Os 25 discos galegos que marcaron este ano

FUGAS

-

Non son necesariamente os 25 mellores. Nin os que máis venderon. Son, sen afán de ránking, un testemuño da extraordinaria colleita musical galega do 2022

30 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

ecembro tras decembro, chegadas estas datas, xuro e perxuro que non me volverei meter no xardín da eleccións dos discos do ano. Mais os xuramentos fanse case sempre con vontade de incumprilos, así que aquí estamos de novo, facendo inventario. Porque diso se trata. Suxeita á ineludible subxectividade, esta mostra, busca tan só ser representativa da efervescente escena musical que se vive en Galicia. Unha policromía de sons na que, sen ningún tipo de complexos nin prexuízos, conviven e, mesmo por momentos, mestúranse a electrónica e o tradicional, o pop e o garage-punk, a canción de autor e o rock progresivo, o funk, o R&B... 

«CARTA ABERTA», ANTÍA MUÍÑO

Cando alguén se che presenta cun disco de debut así, só queda bendicir e estar atentos. Se cadra por ser o primeiro, hai referencias moi diversas nestas 11 cancións, pero, por enriba de todo, imponse unha voz xeradora de profundas e íntimas emocións. Unha marabilla.

«REVIRAVOLTAS», CUARTETO CARAMUXO

En xaneiro, cando apareceu este disco, xa apuntaba a estar entre os máis destacados do ano. E aquí está. Un álbum fascinante no que os Caramuxo indagan nunha contemporánea e emocionante interpretación da tradición afastada de dogmas e clixés.

«O MUNDO ESTÁ DERROTADO», FAMILIA CAAMAGNO

Os Caamagno saíron máis que airosos do dobre mortal con pirueta que se marcan con este disco «nostálxico, cómico e político», no que actualizan o seu son sen perder un chisco de identidade. Pura excitación.

«INTERFERENCIAS», GARZA

«Electrónica ambiental cunha profunda carga emotiva», titulei a crónica do primeiro disco de Garza. Co segundo, Adrián Charlín chega aínda máis alá, a partir dunha suxerinte e magnética conxugación de texturas electrónicas e elementos orgánicos.

«ROIBÉN», GUADI GALEGO

É este un deses discos que escoitas en bucle, diseccionando cada matiz, desvelando novas capas, afinando cada verso. E aínda así non deixa nunca de sorprenderte. Dez xoias de delicados matices que consagran en precoz e fértil madurez á nosa musa do pop.

«ALGO QUE SINALAR», LAMONTAGNE&PICOAMPERIO

Poucos discos teñen a capacidade de evocación que ten este L&P. Máis alá dese achado que é a conxugación da electrónica coas cantigas, neste álbum trázanse con turbadora sensibilidade territorios sonoros nada doados de explorar. Unha proposta moi exportable.

«AXEXAN, ESPREITAN», MOURA

Vaia regalazo que nos deixaron os Moura. Un disco de lenta dixestión. Denso, ferinte e de profunda pegada. Un doutoramento en progresivo, psicodelia e tradición galega. Dito así, case asusta, pero eles convérteno en algo tremendamente fascinante.

«SUELTA  Ø MUERDE», SANTI ARAÚJO

Publicado o 2/2/22 é un disco dual na súa concepción. Íntimo e voraz. Descarnado e tenro. Perfecto ata nas súas imperfeccións. Unha xoia de escoita imprescindible que se torna obsesiva e que debería ter suposto a reivindicación definitiva e ben merecida do seu creador.

«DILUVIO», TANXUGUEIRAS

Se falamos de discos transcendentes deste 2022, non podían faltar elas. Ninguén levou tan lonxe, nin achegou a tanta xente, a música en galego. E fixérono dende a tradición contemporaneamente entendida, o que redobra o seu valor.

A BANDA DA LOBA. Con Xabón Lagarta ampliaron horizontes estilísticos, estéticos e conceptuais. Un disco que é un poema trazado en doce versos sonoros. Doce cantos e doce berros á esperanza, á memoria, ao feminismo e á lingua.

ABE RÁBADE. Coa impagable colaboración de Davide Salvado, o pianista entregounos en Botánica un tratado de natureza sonora autóctona baseado na integración da estética musical e a exploración libre de prexuízos. Indescritible na súa beleza.

A PEDREIRA. Con ecos de electrónica vintage, ambient, folk progresivo e, por enriba de todo, a voz e a palabra, conformou Ugía Pedreira o fascinante Segmento cantábrico, onde reúne once cancións e un micropoemario. Que bueno que volviste!

BELÉM TAJES. Bastan 6 cancións para trazar a cartografía emocional dunha artista. É o que fai Belém Tajes en Un mapa, un disco no que se achega con sutil elegancia e desbordante de emocións ao folk rock con raíces galegas e latinoamericanas.

BERTO. Tras dous irregulares devaneos, froito da súa situación persoal, Berto retornou con Sinto ao terreo no que mellor se manexa, o do synth pop desenfadado, con referencias do funk e do disco. Agradécese reencontralo nese modo.

CATUXA SALOM. Outro disco de debut que se coa na lista. Nunha aldea reflicte, con momentos de excelsa brillantez, a conexión entre as dúas beiras do Atlántico, entre o rural e o urbano, entre o tradicional e o avanzado. Unha artista a seguir.

CHICHARRÓN. Erosión é un disco moi distinto ao que nos ten acostumados a banda de Carballo. Un disco acústico no que abordan temas como a perda, a dor e a enfermidade. Un disco cru, de sentimentos a flor de pel, sobrecolledor na súa escoita, pero ao tempo sanador.

KINGS OF THE BEACH. Quen dixo que o punk estaba morto é porque non escoitou WOAH! No seu segundo disco, o trío actualiza o seu son, con timbres máis melódicos, pero sen baixar nin un grao a intensidade das súas guitarras. Impagables.

LOITA AMADA. Como «a canción protesta do século XXI», definiu Jasper o seu novo proxecto, compartido con Nébeda Piñeiro. E si, por aí van as cousas. Loita amada revolucionaria deixa na escena musical unha profunda carga de compromiso.

MADALENA GAMALHO. Congratula que tantos primeiros discos asomen a este listado. Invento, un disco cunha profunda compoñente emocional, que ten o seu principal reflexo na delicadeza e na intensidade dunha voz exquisitamente persoal.

MONOULIOUS DOP. Agradécese o compromiso coa diversión e a dose de sentido do humor. Disko Disco é pura invitación ao baile e á festa, cun par de irrebatibles hits, xa con vocación de clásicos.

NASTASIA ZÜRCHER. A «artista do ano» asinou But Life is Beauty Full, un disco que ten unha escoita fascinante, con momentos bailables, outros cheos de flow e de groove e algúns de íntima e sobrecolledora intensidade. Unha delicatesen.

RAYOTASER. Xa con Álex Mera á fronte do proxecto chegounos Incendio, un disco que nace dunha ruptura e o seu desconsolo. Un cativador xogo de luces (poucas) e sombras (bastantes), artellado en clave de synth pop menos bailable e máis intimista.

SÉS. En Diante un eco, o seu oitavo disco, atopamos a unha Sés que se reencontra coas súas raíces musicais dende múltiples vertentes (rock, tradición oral galega, canción latinoamericana...), mantendo, por suposto, o seu forte compromiso social.

TESOURO. O novo proxecto do incombustible Carlos Rego devólvenos o pracer das cancións polas cancións. Pulcras, exquisitas, con aroma a clásicos pero sen nostalxias. Aquí conmigo é unha delicia de disco, deses que te debuxan un sorriso.

XABIER DÍAZ. Á marxe do seu discorrer coas Adufeiras de Salitre, artellou Xabier Díaz Levantarse e caer, un disco a contracorrente, cheo de fabulacións. Un flashback emocional cara á súa infancia dende unha ollada intimista non allea á nostalxia.