Catuxa Salom, a revelación folktrónica do ano: «Na pandemia pensei en deixar a música»

FUGAS

cedida

Galicia e Latinoamérica conflúen con fértil e feliz naturalidade nunha das músicas revelación deste 2022

15 dic 2022 . Actualizado a las 16:34 h.

Entre Galicia, onde naceu, e Latinoamérica, de onde provén a súa familia. Entre a música de raíz, coa que creceu, e a electrónica, coa que xeracionalmente coexiste. Entre o rural, onde agora vive, e o urbano, onde se formou e curtiu profesionalmente... Case todo na vida de Catuxa Salom cabalga entre dous mundos. A música, a estética, as paixóns... «É super enriquecedor. É como que tes sempre e para calquera cousa dúas fontes de inspiración», conta a artista, unha das grandes revelacións da música galega deste 2023. A culpa tena unha imaxe rompedora, un discurso consecuente, un feixe de concertos e, sobre todo, Nunha aldea, o seu primeiro e revelador disco.

 

—Haberá moita xente que se pregunte «pero de onde sae Catuxa Salom»?

—Eu levo xa 10 ou 12 anos na industria musical. De aí que teña xa moitísimas ferramentas. Parece, «ah!, saíu da nada». Non, da nada non. Veño con moita traxectoria. O que si é certo é que este ano, a medida que fun ensinando o proxecto, foi crecendo.

—Levaba unha década vivindo en Madrid; por que regresou a Galicia?

—Cando chegou a pandemia deime de conta de que en Madrid era moi difícil vivir da música. E pensei: «Pois ata aquí cheguei, deixo a música e vou facer o que quixen facer sempre, que é vivir no campo, nunha aldea. E, nada, cunhas colegas vimos en internet unha casa nunha aldea de A Pontenova (Lugo) e alugámola sen sequera saber onde estaba nin vir vela. Cando cheguei, levei un considerable ostión de realidade. Pero mira, sen pretendelo, comecei a compoñer outra vez e xurdiu este proxecto. Pero non tiña esa intención cando marchei de Madrid. Foi todo como moi orgánico, por iso está tendo tan boa acollida. Porque é moi puro, moi sincero, moi de corazón.

—Folktrónica, electrofolk rural... Acepta esas etiquetas para a súa música?

—Son etiquetas, sen máis. Está claro que bebo de fontes como poden ser Bomba Estéreo, Fuel Fandango, Nicola Cruz ou, de Galicia, Baiuca. E a esa corrente hai quen lle chama folktrónica. Eu prefiro non etiquetarme porque ao mellor o meu próximo tema é completamente distinto. Prefiro non perder a capacidade de sorprender.

—E a de «ecofeminismo»?

—Vivo nunha aldea, estou nun ambiente relacionado coa natureza e, polo que sexa, sempre me rodeei de mulleres. Aínda que isto é algo que fago de maneira inconsciente. Non é un patrón radical, pero si que, canto máis traballo lle poida dar ás mulleres na industria, mellor.

—Cántalles ás «mulleres pirata». Quen son hoxe en día?

—Na canción, son as mariscadoras. Pero é extrapolable a todas as mulleres empoderadas que loitan polo que nos foi arrebatado.

—Séntese unha delas?

—Ah, si, si. Claro.

—Como xurdiu a súa característica estética e que quere transmitir con ela?

—Para creala investiguei moitísimo con Ela de Estela, que é a deseñadora do vestiario. Estela é como a miña irmá, coñéceme moi ben. Eu tiña claro que se falaba deste proxecto con alguén que non me coñecera, ninguén me ía entender. Imaxínate..., unha fusión entre os indíxenas de Arxentina e o folclore galego. Pero empezamos a darlle voltas e collemos o patrón do pantalón gaucho e mesturámolo coa saia galega. É o elemento central. A partir de aí fomos sacando moitas pezas.

—Que plans ten para o 2023?

—Seguir inspirándome no ambiente de aldea, e compoñer e ensaiar moito coa banda para ter un directo incrible no verán.

—Sería imposible desenvolver este proxecto dende outro lugar?

—A nivel económico, totalmente imposible. Invisto moito nel e non podería se vivise nunha cidade, porque o 80 % dos meus ingresos iríanse en vivir alí.

—E a nivel creativo?

—Eu collo a furgo e vou a moitos sitios. Non son das que beben só dunha fonte...

—Dá a sensación de que a conexión con Latinoamérica non se limita só aos seus ascendentes familiares.

—Non, claro que non. Eu teño medio corpo en Latinoamérica. A día de hoxe, as miñas principais influencias son mulleres latinoamericanas, sexan do rap ou da folktrónica. Hai moita caña alí. Latinoamérica agora mesmo está en plena efervescencia e están pasando cousas moi potentes, tanto a nivel político e social como artístico. Aquí en Europa estamos un pouco máis durmidos.

—No seu caso, van unidas música e compromiso?

—Para min son moito máis importantes os meus actos que os meus discursos nas cancións. Intento que uns e outros vaian acordes. E estou tranquila porque creo que o vou conseguindo.

—Que oco ve no mercado musical actual para un proxecto como este?

—Para min este é un proxecto con vocación internacional. Penso que pode ter cabida en moitos ámbitos. De momento, en Galicia o que estou facendo e desfrutalo e agradecer o recibimento que está a ter. A nivel nacional sei que vai ser moitísimo máis lento e centrareime en principio en lugares onde teñen linguas cooficiais, que supoño que empatizarán máis con el. E, despois, hai países onde as músicas de fusión e de raíz están integradísimas na industria, como poden ser Francia, Alemania, Irlanda, México, Brasil... Aí é a onde a min, pouco a pouco e sempre dende o respecto, me gustaría chegar.

 

  • CAMBADOS KRAZZY KRAY. SÁBADO,  22,30 EUROS