisión natural da nosa cultura, do traxe de noso, da lingua, da música... da amizade e da loita incansable polas causas xustas, pola igualdade. Quizais por iso naceu un 25N» di a autora. Ferreña a fondo, punkiereteiras!